En marcha varias intervencións de mellora da seguridade viaria

0

O pleno ordinario do pasado mes de setembro tratou, entre outros asuntos, a dación de contas da liquidación do orzamento municipal de 2017 que, de acordo cos resultados positivos, permitiu a incorporación nesa mesma sesión de 140.000 euros ás contas deste ano para levar adiante distintos proxectos. Cinco, para sermos exactos: o cofinanciamento da próxima actuación no castelo de Naraío, a mellora do alumeado no convento do Rosario e nos arredores da Casa do Concello, o acondicionamento do aparcadoiro da área recreativa dos Currás e, por último, outros dous proxectos relacionados coa mellora da seguridade viaria e peonil que, ou están en marcha ou van empezar a executarse nos próximos días. 

Un deles -orzamentado en 24.449 euros- é o que está máis avanzado e, en realidade, comprende catro pequenas actuacións que responden a peticións formuladas polas parroquias de Igrexafeita e Naraío nas asembleas participativas do ano pasado.

Neste sentido, as obras que xa se executaron  foron as da protección dunha marxe da pista que vai desde A Ribeira até A Fervenza -en Igrexafeita- tras quedar danada por un corremento de terras hai dous anos, mentres que no caso de Naraío os traballos consistiron na construción dun muro de contención xusto onde conecta a pista principal do Pico coa antiga estrada das Pontes. Alí déuselle máis ancho ao acceso coa finalidade de facilitar a incorporación dos vehículos con máis dificultade para manobrar -o camión do lixo, por exemplo-, para o que foi preciso reforzar a ribada con pedras de grande tamaño.

As outras dúas actuacións incluídas neste proxecto servirán para aglomerar a pista que desemboca no campo de fútbol de Naraío e para poñer unha varanda de protección na volta de Pirulelle, xusto no límite entre San Sadurniño e Neda, onde xa se produciron varias saídas de vía sen consecuencias persoais, aínda que si materiais.

A última partida orzamentaria, de 23.764 euros, corresponde ao arranxo dunha pista en Cornide e outra en Lamas. O proxecto había de facerse xa o ano pasado e, de feito, xa estaba contratado e a empresa adxudicataria mesmo fixera os labores previos de limpeza. Porén, a partir de aí máis nada e ante o incumprimento dos termos do contrato, o Concello viuse na obriga de resolvelo  e de volver iniciar todo o procedemento de contratación, trasladando o seu custe ao orzamento de 2018.

O departamento de Obras agarda que os traballos se retomen nos próximos días  e deles encargarase a empresa Canarga Construcciones S.L.. En Lamas repararase a pista que vai da  AC-862 ata O Cancelo e logo ata Vilaverde e Brame antes de volver conectar coa xeral. En San Sadurniño amañarase a pista que une a ponte da Cortiña e o camiño da Bidueda, en Cornide.

Share.