Empeza unha Aldea de verán “cos cinco sentidos”

0

A primeira hora desta mañá botou a andar a edición de 2020 da Aldea de verán, o programa socioeducativo promovido pola área municipal de Igualdade que este ano é, cando menos, atípico no seu desenvolvemento. As obrigar preventivas da COVID-19 tíngueno todo, tamén as actividades de conciliación para familias e rapazada, e por iso a aldea tivo que adaptarse a unha nova realidade presidida pola hixiene de mans e respiratoria, pola separación en grupos de idade e por unha reformulación das actividades. Porén, os obradoiros manteñen intacta a súa filosofía de ser punto de encontro e aprendizaxe para as nenas e nenos, con quen se traballará tanto a concienciación “cos cinco sentidos” ao respecto destas novas circunstancias, como tamén as súas repercusións emocionais.

As nenas e nenos matriculados na primeira quenda da Aldea de verán -a que empezou hoxe- foron chegando a partir das 9.00h. ao pavillón municipal, epicentro por razóns de espazo dos obradoiros que se desenvolverán este ano. A entrada nas actividades fíxose aos poucos e de maneira escalonada, algo que xa se pactara previamente coas familias como unha das medidas básicas de prevención. A outra é facer grupos máis reducidos e separados entre si.

“Todas as actividades tiveron que reformularse a nivel de ratios e a nivel de medidas de protección e seguridade. Faciamos unha actividade con 40-45 crianzas e este ano tivemos que limitala a 20 e en tres grupos que funcionarán como tres aldeas, xa que non poderán ter contacto entre elas en ningún momento, cada unha co seu monitorado e co seu material”, explica a técnica de Igualdade Verónica Rodríguez.

Ademais da redución de grupos e a delimitación dos espazos para cada un deles, na Aldea de verán tamén se adoptan outras medidas. Á entrada tómaselles e anótaselles a temperatura, de maneira que xa nese punto haxa un filtro que detecte posibles síntomas. Tamén se comenta coas familias que tal pasaron a noite ou se lles notaron algo que poida dar lugar a sospeitas. “Unha crianza hoxe está xogando ou móllase na casa e mañá pode ter unhas décimas de febre, pero iso é un risco que este ano non podemos correr”, comenta Rodríguez, engadindo que de atoparse sintomatoloxía coincidente “hai un protocolo por se xorden sintomatoloxías (que se lle trasladou aos pais e nais na xuntanza informativa da semana pasada) e temos un contacto previo co Centro de Saúde. Primeiro comunicaríaselles ás familias e á responsable municipal e, a partir de aí, contactaríase coas autoridades sanitarias”, seguindo a normativa en vigor sobre a “nova normalidade”.

Trala toma da temperatura, as nenas e nenos deben desinfectar mans e pés e logo, unha vez que entran na súa zona -o pavillón está dividido en tres partes- as monitoras están moi pendentes para minimizar as posibilidades de que a rapazada comparta material. Incluso se lles pediu ás familias que lle mandasen á cativería unha caixiña coas ferramentas creativas básicas, como son tesouras, lápis, rotuladores, etc. Neste sentido tamén será necesario “establecer novas maneiras de relación e de comunicación e de xogo con menos contacto”, explica a coordinadora do campamento, Raquel Veiga.

Durante estes primeiros días as actividades serán de adaptación, que a cativería se acomode e interiorice as novas circunstancias poñendo nelas os cinco sentidos, algo que se fará a través do xogo. “Que sexan conscientes destes protocolos e desta nova realidade, que sexan conscientes dos autocoidados, de que temos que protexernos a nós memos e ás outras persoas. E, tomando ese fío, traballar a empatía e o xogo cooperativo, pero con certas limitacións”, indica a coordinadora.

O pavillón municipal dividiuse en tres espazos, un para cada grupo de idade

O pavillón municipal dividiuse en tres espazos, un para cada grupo de idade

“Esta Aldea de verán vai ser un pouco especial, posto que ademais dos protocolos sanitarios, de controlar a temperatura, de comentar coas familias como están ou como pasaron a noite para prestar atención a posibles síntomas, tamén se valorará con que emocións veñen ao campamento”. E é que, asegura Veiga, as nenas e nenos “veñen dunha época sen moito contacto social, dun tempo de illamento, algo que a nivel anímico e social ten consecuencias para as crianzas. Este ano reforzaremos máis se cabe a parte emocional. Terase en conta falar e crear ambientes nos que poidan, a través dos xogos e das actividades, reflectir todo iso: que lles preocupa, que pensan, que queren…”.

Últimos días para efectuar as matrículas das quendas de agosto
A “Aldea de verán” está organizada en tres quendas quincenais até o 31 de agosto. A primeira, que comezou hoxe, prolongarase até o 31 de xullo. A segunda quenda desenvolverase desde o 3 ao 14 de agosto e a terceira entre o 17 e o 31. En todas elas cubríronse as prazas ofertadas e desde a área de Igualdade lémbraselles ás familias admitidas nas quincenas de agosto que deben formalizar a matrícula antes das 14.30h. deste xoves 23 de xullo.

O trámite farase preferentemente a través da Sede Electrónica Municipal achegando toda a documentación requirida: ficha de matrícula, datos sanitarios, autorizacións, declaración responsable sobre a COVID-19, 1 foto tamaño carné, copia do DNI das persoas autorizadas á recollida, a copia da tarxeta sanitaria do neno ou nena (especificando profesional sanitario e centro de saúde de referencia) e o xustificante do pagamento da cota de participación mediante ingreso ou transferencia na conta do Concello.

Os xustificantes de pago deberán ser individuais -aínda que haxa dous ou máis irmáns matriculados- e no concepto haberá que indicar “Aldea de Verán 2020” xunto co nome da nena ou neno participante e a quenda na que se vaia facer a matrícula. Se se opta por facer o trámite presencialmente no Concello haberá que solicitar cita previa en horario de mañá chamando ao 981 490 027.

A Aldea de verán é un proxecto socioeducativo e de conciliación promovido polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña.

Documentación descargable:
Listado provisional da 2ª e a 3ª quenda da Aldea de Verán (.pdf)

Ficha de matrícula (.pdf)
Folla de datos sanitarios (.pdf)
Autorizacións (.pdf)
Aceptación das condicións de participación (.pdf)
Declaración responsable (.pdf)

 

Share.