En marcha a Aldea de Verán 2022

0

As  40 nenas e nenos inscritos na quenda de xullo da Aldea de Verán xa levan varios días de actividade tendo como principal espazo de referencia o ximnasio do CPI de San Sadurniño. Ata fin de mes brincarán e compartirán un tempo de aprendizaxe e lecer que nesta edición terá moito que ver, entre outros temas, coa ciencia, o exercicio físico, a música e incluso co labor xornalístico. Propostas lúdicas e educativas todas elas  -e de conciliación para as familias- que non só se desenvolverán a cuberto, senón que tamén están previstas ao aire libre nas varias saídas que hai programadas. O departamento municipal de Igualdade, por outra banda, recorda que ata o martes da semana que vén, día 12 de xullo, permanece aberto o prazo de solicitude de participación na quenda de agosto da Aldea.

A Aldea de Verán vén sempre precedida dun traballo de meses de Igualdade para preparar o procedemento de contratación da empresa que presente o mellor proxecto dentro do marco orzamentario e de acordo coas liñas xerais que define o Concello, que se centran, entre outros, no traballo en valores como o respecto, a cooperación, a igualdade ou a corresponsabilidade, e en aspectos como a empatía ou a escoita activa.

Este ano a Aldea está sendo xestionada por Sonaga Gestión S.L., quen achegou unha proposta baixo o título “Xogamos e aprendemos” que toca de maneira transversal diversos temas que se van incluíndo nas mañás da rapazada en distintos días.

Así, os luns a primeira hora teñen Ciencia Tola para facer espectaculares -e inocuos- experimentos que lles axudan a entender a física e a natureza, logo tócalles Zumba e na segunda parte da mañá, trala merenda, métense nos Xogos Musicais e nos Xogos con Talento que promoven a súa creatividade.

Os martes hai Cociña Creativa, Xogos Tradicionais e, para baixar “revolucións”, media hora de Ioga infantil.

Na xornada do mércores a mañá está moi orientada ao exercicio, co Training Day e a Pista Americana, intercalando no medio un obradoiro para que a rapazada se converta en xornalista. O día remata con piscina e media hora de relaxación.

O xoves ten unha compoñente artística e de aventura, xa que a cativería participará na primeira metade da mañá nunha sorte de Talent Show, mentres que na segunda xogarán á sempre apetecible Busca do Tesouro antes de finalizar cunha sesión de estiramentos.

O venres, cabo da semana na Aldea de Verán, desenvolverán unha Xincana Fotográfica e un obradoiro de creación artística antes de marcharen de novo á piscina no caso de que o mércores non fixese bo tempo. O remate é musical, con Karaoke e Zumba.

Este programa xeral combinarase con pequenas excursións, contacontos e outras propostas. O último día haberá unha grande festa  na que serán as nenas e nenos quen se encarguen de deseñar a decoración.

Inscricións na Aldea de Verán do mes de agosto
E mentres avanza a Aldea de xullo, seguen descontándose días para que finalice o prazo de inscrición na da quenda do mes de agosto, que remata o martes 12 de xullo.

No acceso ao campamento terán prioridade as familias empadroadas en San Sadurniño e, dentro delas, aquelas que sexan monoparentais ou que teñan os dous proxenitores traballando ou formándose para o emprego. Logo daráselles acceso a aquelas que só teñan un dos proxenitores traballando ou facendo formación para o emprego e, en terceiro lugar en orde de prioridade, as que non cumpran ningunha das anteriores pero que estean empadroadas.

Se quedasen vacantes daríaselles entrada cos mesmos criterios a familias de fóra de San Sadurniño pero con vinculación laboral co municipio, ás de fóra do concello pero con nenas ou nenos matriculados no CPI e, en último lugar -só se quedasen prazas- a calquera outra petición seguindo unicamente a súa orde de entrada no rexistro municipal.

O horario global das actividades é de 8:30 a 14:30h.de luns a venres dividido en dous turnos: un de 8:30 a 14:30h. e outro de 9:30 – 10:00h. a 14.30 horas. Hai 35 prazas dispoñibles, aínda que para o primeiro turno, o máis madrugador, só se ofertan 10. Dentro dos criterios de asignación de prazas tamén se lles dará preferencia aos madrugadores e ás solicitudes para todo o mes (pode solicitarse só unha quincena).

Os prezos públicos da Aldea de Verán 2022 son os mesmos que o ano pasado e as contías varían dependendo do número de membros da unidade familiar e dos horarios elixidos:

Horario de
8:30 a 14:30h
Horario de
9:30 a 14:30h
1º Membro da unidade familiar 110€ 80€
2º Membro da unidade familiar 75€ 50€
3º Membro da unidade familiar 45€ 30€

 

Documentación que se debe achegar (en verde a descargable en pdf que deberá achegarse coa solicitude):

O anuncio dos prezos públicos pode consultarse nesta ligazón e a información  completa do programa pode descargarse desde estoutra.

Share.