E se teño hipoteca ou estou de alugueiro e non poido pagar?

0

Antes da fin de semana resumimos as medidas dirixidas a persoas autónomas e empresas para amortecerlles o impacto da crise sanitaria nas súas economías. Hoxe imos falar das medidas relacionadas co pagamento de alugueiros e de hipotecas, que aparecen resumidas xunto con outras de tipo social neste documento publicado polo Goberno do Estado. Nel respóndense varias preguntas que lle poden estar pasando pola cabeza a aquelas persoas que se encontren nunha situación vulnerable por causa da pandemia. Vaiamos contestando a algunhas delas:

A. ALUGUERES

Que criterios debo reunir para ser considerada persoa en risco de vulnerabilidade?
Poderán acollerse á consideración de persoa en risco de vulnerabilidade todas aquelas que estean en paro, os traballadores/as afectadas por ERTES ou reducións de xornada ou os autónomos que visen reducidos os seus ingresos. O interesado/a deberá acreditar que, no mes anterior á petición de tal consideración, os ingresos de todos os membros da unidade familiar non alcanzasen o triplo do IPREM (que actualmente se atopa en 537,84 euros mensuais) incrementado por fillos ou dependentes a cargo. Ademais, contemplarase o suposto de que a renda de aluguer máis os gastos comúns supere o 35% dos ingresos netos do fogar.

Poden desafiuzarme durante esta crise?
O Goberno suspendeu  todos os desafiuzamentos sen alternativa habitacional de fogares vulnerables ata que se cumpran 6 meses tras o fin do estado de alarma. Ninguén pode ser expulsado da súa casa na actual situación.

Se o meu contrato de aluguer finaliza proximamente, poden botarme do piso?
Quedarán prorrogados automaticamente por 6 meses todos os contratos de aluguer en vigor que estean a piques de vencer; unha medida que na práctica supón impedir que a ningunha inquilina ou inquilino cun contrato vixente se lle poida subir o aluguer durante os próximos 6 meses.

A crise da COVID-19 afectoume directamente e non poido pagar o meu aluguer. Que poido facer?
A través do Instituto de Crédito Oficial, o Estado puxo en marcha un sistema de microcréditos sen comisións nin xuros para a persoa arrendataria, para que todas as persoas en situación de vulnerabilidade poidan facer fronte ao pagamento do aluguer da súa vivenda habitual.

Os inquilinos e inquilinas que se beneficien destes microcréditos avalados ao 100% polo Estado e con condicións vantaxosas, poderán devolvelos nun prazo de 6 anos, ampliables ata 10 no caso de que teñan dificultades.

Quen pode acollerse a estes microcréditos?
O Estado fixo unha  definición moi ampla dos supostos de vulnerabilidade para acollerse a este sistema de microcréditos públicos que, sumada ás facilidades para a devolución dos mesmos, permitirá que un gran número de persoas inquilinas poida acollerse a eles. Por exemplo, poderán acollerse todas as persoas en paro, os traballadores afectados por ERTEs, por reducións de xornada por coidados, ou os autónomos que visen reducidos significativamente os seus ingresos.

Son unha persoa que quere acollerse a un microcrédito, cal é o procedemento para reclamalo? Debo facelo por medio da entidade bancaria?
En tal caso, deberás poñerte en contacto coa túa entidade bancaria para comezar os trámites. Para estes efectos, deberás presentar a documentación correspondente que acredite a situación de vulnerabilidade sobrevida como consecuencia da crise sanitaria. É importante ter en conta que a entidade non poderá obrigarte a suscribir seguros nin ningún outro produto asociado ao crédito.

Que pasa se aínda así non podo facer fronte á devolución das axudas financeiras públicas?
O Estado aprobou a creación dun programa de axudas para facer fronte aos pagos do aluguer para as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade. Unha das finalidades deste programa é axudar a pagar a devolución dos préstamos a aquelas persoas que se sigan atopando en situación de vulnerabilidade e, por tanto, non poidan facer fronte á devolución das axudas financeiras.

