Empezan as obras en catro pistas municipais, financiadas a través do POS+ Adicional 2019

0

A empresa José No Mantiñán e Hijos iniciou hai escasos días os traballos de reparación dun total de catro pistas que en conxunto suman 2,3 quilómetros da rede viaria municipal. Os labores iniciais consistiron na limpeza das gabias e na achega de material que se vai utilizar nalgunhas delas -tubaxes principalmente-, mentres que os asfaltados propiamente ditos comezaron hoxe e prolongaranse durante os proximos días. O proxecto, financiado con fondos provinciais do POS+ Adicional 2019, adxudicouse en 32.500 euros e con el amañaranse as pistas da Laxe ao Couto, en Lamas, a da Castiñeira, en Ferreira de abaixo, e dúas máis en Naraío: o camiño Pereiras-Fontao e o que enlaza o lugar da Penavidreira coa estrada das Pontes. 

O proceso de contratación das obras viuse afectado pola interrupción de prazos derivada do Estado de Alarma, polo que o Concello tivo que agardar a mediados de xuño para facer a adxudicación definitiva das obras, para as que presentaron ofertas 10 empresas do sector. A gañadora rexistrou unha oferta de 32.500 euros, impostos incluídos, e un prazo de execución máximo de 45 días.

O traballo que deberá facer é practicamente o mesmo nas catro pistas incluidas no proxecto, debido precisamente a que todas elas teñen unha configuración por largura e composición do firme moi similar, pero tamén polo grao de desgaste que presentan. Neste sentido as obras van consistir na limpeza das gabias -algo que xa se fixo hai días-, na instalación de tubaxes de drenaxe en certos puntos e na reposición completa do firme alternando regas asfálticas e grava.

A de maior lonxitude é a estrada que enlaza o lugar da Laxe co do Couto, en Lamas, que chega aos 940 metros cunha largura media de 4 metros. Séguea en distancia a pista que vai de Fontao a Pereiras sucando os montes do Cabaleiro. Nese caso son 800 metros e un promedio de 3 de largura, posto que a pista está encaixada na súa maior parte nunha forte pendente labrada a forza de barreno a principios dos anos 80. En Naraío tamén se reparará a pista que vai desde A Casilla -preto da rotonda de acceso á AG-64- até o lugar da Penavidreira. Son 360 metros, cen máis xustamente que o último camiño incorporado ao proxecto, a pista da Castiñeira, que enlaza este lugar de Ferreira coa DP-7601.

En licitación o aglomerado desde Quintiá até o límite coa Capela
Canda estas obras xa en marcha, o Concello ten aberto o período de recepción de propostas para a primeiro dos tres proxectos cos que se aglomerarán outras tantas pistas que se encadean desde o Eirexado até o límite da Capela pasando por Lourido e Quintiá, en Naraío. As tres obras ían inicialmente tamén con cargo ao POS+, aínda que a primeira que se licita -por un prezo próximo aos 55.000 euros, ive incluído- se trasladou ao Plan de Mellora de Camiños da AGADER. Trátase do tramo que discorre desde Quintiá até preto do cruzamento da Grúa.

As empresas que desexen participar no procedemento teñen até o 6 de agosto ás 23.59h. para obteren a documentación e presentar as súas ofertas. Toda a información está publicada no Perfil de Contratante do Concello.

Share.