Ensino

A educación é outra das pedras sobre as que se asenta o desenvolvemento dunha sociedade. San Sadurniño conta cunha comunidade educativa caracterizada polo seu dinamismo. Todos os actores implicados no desenvolvemento infantil e da mocidade -Concello, profesorado, ANPA- buscan ofrecerlles ás xeracións do futuro todas as posibilidades para que a etapa en que se forman como persoas lles sexa de proveito. Neste cometido un dos principais referentes é a Escola Infantil Municipal aberta en 2015. O centro está a medio camiño entre un espazo educativo e un servizo para que as familias teñan máis facilidades á hora de conciliar traballo e crianza dos fillos e fillas.

IMG_1782A Escola Infantil Municipal de San Sadurniño, situada ao carón da Casa do Concello, ofrece 38 prazas nas que poden matricularse nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos de idade como paso previo á escolarización. As prazas distribúense do seguinte xeito: 8 prazas na unidade de 0-1 ano, 13 na de 1 a 2 anos e 17 na de 2 a 3 anos. A EIM é un servizo de titulariedade municipal -é o Concello quen se encarga das admisións e da supervisión do cumprimento do programa educativo-, aínda que xestionado mediante unha concesión pola empresa Bolboreta S.C. O ingreso no servizo para o seguinte curso pode solicitarse no mes de marzo, sendo a primeira quincena para reservas de praza e a segunda para solicitudes de nova incorporación. O proceso de admisión segue un regulamento aprobado en pleno no que se prioriza o ingreso de nenos e nenas de familias empadroadas no concello. Se hai vacantes nalgunha unidade ábrese a matrícula a familias con algunha relación laboral co municipio e, se aínda quedasen prazas, a familias doutros concellos.

Os prezos da escola están recollidos na ordenanza que regula o servizo e que vai actualizando o importe da taxa segundo o IPC. O centro tamén ofrece a posibilidade de contratar o servizo de comedor para almorzo, merenda e xantar e horas soltas ou complementarias de atención para que as familias poidan elixir unha opción axeitada ás súas necesidades. Regulamento de rexime interno da Escola Infantil Municipal (incluídas taxas en vigor)

IMG_4743Como complemento da actividade da EIM, o Concello tamén puxo en marcha o programa Espazos das familias, co que se retomou a actividade desenvolvida durante case tres décadas polo desaparecido Preescolar na casa. Espazos das familias é un punto de encontro quincenal no que os nenos e nenas comparten cos papás e mamás un tempo de xogo no que os cativiños e cativiñas empezan a socializar con outras criaturas e a desenvolverse nun contorno distinto da casa. Nestes obradoiros as familias aproveitan, ademais, para por en común as súas experiencias e para solventar dúbidas coa axuda dos demais e da educadora familiar que coordina o encontro.

IMG_5868Referentes en ensino público 
O outro lugar de referenza para a educación dos nosos fillos e fillas é o CPI de San Sadurniño, un centro que oferta 515 prazas desde 4º de educación infantil ata 4º da ESO no que, ademais dos propios programas lectivos, se realizan ducias de actividades académicas paralelas, moitas delas con colaboración municipal.  Entre elas cómpre destacar os programas científicos relacionados coa robótica e as novas tecnoloxías, os proxectos de reciclaxe e posta en valor de refugallos -sobre todo o de aceites domésticos-, o programa de seguemento climático ou a participación do alumnado no programa estatal LOVA -La Ópera, Vehículo de Aprendizaje- no que a rapazada se encarga de todo o proceso creativo dunha representación de teatro musical. En relación co deporte, desde o centro tamén se promoven actividades como a Parada familiar de xogos tradicionais ou a multitudinaria Carreira popular á que asisten equipos de toda Galicia e que está aberta a todas as categorías.

Pola súa banda, a ANPA do CPI tamén desenvolve un importante labor educativo coa na realización de actividades extraescolares. O Concello leva varios anos asinando un convenio  para axudar a financialas -4.000 euros en 2015- e implicouse a través do pleno municipal na reivindicación perante os organismos autonómicos tanto de melloras estruturais como das que conduzan á excelencia da calidade educativa do centro.

Axudas
A contribución municipal á educación da rapazada non se centra unicamente no mantemento da EIM e do CPI nin na colaboración cos programas educativos, senón que tamén existe unha liña de bolsas escolares -dotada anualmente cuns 25.000 euros- das que se benefician os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal, os e as do CPI local e tamén quen, por proximidade, deben acudir a centros públicos de concellos limítrofes ou para aqueles mozos e mozas que cursen ensinanzas de grao medio ou universitarias. Dependendo da renda as bolsas poden chegar aos 200 euros para as ensinanzas obrigatorias e aos 600 no caso das postobrigatorias.

Para bolsas de estudos obrigatorios e postobrigatorios  resérvanse nos orzamentos municipais un promedio de 15.000 euros. Outros 2.000 quedan pendentes de reparto pensando nos casos de emerxencia que poidan xurdir e os 8.000 restantes van para a EIM. Ás axudas para servizos de conciliación poden acollerse as familias do municipio que sexan usuarias da escola infantil. A convocatoria -aberta na primeira quincena de marzo- establece un sistema de baremacións obxectivo e redistributivo que garante que obteñan unha maior contía quen máis o necesiten. Para acceder ás axudas establécese un máximo de renda neta da unidade familiar de 25.000 euros e, dependendo do número de solicitudes, o importe máximo pode chegar aos 1.500 euros por nena ou neno matriculado na Escola Infantil Municipal de San Sadurniño. As axudas convócanse anualmente xusto despois da entrada en vigor do orzamento municipal, normalmente entre os meses de febreiro e marzo.