Son un pequeno propietario/a, están as rendas das miñas vivendas en risco pola pandemia do Coronavirus?
O decreto garante que todas as persoas que sexan pequenas propietarias van percibir integramente as rendas das súas vivendas e, ao mesmo tempo, garante que os grandes propietarios e os fondos de investimento van asumir parte do impacto da medida efectuando quitas ou reestruturacións das débedas dos seus inquilinos. A publicación do Estado explica a filosofía desta medida diferenciando entre un pequeno propietario e un fondo voitre ou un gran propietario de vivendas. Non é o mesmo, por exemplo, unha parella xubilada que recibe unha pensión baixa e que vive grazas a que pode complementar a súa pensión cunha renda dun piso ou dun local que compraron tras toda unha vida de traballo, que alguén que teña 15 ou 20 vivendas alugadas, ou que un fondo voitre que teña miles de vivendas e locais.

Estou en situación de vulnerabilidade e o meu caseiro/a é un gran propietario de vivendas/un fondo de investimento, que pode ocorrer?
Se un inquilino/a está en situación de vulnerabilidade e o seu caseiro é un gran propietario de vivendas ou un fondo de investimento, o inquilino poderá solicitar o aprazamento temporal e extraordinario no pago da renda e o arrendador terá que elixir entre dúas opcións: ou ben debe levar a cabo unha quita do 50% da débeda do inquilino, ou ben debe reestruturar esa débeda para que o inquilino poida pagala de maneira fraccionada durante alomenos 3 anos.

B. HIPOTECAS

A normativa estatal publicada para paliar os efectos da crise sanitaria tamén abrangue unha moratoria no pagamento de hipotecas (incluíndo nela os locais e oficinas) de empresarios, autónomos e profesionais e que sufrisen as consecuencias da actual situación. Ademais simplificáronse os criterios de vulnerabilidade das potenciais beneficiarias para non dar lugar a interpretacións que limiten dereitos.

Perdín o meu emprego como consecuencia do estado de alarma, cando se me esixirá o pago da cota da miña hipoteca?
O Goberno ampliou a tres meses (fronte ao mes que contemplaba ata o de agora) a moratoria no pago de hipoteca para aquelas persoas que perdesen o seu emprego ou visen reducidos os seus ingresos como consecuencia da epidemia de coronavirus.

Son un pequeno empresario e sufrín perdas significativas pola crise do Coronavirus, que fago coa hipoteca do meu local?
A moratoria do pago de hipotecas para a adquisición de vivenda habitual fíxose extensiva a locais e oficinas de autónomos en situación de vulnerabilidade. Isto significa que os pequenos empresarios que non teñan actividade polo estado de alarma ou sufrisen perdas significativas poderán optar a deixar de pagar temporalmente a súa cota hipotecaria.

Cales son os actuais criterios de vulnerabilidade para acollerse a unha moratoria do pago de hipotecas?
Os catro criterios de vulnerabilidade que deben cumprirse para pedir unha moratoria no pago das cotas hipotecarias tanto de vivendas como de locais son os seguintes:

  1. Persoas que queden en paro ou que sufran unha perda substancial dos seus ingresos ou vendas en caso de ser empresarios (polo menos un 40%).
  2.  O conxunto dos ingresos dos membros da unidade familiar non pode superar, no mes anterior á solicitude da moratoria, o límite de tres veces o IPREM (1.613 euros) aínda que hai circunstancias, como ter fillos a cargo, a idade ou grao de discapacidade, que aumentan o límite.
  3.  Ademais, a cota hipotecaria (máis os gastos e subministracións básicos) ten que ser superior ou igual ao 35% dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar.
  4. Entenderase tamén que se produciu unha alteración significativa das circunstancias económicas cando o esforzo que represente a carga hipotecaria sobre a renda familiar multiplicouse por polo menos 1,3.

Como certifico a miña condición de vulnerabilidade?
Será suficiente unha declaración responsable para certificar a situación de vulnerabilidade económica debida á epidemia de coronavirus, aínda que máis adiante deberase demostrar cos correspondentes certificados.

Share.