E ti de quen vés sendo)

0

A pregunta do titular resume dalgún xeito a idiosincrasia galega. Esa mesma que nos deu fama, alén do Telón de Grelos, de ser xente reservada e desconfiada e outros moitos estereotipos que para nada responden á realidade. Ou si. O que é indiscutible é a nosa capacidade de empatizar, de poñernos no lugar dos demais. Máis aínda cando se trata de acoller a quen, coma nós durante séculos e aínda hoxe, fai as maletas para marchar da súa terra, ben por necesidade, ben por cambiar de aires. As realizadoras locais Ary López e Sabela Íñiguez recollen na curtametraxe do Chanfaina Lab E ti de quen vés sendo? varios testemuños de persoas de lonxe que elixiron San Sadurniño para vivir. Tantos como motivos para recalar nunha terra que, segundo eles, ten ben merecido aquilo de “vila da tranquilidade”.

A curta gravouse dentro do proxecto de creación audiovisual Chanfaina Lab convocado o pasado mes de setembro co obxectivo de converter San Sadurniño e a súa xente nos principais eixos narrativos, dándolles aos autores e autoras total liberdade na forma e nos formatos. Ary López e Sabela Íñiguez -as dúas de San Sadurniño e as dúas formadas no ámbito do audiovisual e a comunicación- decidiron tirar do fío da impresión que teñen do concello persoas “venideras” (palabra que daría para un tratado): “as dúas somos naturais deste Concello e vivimos cunha certa tradición de ser un tanto pechados cos de fora. Tiñamos curiosidade por cómo ven e qué opinan de San Sadurniño aquelas persoas que, non sendo naturais do concello, viven connosco por elección propia. Parecíanos que a súa mirada sería diferente e tamén interesante”, aseguran as directoras en Fálame de San Sadurniño.

Como punto de partida escolleron esa expresión tan nosa coa que tratamos a quen non coñecemos: E logo ti de quén ves sendo?. “Tentamos desmitificar a curiosidade inicial para amosar que son xente coma nós, que mesmo teñen historias parecidas e que comparten a vida con nós a todos os niveis”.

Para contar a súa historia non se complicaron nin na posta en escena nin na realización. O fundamental eran os testemuños e para mostralos non fixeron falla adobíos estéticos. “O noso tratamento documental tiña que ser sinxelo, sen meternos en lugares complicados, nos que puideramos ter algún tipo de traba”. Na peza interveñen e Edith Pando, procedente do Perú; Agustina Motas, unha albaceteña afincada en Santa Mariña; Luis Miguel Izquierdo, de Lamas aínda que procedente xunto coa súa dona de Madrid; e, por último, a venezolana Gloria Pérez e o seu marido José Manuel García, que recalaron en Lamas xunto coa súa filla e o seu fillo. Viven na mesma casa onde naceu e viviu José Manuel ata que os seus pais, tamén emigrantes, o levaron canda eles para Venezuela.

O resultado é unha peza de oito minutos de duración cun aire a road movie que, en certa medida, evoca os camiños que trouxeron aos protagonistas ata aquí e tamén os camiños que nos unen a todos e todas nun mesmo contorno territorial, cultural… e tamén emocional.

Share.