En marcha o VI Chanfaina Lab

0

Empeza o Chanfaina Lab. En realidade xa empezou hai uns días co obradoiro sobre montaxe audiovisual de Sandra Sánchez, continuado logo con outros dous, o último esta mesma mañá centrado na fotografía 3D. Porén, a parte máis fílmica, por así dicilo, arrancou esta tarde coa recepción dos realizadores e realizadoras participantes, que asistiron no Concello a unha pequena presentación introdutoria tanto do encontro como do territorio e, posteriormente, foron dando un paseo até o arboreto da Cortiña para plantar a árbore conmemorativa da presente edición.

Nas entremedias fíxose a foto oficial, que emula a imaxe de 1918 coa que se ilustra o cartel do evento. Aquela foto de un século de antigüidade mostra varias mozas de familias ricas do centro de San Sadurniño ataviadas como labregas e, na desta tarde, os participantes posaron da mesma maneira, aínda que exhibindo unicamente apeiros de labranza e outros tarecos da exposición que hai estes días no interior do pazo.

A última hora da tarde celebrouse a “Eira de cineastas”, consistente nunha presentación dos creadores e creadoras asistentes e no pase de pezas ou fragmentos de cada unha delas. O cine volve mañá ás 20.30h. coa proxección de “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén, como remate dunha primeira xornada de gravación en que os distintos equipos estarán ciscados polo territorio producindo as súas curtas, igual que o domingo.

Share.