E outro premio máis para “Teño unha horta…”

0

Hai escasos días o proxecto audiovisual e de inclusión dixital “Teño unha horta en San Sadurniño” recollía en Madrid o premio concedido pola fundación DomusVi á mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores e, tan só dous días despois, recibiron a noticia dun accésit ao galardón Son Dixital outorgado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que na súa primeira edición recaeu na asociación naronesa Nuestra Señora de Chamorro pola iniciativa de comercio electrónico www.innovanaron.com. O recoñecemento para “Teño unha horta…” vai dirixido ás súas protagonistas, Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa “pola súa transformación persoal e participación dentro do proxecto”.

Na nota remitida aos medios pola Xunta sinálase que, trala súa posta en marcha en 2015, “Teño unha horta en San Sadurniño” converteuse “nun bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural”, destacando o seu carácter innovador na forma de transmitir o traballo e a tradición a través de youtube.

A AMTEGA destaca tamén o valor dos “relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida” por estas cinco mulleres que amosan como a tecnoloxía pode “transformar unha vida dedicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas”.

A axencia convocou este ano o primeiro certame Son dixital para recoñecer as experiencias máis destacadas en innovación social dixital desenvolvidas desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres últimas edicións do proxecto CeMIT-Innova, adscrito ao Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020.

Outorgáronse un premio e dous accésits. O proxecto ganador foi o portal www.innovanaron.com, creado e xetionado pola asociación Nuestra Señora de Chamorro  e as persoas con discapacidade intelectual que participan diariamente nos seus obradoiros. O outro accésit levouno o equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.

 

Share.