En setembro volve o exercicio ao aire libre nos xardíns municipais

0

Xusto despois de erguérense as restricións á mobilidade por causa da pandemia, o Concello iniciou un calendario de actividades ao aire libre para recuperar a forma física tras varias semanas de confinamento. A iniciativa tivo éxito, con case unha vintena de participantes que se achegaron aos xardíns municipais en pequenos grupos, primeiro con horarios de tarde e, posterioremente, con sesións de mañá. Esa é a razón -e o feito de que o ximnasio siga pechado- de que a área de Deportes teña previsto retomar esta proposta a partir de setembro. Fará falla reservar contactando directamente co técnico municipal David Guiñazú chamando ao 672 942 426.

O monitor organizará rutinas adaptadas a todas as idades e ás necesidades obxectivas de cada participante. Estiramentos, relaxación, algo de cardio, traballo de forza e de flexibilidade…  Guiñazú verá primeiro como estamos e despois achegaranos táboas que poidamos levar adiante sen maior problema, co obxectivo de mellorar o noso estado xeral, fortalecer certas partes ou simplemente tonificar aquelas que precisan un chisco máis de atención.

As clases ao aire libre durarán hora e media e distribuiranse en quendas de tarde ou mañá dependendo dos días. En cada grupo só poderá haber un máximo de 20 persoas:

  • Os luns, martes e xoves haberá tres grupos de tarde: de 16 a 17.30h., de 18 a 19.30h. e de 20 a 21.30h.
  • Os mércores e venres as sesións grupais serán pola mañá, podendo elixir entre os seguintes horarios: de 9 a 10.30h., de 11 a 12.30 e de 13 a 14.30h.

Para sumarse a esta iniciativa fai falla reservar antes, como moi tarde a véspera, chamando ao 672 942 426. Porén recoméndase que, se se ten pensado ir con regularidade, xa se faga reserva dunha tacada para todos os días en que se queira asistir.

Ruta de sendeirismo polo Castro o 19 de setembro
Para quen lle tiren máis as rutas pola natureza tamén hai unha proposta municipal. O sábado 19 de setembro haberá un percorrido de 10 quilómetros de distancia e intensidade media-baixa con saída do adro da igrexa de Naraío. Desde alí seguirase a ruta do Castro até o castelo -onde haberá avituallamento- e despois regresarase ao punto de partida.

O itinerario ten un alto valor ambiental e patrimonial. Na compaña dunha persoa de guía veranse múltiples elementos da arquitectura civil e relixiosa, pero tamén se pasará por espazos de grande beleza natural. Quen participe na ruta terá cobertura dun seguro de accidentes.

Por razóns preventivas hai un máximo de 25 prazas para maiores de 7 anos, que se asignarán por orde de inscrición dándolle preferencia á veciñanza de San Sadurniño.  Para anotarse hai que chamar ao 981 490 027 de luns a venres en horario de mañá.

Share.