Eloy Arnosa, nova promesa do audiovisual local

0

Na estrea das pezas producidas no Chanfaina Lab 2019/20 puidemos ver un importante crecemento da participación local. Arredor dun 70% das curtametraxes fixéronas realizadoras e realizadores de aquí botando man de moita imaxinación conceptual e tamén para suplir a falla de medios, aínda que a maquinaria sexa hoxe o de menos habendo móbiles e cámaras de fotos que por catro pesos nos dan uns resultados case -ou sen case- profesionais. Facendo pequenos grupos para sacar adiante as súas ideas, a representación de San Sadurniño pariu historias de todo tipo e cunha grande calidade onde o humor foi un elemento común na maioría delas. Fran da Lobeira, Bieito Beceiro, Abel Vega, as mulleres da Horta, a cativería -Catalina, Pablo, Iago e os irmáns Cortizas,-, Ángela Arnosa -e Kevin, que xa é coma da casa-… a quen se lles uniron por primeira vez a tropa de Narahío Media, o documentalista André Couce e o protagonista da última peza subida a youtube, Eloy Arnosa. Irmán de Ángela e estudante en Vigo, Eloy sorprendeunos neste Chanfaina parodiando os docu-realitys de amaño de casas coma os que podemos ver na “jalleja” e nalgunha canle privada. Porén, o máis abraiante para quen o coñecen foi descubrir o seu talento como actor. Acudimos de novo a Fálame de San Sadurniño para recoller a glosa que fai o profesor Manolo González tanto da curta, titulada “A Casa soñada”, como do seu director.

Eloy é un mozo inquedo que está a estudar o segundo curso de Enxeñaría da Enerxía na Universidade de Vigo. Non ten ningunha peza realizada no eido audiovisual, máis manexa varias ideas que lle gustaría levar á práctica algún día. Esta é a primeira vez que participa no Chanfaina lab e o seu obxectivo básico foi experimentar e probar a ver se era capaz de levar adiante un proxecto audiovisual. De feito, a mente analítica deste mozo de 21 anos xa anda argallando o que vai facer na vindeira edición do encontro audiovisual.

A Eloy picoulle o interese polo Chanfaina o ano pasado. Tiña dúbidas sobre se participar e gravar algunha peza como estaba a facer a súa irmá Ángela Arnosa. De modo que, despois de darlle moitas voltas a varias ideas, durante o verán en Naraío optou por facer unha parodia dun programa que vía de cando en vez nas tardes de lecer: “a idea era facer unha adaptación (con certo estilo absurdo) do programa “Property Brothers” en San Sadurniño, para mostrar, con humor, cómo sería ese programa levado ao noso territorio”.

Así chegou a idear unha versión moi persoal de “A Casa Soñada” que é “simplemente unha parodia sobre os docu-realitys na que se mostra unha versión que non coincide para nada cos luxos e grandes obras que fan orixinalmente na TV. Así, tamén se da a entender que a maioría da xente non ten suficientes recursos e cartos como para comprar grandes casas nin unha capacidade tan grande de inversión e que ten que ir ao “barato”.

Así pois en “A casa soñada” debemos deixarnos atrapar polo sentido do humor que debulla o guión, arroupado polas esmendrellantes interpretacións de actores profesionais como Kevin Lorenzo, mais tamén por grandes interpretes locais -moi coñecidos polo público de Sansa- como Carmen Bouza ou Abel Vega e os “actores revelación” Martín Prieto e o mesmísimo Eloy Arnosa que debuta con total solvencia. Na peza tamén podemos ver un curioso cross-over de Lina, a cadela que protagoniza a curtametraxe “Trae!”, producida polo seu dono, Fran Bermúdez, que se estreará máis adiante.

Do mesmo xeito o director novel contou coa colaboración técnica de chanfaineiros veteranos como a adolescente Catalina Rodríguez (sonidista) e Ángela Arnosa (cámara e montaxe). Como ben afirma o propio director e guionista: “o obxectivo inicial, máis que ningún outro, era o entretemento. Tan só pasalo ben e gozar durante dez minutos desta peza, que amosa momentos divertidos, pero que tamén pode facer pensar sobre o inalcanzable que son a compra e reforma de casas na realidade, aínda que o vexamos de maneira cotiá.”.

Mañá venres á tarde, sobre as 18.00h., nova estrea virtual na canle de youtube do Chanfaina Lab. Xa van dúas e quédannos outras 28 cheas de creatividade made in San Sadurniño.

 

Share.