Empeza o Nadal en San Sadurniño

0

O Concello prendeu o venres á noite a iluminación do Nadal na zona do centro urbano, ademais de levar outros elementos decorativos a distintos puntos do territorio co obxectivo de tirar pola participación no concurso “Engalana o teu Concello”, que propón adobiar casas, espazos públicos e negocios durante estas datas. O último día para achegar as fotos das decoracións é o luns que vén, polo que cómpre apurar para non quedar fóra dun certame que entregará como premio 20 vales para gastar no comercio e na hostalaría local, ademais de dúas cesta de produtos para os establecementos mellor decorados. Ademais tamén está en marcha a campaña “No Nadal, consumo local” para promover o gasto nos negocios do municipio e o sábado a programación infantil co espectáculo Patapatúm e a visita do Apalpador. 

Patapatúm é un espectáculo pensado para rapazada a partir dos 4 anos no que a música, as máscaras e o movemento se xuntan nun universo cómico do que tamén gozarán as mamás e papás. Ten unha duración aproximada de 45 minutos e, ao seu remate, o Apalpador adiantará a súa viaxe máxica por Galicia vindo por San Sadurniño antes que por ningún outro sitio. A obra terá lugar na Casa da Cultura este sábado 18 de decembro a partir das 18:00h.  Hai que reservar entrada no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

A seguinte cita para a rapazada está programada para o domingo 26 de decembro, tamén ás 18:00h., coa proposta musical “Soñando inventei”. Trátase dunha montaxe de Urdime coa voz de María Faltri,  que lle fala á cativería a partir de 3 anos de diversidade e igualdade por medio das cancións recollidas no libro-disco “Fantasía coas palabras”. Un espectáculo trans-formador que se describe como “unha viaxe ao centro dos soños” protagonizada porpersonaxes femininas “libres para ser elas mesmas e chegar a tocara lúa”. As entradas hai que reservalas neste caso chamando ao 981 490 027 ext.1 ou mandándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

O xoves 30 de decembro ás 18:00h asistiremos na Casa da Cultura ao  Máis difícil todavía de Circus Magníficus. Risas aseguradas coas incribles destrezas circenses do Grande Marino e os non tan atinados números do seu discípulo, o desastroso Samuino. A parella Circus Magníficus leva ao auditorio municipal un auténtico show de malabares, acrobacias, clown e todos os números clásicos do circo tradicional, adobiados por eles dous con gags surrealistas que lle farán pasar unha hora ben entretida a públicos de todas as idades. A entrada, igual que para os espectáculos anteriores, é de balde, pero fai falla reservar no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

2022 empeza coa visita dos paxes reais os días 3 e 4
Os Magos de Oriente envían uns días antes aos seus paxes e outros persoeiros do Nadal para visitar os locais das parroquias e recoller as cartas das nenas e nenos. En todos os locais servirase un chocolate quentiño acompañado de roscón.

  • O luns 3 de xaneiro pasarán ás 16:00h polo local de Naraío, ás 17:00h polo de Ferreira e ás 17:30h polo de Igrexafeita.
  • O martes 4 de xaneiro, o grupo de paxes visitará ás 16:00h o local social de Bardaos, ás 17:00h o de Lamas e ás 17:30h o de Santa Mariña do Monte.
Baltasar, Melchor e Gaspar acudirán á súa cita coa rapazada de San Sadurniño na tarde do día 5 de xaneiro. Serán recibidos con música e unha chocolatada na praza do antigo Concello a iso das 17:00h e, se chovese, o encontro coas SS.MM. de Oriente celebrarase no ximnasio do CPI San Sadurniño.
Malia que a recepción está posta para a tarde, os Reis xa andarán por San Sadurniño desde pola mañá. Chegarán en tren á estación de Silvalonga e despois visitarán a residencia Súa Casa, o Centro de Día e a EIM A Rolada.

Concurso “Engalana o teu concello”
Entre as propostas do Concello para estas festas  tamén se encontra o concurso  “Engalana o teu concello”, que propón decorar casas, negocios e espazos públicos ao aire libre. Valorará e premiará aquelas montaxes máis creativas e orixinais feitas con calquera material que luza vistoso: cintas, obxectos que haxa pola casa ou de reciclaxe, etc. Todo queda á imaxinación e só se pon como condición que o resultado sexa visible desde a vía pública e que non se utilicen unicamente luces.

Participar é moi sinxelo. Despois de decorar a casa ou o negocio haberá que sacarlle como máximo 3 fotos -unha delas xeral desde a vía pública- e envialas por whatsapp antes do 20 de decembro ao 616 332 919 -ou a agustin.perez@sansadurnino.gal- xunto cos datos de contacto e a categoría na que se quere participar. Hai tres apartados: individual (decoración de vivendas), colectiva (engalanamento de espazos públicos) e establecementos, este último subdividido á súa vez nas seccións de escaparates e exterior. Só se poderá participar nunha categoría.

O xurado dará a coñecer os premios o día 30 de decembro. O acto de entrega será o 8 de xaneiro ás 12:00h na Casa da Cultura. Os premios son os seguintes: na categoría individual, 15 vales de 50€ cada un para consumir na hostalaría ou gastar no comercio local; no apartado colectivo, 5 vales para xantares ou ceas para 5 persoas por vale; e na categoría de establecementos, unha cesta de produto galego para o mellor escaparate e outra para a mellor decoración exterior.

O Concello tamén decorou espazos
A Concellaría de Cultura tamén se suma á iniciativa preparando distintos lugares do municipio co obxectivo de animar á veciñanza a participar no concurso e mesmo a engadir máis elementos decorativos en cada un dos espazos elixidos. As árbores de Marqués de Figueroa levan pequenos carteis e figuriñas sobre o significado destas datas -en colaboración con Triscos e Fíos-, no Campo da Feira colocáronse varias caixas de agasallos -con axuda neste caso de Floristería La Feria- e, ademais, xa está montado no patio da Casa do Concello o grande nacemento promovido hai máis de 40 anos por Marián Arroyo. O Belén, de grandes dimensións e armado pola propia Arroyo con axuda de varias veciñas de San Sadurniño, xa está aberto ao público  e poderá visitarse nos horarios de apertura das oficinas municipais, de 8:30 a 14:30h. de luns a venres. Os días 18, 23 e 30 de decembro e o 5 de xaneiro tamén estará aberto de 16:00 a 20:00h. Os domingos 26 de decembro e 2 de xaneiro o horario será de mañá: de 11:00 a 14:00h.

Cultura tamén conta coas figuras cedidas por Carlos García  e, este ano, o Apalpador de madeira deseñado por Paula Aneiros botará todo o Nadal colocado no palco da música de Ferreira, que fará as veces de epicentro dunha aldea cuxos elementos -parte deles obra de Aneiros- se distribuirán por outros lugares do territorio: o palco de Lamas, o cobertizo do local social de Bardaos, o local social da Golpilleira, en Santa Mariña, e a zona verde da Torre, en Igrexafeita, onde se disporán animais e outras cousas relacionadas co carboeiro do Courel. En Naraío o Concello optou por iluminar o Castelo.

Share.