En San Sadurniño teremos Entroido a través das redes sociais

0

O Entroido, a festa máis irreverente do ano, cae baixo neste 2021. Tan cedo vén que case non teremos tempo de acabar polvoróns, turróns e mazapáns sobrantes do Nadal. E é que o Martes de Carnaval, festivo local, é o 16 de febreiro, dentro de pouco máis de tres semanas. E para daquela xa teremos que ter listo o noso disfrace para celebrarmos a troula como merece… aínda que tendo moi presente a situación tan grave na que nos encontramos. Por iso a Concellaría de Cultura vai promover un Entroido virtual co que manter a tradición, pero tamén as medidas preventivas. A cousa irá da seguinte maneira: teremos que preparar  na casa a indumentaria entroideira, vestila,  sacar unha ou como moito dúas fotos e mandalas por whatsapp antes do 17 de febreiro. As imaxes publicaranse despois no Facebook municipal e un xurado valorará as máis simpáticas e orixinais. Tamén poderán participar minicomparsas de conviventes -desde o 27 de xaneiro non están autorizados grupos de persoas que non vivan xuntas- , que nese caso deberán enviar tamén foto ou ben un vídeo  coas súas coplas ou cancións de Carnaval. No caso dos disfraces individuais, e dependendo das categorías, haberá premios consistentes en vales para material didáctico e para gastar no comercio local, mentres que no apartado de comparsas poderanse ganar ceas ou xantares nos restaurantes e casas de comidas do concello. Os premios entregaranse, se a situación o permite, o sábado 6 de marzo.

O Concello quixo darlle novo pulo ás máscaras o ano pasado organizando un pequeno desfile de Entroido por Marqués de Figueroa e remate no CPI. A iniciativa tentaba sentar as bases da recuperación dun costume tradicional que foi indo a menos nos últimos tempos e, visto o ánimo e o número de participantes que se xuntaron, parece que a cousa ía por bo camiño.

O Carnaval de 2020 celebrouse tan só tres semanas antes de que se declarase o primeiro Estado de Alarma e de que comezase un auténtico pesadelo do que aínda non demos saído. Se as cousas fosen doutra maneira, neste 2021 repetiríase a experiencia e, quizais, con máis máscaras e máis troula. Pero non vai poder ser… aínda que a Concellaría de Cultura, afeita xa a adaptar as actividades á nova situación, non renuncia a que a tradición se manteña e a que San Sadurniño teña Entroido. Un Entroido seguro.

Por iso o Concello organizou o certame “Entroidadas”, que premiará as mellores máscaras nun formato de concurso que se desenvolverá de maneira virtual. Poderán participar as veciñas e veciños empadroados ou residentes no municipio e fará falla inscrición previa chamando ou mandando un whatsapp ao 616 332 919, no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou presencialmente na Casa da Cultura. Haberá que indicar os datos da persoa ou persoas participantes -nome e apelidos-, a categoría na que se participa, o enderezo e un teléfono de contacto.

Os disfraces terán que ser de fabricación artesanal. Non hai ningún tipo de restrición temática, pero si se insiste niso, en que as persoas participantes deberán lucir indumentarias feitas na casa, nada de comprar os traxes. De feito, segundo poñen as bases, ese será motivo suficiente para quedar fóra do concurso.

Cada persoa só poderá participar unha soa vez e nunha única categoría que, no apartado individual, son as seguintes:

  • Infantil (ata 7 anos), que poderán levar tres premios en forma de vales de 50€ para cambialos por material didáctico na Libraría Brétema.
  • Xuvenil (de 8 a 15 anos), para os que se reservan outros tres bonos de 50€ canxeables en Brétema.
  • Adulta (de 16 anos en diante), tamén con tres vales de 50€ para gastalos no comercio local.

Para entrar  no concurso fará falla enviar ao correo ou ao whatsapp de Cultura como máximo dúas fotos , indicando o nome que se dese na inscrición previa. As fotos serán valoradas por un xurado formado por tres persoas que mirarán a orixinalidade e a creatividade.

Tamén hai un apartado dirixido a comparsas formadas por quen vivan na mesma casa (a normativa preventiva non permite neste momento grupos de non conviventes). As comparsas que se formen só para lucir os seus traxes só terán que mandar unha ou dúas fotos de grupo, igual que nas categorías individuais. Nese caso concederase un único premio -que valorará a súa orixinalidade- consistente nun vale de 100 € por un xantar ou cea  nun restaurante ou casa de comidas local.

Porén, Cultura tamén premiará aquelas comparsas de conviventes que preparen coplas, coreografías, cancións… ou todo ao mesmo tempo.  Porén, en vez de foto, nesta categoría deberán mandar por whatsapp ou correo un vídeo -preferiblemente gravado en horizontal- onde se escoiten e vexan ben os seus retrousos satíricos. Para elas hai reservado, tamén como premio único,  un vale de 150€ por un xantar ou cea nalgún dos establecementos do territorio.

Ademais, o día da entrega dos galardóns, tamén se sortearán cinco lotes de produtos de proximidade entre as persoas participantes non premiadas.

Tanto as fotos como os vídeos poden remitirse até as 14.00h. do mércores 17 de febreiro. Ao longo desa xornada todas as imaxes recibidas publicaranse no Facebook do Concello, de maneira que o Entroido de San Sadurniño se convirta nunha cita virtual da que toda a veciñanza poida gozar desde a casa.

O fallo do xurado darase a coñecer o 26 de febreiro publicándoo na web municipal e os premios para cada categoría entregaranse, se a situación sanitaria o permite, o sábado 6 de marzo ás 12.00h. na Casa do Concello.

Bases actualizadas do concurso

ESTA INFORMACIÓN E MÁILAS BASES ACTUALIZÁRONSE O 26/01/2021 PARA ADAPTAR O FORMATO DO CONCURSO ÁS NOVAS RESTRICIÓNS DE NIVEL EXTREMO QUE SERÁN DE APLICACIÓN, POLO MENOS, ENTRE O 27 DE XANEIRO E O 17 DE FEBREIRO DE 2021

 

 

 

 

Share.