E… ¿que temos na fin de semana?

0

Pois vai ser que nos vén aí unha fin de semana ben completa e, segundo parece, cun tempo un tanto cambiante pero, polo menos, non tan chuvioso coma o desta mañá. A oferta de eventos arranca este sábado pola mañá coa charla sobre as hortas que se desenvolverá na Casa da Xuventude e, xa o domingo, teremos tres propostas para participar ou asistir como espectadores: a IV Carreira Popular Concello de San Sadurniño, a XI Feira de artesanía e de degustación de carrilleiras de Lamas e, pola tarde, a sorprendente obra de teatro “Ploff, os fabulosos cleaners” da compañía Malasombra.

A xornada sobre agricultura familiar sostible organizada polo Concello quere ser un encontro para a reflexión sobre o papel das hortas na economía familiar e no medio ambiente, ademais de analizar técnicas e metodoloxías que melloren a xestión das leiras.

Ás 10.00h. intervirá a enxeñeira agrónoma Silvia Caffaro para falar sobre o manexo agroecolóxico do solo e da auga, ademais de tratar conceptos como o da fertilidade, a importancia da orientación e da pendente ou a estrutura do sustrato de cultivo.

Sobre as 11.00h. comezará a segunda charla, a cargo do enxeñeiro técnico agrícola Andrés Castro. El achegará información sobre como deseñar correctamente unha horta, na liña de combinar de forma axeitada cultivos complementarios, planear as rotacións e incluso protexer as plantas das pestes e pragas con outras plantas ou preparados naturais.

A xeira pecharaa ás 12.00h. Marcos Besada -tamén enxeñeiro técnico agrícola- ocupándose da agroecoloxía nas hortas familiares e destacando o valor do minifundismo como un sistema agrario eficiente que, ademais, contribúe á diversidade.

Ao remate, sobre as 13.00h., abrirase unha quenda de preguntas co obxectivo de iniciar un debate que trascenda a sesión e que permita volver ver o modelo produtivo tradicional como algo do presente e non como algo do pasado. O evento desenvolverase na Casa da Xuventude este sábado e con entrada libre.

Case 1.000 participantes na carreira popular
De toda a programación da fin de semana, sen dúbida o evento máis multitudinario será a carreira popular que percorrerá o contorno do paseo do Xuvia na mañá do domingo. Nesta edición, a cuarta, a cita bate todas as marcas de participación, con 705 persoas inscritas na carreira absoluta -5.000 m.- e outras 224 nas categorías escolares.

A saída da primeira carreira darase ás 11.10 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2005, 2006 e 2007-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Vinte minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2003/2004 e 2000/2002- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.40 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2008 e 2009- e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2008/2009. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2012 e 2013- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, prevese cortar un  dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.

Feira de artesanía e carrilleiras en Lamas
Case ao mesmo tempo que a carreira arrancará en no Chao de Lamas a XI Feira de artesanía e de degustación de carrilleiras de tenreira, organizada pola Asociación Xuntanza. A feira empeza ás 11.30h. coa inauguración oficial para, a continuación, abrir os postos de artesanía e outros obradoiros.

Sobre as 12.30h. o grupo Tania ofrecerá o seu primeiro pase musical a xeito de aperitivo dun xantar composto por carrilleiras e empanada, ademais de sobremesa con requeixo e biscoito. O prezo é de 16€ para persoas adultas e de 10 € para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Os máis pequenos e pequenas, gratis.

A feira prolongarase toda a xornada con venda de artesanía e produtos da terra. Ás 18.00h. Tania volverá subir ao escenario para facer o pase final da tarde no que tamén haberá unha exhibición da academia de baile Fusion Dance.

E, para rematar a xornada, teatro
Dous aventureiros á procura fa fórmula secreta do xabón descobren o laboratorio no que se acha o ansiado elixir xabonoso. A partir de aí, os personaxes emprenderán unha excitante viaxe conducidos por fantásticas pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes… burbullas que se moverán aquí e acolá da man de Xoque Carbajal e Jouse García na adaptación ao galego do espectáculo “¡Uiiiii!” creado por Luis Beviá, que tamén é director desta abraiante obra.

O espectáculo vai dirixido a un público familiar e poderemos velo a partir das 19.00h. na Casa da Cultura. As entradas van a 5€ e poden reservarse no 616.332.919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal

Share.