En marcha dúas novas licitacións para reparar 3,6 quilómetros de pistas municipais

0

O Concello publicou hai varios días os pregos técnicos e administrativos de dous contratos de obra que teñen por finalidade a reparación de sete pistas da rede viaria municipal. O primeiro deles é un paquete unitario para asfaltar varias vías en Santa Mariña, San Sadurniño e o Camiño Arriba que, en conxunto, suman algo máis de dous quilómetros. O segundo proxecto centrarase no aglomerado entre o Eirexado e Lourido, en Naraío, sobre unha distancia próxima aos 1,6 Km. Os contratos sufráganse con programas provinciais e supoñen un montante global próximo aos 102.000 euros.

As empresas teñen até as 23.59h. do día 14 de setembro para achegar as ofertas técnicas e económicas do proxecto Eirexado-Lourido, que está orzamentado en 57.666,53 euros, ive incluído. Terán que amañar exactamente 1.575 metros de pista empezando no cruzamento ao pé da igrexa parroquial, continuando logo por Correlo e subindo, finalmente, polo camiño novo que vai por detrás da Cernada ata chegar ás primeiras casas de Lourido, onde conecta coa pista antiga que vén desde o Cerdeirido pasando polas Lobeiras, a Augaquente e Neirós.

En todo ese percorrido farase unha limpeza en profundidade das gabias e tamén da actual superficie asfaltada, que será a base sobre a que se botará a nova capa de aglomerado de 4 centímetros de grosor. Nos primeiros 360 metros, entre o Eirexado e o Cerdeirido, o largo medio da vía será de 4,5 metros, mentres que o resto da vía terá 4 metros de largura.

Esta  obra finánciase dentro do POS+ Adicional 2020 da Deputación da Coruña e forma parte do plan para arranxar todo o eixo que conecta a zona sur de Naraío co concello da Capela. Nestes momentos está en fase de avaliación o contrato correspondente ao seu último tramo -de Quintiá ao cruzamento da Grúa- e o Concello agarda obter proximamente financiamento para a licitación da parte central, entre Lourido e Quintiá.

Reparacións noutros camiños municipais
Con cargo a un plan provincial -neste caso o POS+ 2020- tamén se sufragarán os labores de reparación en seis pistas situadas na súa maioría na metade norte do concello. Nelas farase unha limpeza xeral das cunetas e máis do firme para despois taparlles os baches e volvelas asfaltar.

O proxecto que as agrupa todas reflicte intervencións na pista das Calvelas, en Santa Mariña do Monte, de 185 metros de longo. En San Sadurniño hai outras catro: a que vai do Albeiro á estrada provincial DP-7603, de 465 metros; o camiño interior deste núcleo, de 340 metros de lonxitude; a pista que enlaza  o lavadoiro da Agra de Abaixo coa Pernuda (410 m.) e a reparación da vía que vai desde Cornide até a Bidueda, de 365 metros. Por último tamén vai recollida a reparación da pista do Freixo, no Camiño Arriba, que cobre 295 m. de distancia.

O prazo para presentar ofertas a este contrato, cifrado en 44.178,49 €, impostos incluídos, finalizará ás 23.59h. do día 13 de setembro, tal e como se sinala na Plataforma de Contratación do Estado, desde onde se poden descargar os pregos técnicos e administrativos de todas as licitacións en marcha.

Share.