Ei ti, ghoven… ¿tes moito que facer o día 24 ou o día 29? ¿non?, pois atende…

0

“Se tes entre 14 e 30 e es de San Sadurniño, tes unha cita! Unha cita con toda a rapazada veciña túa e máis co Concello. E é que é momento de que as mozas e mozos digades en voz alta que precisades, que botades en falta, como é o voso día a día e como vedes o futuro”. Así, cunha mensaxe clara e directa, arranca o texto que este mesmo mes publicamos no boletín Novas para implicar a mocidade de San Sadurniño no desenvolvemento do proxecto europeo ECMYNN. Un chamamento que convoca á xuventude para participar o luns 24 pola tarde ou o sábado 29 pola mañá nun encontro organizado co obxectivo de que a xente nova fale abertamente de cales son as súas necesidades e perspectivas de futuro. Os encontros desenvolveranse na Casa da Xuventude e non serán nin unha aburrida conferencia nin tampouco unha sesión para encher enquisas en papel, senón que estarán cheos de xogos cooperativos e outras dinámicas grupais que fomenten o diálogo cunha parte da veciñanza que en San Sadurniño supón arredor do 20% da poboación.

O programa  Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs (ECMYNN) continúa a súa fase de investigación en San Sadurniño na procura dunha metodoloxía que axude a nivel europeo a reducir o problema da xente nova que nin estuda nin traballa e, de paso, atopar a maneira de que a mocidade -traballe, non traballe, estude ou non estude- se achegue con normalidade á administración para facerlle oír as súas peticións e mesmo incidir activamente na definición das súas políticas.

Nos últimos meses houbo un intenso traballo de investigación sociolóxica con axuda de entidades veciñais, clubes deportivos e do colexio público, que fixeron ponte de unión coa mocidade do municipio. Un traballo que se materializou máis de 200 cuestionarios e entrevistas que achegaron  valiosa información estatística sobre os distintos perfís do que comunmente se denomina “mocidade”, pero tamén datos interesantes a partir dos que formular estratexias que aproximen a administración á xente nova e, ao revés, que tamén propoñan a maneira de que a xente nova se achegue aos organismos públicos para facerlles saber as súas demandas.

Porén, a estatística é só unha parte. A outra é a dinamización social coas miras postas en que a mocidade se implique na vida pública propoñendo ideas e participando en grupos que trascendan o seu contorno inmediato. Neste sentido o Concello organizou dous encontros coa mocidade na Casa da Xuventude, un a partir das 17.00h. do luns 24 e  outro a partir das 11.00h. do  do sábado 29 de outubro.

Estes dous encontros programáronse en dous días distintos para que a xente nova poida elixir en cal lle vai mellor participar. Están abertos a rapazada e mocidade de entre 14 e 30 anos e, a diferenza das charlas ou conferencias, concibíronse como eventos nos que primarán as actividades grupais de todo tipo, como poden ser os xogos cooperativos e outras dinámicas coas que conseguir que sexa a propia xente nova quen fale sobre o que agarda da administración e tamén sobre como ve o seu futuro.

O emprego, a formación, a vivenda, a oferta de actividades, o que botan en falta, o que hai e como se podería mellorar son só algunhas cuestións que se queren abordar nos encontros para coñecer os puntos de vista e as propostas da xente nova.

A coordinación do programa está esta semana facendo unha convocatoria personalizada chamando a mozos e mozas que participaron nas enquisas do verán. Porén, aos encontros pode sumarse máis xuventude enviando un correo a orientacion.laboral@sansadurnino.gal ou ben chamando aos teléfonos 981 490 027 ext.2 e 608 201 251.

O resultado dos encontros -cos que tamén se agarda promover a creación de grupos de mozos e mozas con intereses comúns- sistematizarase nunha guía de accións que despois se incorporará ao estudo final do ECMYNN xunto coas achegas das outras institucións europeas implicadas no proxecto financiado polo ERASMUS+. A iniciativa finaliza no mes de maio de 2017 e o seu cometido é sintetizar nun único documento unha relación de boas prácticas que poidan aplicar institucións e administracións públicas de toda a UE, dirixidas especialmente a reducir a taxa de mocidade que nin estuda nin traballa.

O proxecto ECMYNN está coordinado por institucións de Italia, Polonia, Grecia, Romanía e, en España, por San Sadurniño. Cada unha delas desenvolve un apartado concreto do estudo que, no caso de San Sadurniño, se centra en boa medida na testaxe de novos xeitos de conexión entre a administración e a mocidade.

Share.