E máis cursos, desta vez un sobre o aplicativo móbil do SERGAS impartido pola Aula CeMiT

0

Os últimos días son un non parar en canto a oferta de charlas e cursos en San Sadurniño. E hoxe non ía ser menos. A Aula CeMIT acaba de pasarnos información sobre a súa próxima convocatoria formativa en liña, que ensinará a manexar a app SERGAS Móbil a través da que é posible ter na palma da man unha potente e intuitiva ferramenta para gardar a tarxeta sanitaria, pedir cita en atención primaria e outros servizos relacionados coa atención médica. O curso empeza o 27 de abril e finaliza o 7 de maio. Ten case cuberto o seu cupo de participantes, pero se hai demanda abonda crearíase outro grupo a maiores, posto que ao ser mediante videoconferencia non hai problemas de aforo. Quen queira anotarse pode mandar un whatsapp ao 616 016 793 ou un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.

Para asistir a distancia a esta formación é necesario dispor de ordenador, móbil ou tableta e, ademais, ter conexión a internet (mellor a wifi da casa para non gastar datos). Empezarase instalando a aplicación do SERGAS e mirando todas as súas funcionalidades: tarxeta sanitaria virtual, cita en atención primaria, seguimento de citas e quendas para outras consultas, videoconsulta, busca de centros, mensaxes e notificacións, acceso á historia clínica, etc.

A actividade desenvolverase os martes, mércores ou venres con horarios a elixir entre as 9.30 e as 11.00 e entre as 11.00 e as 12.30h. Dependendo desas preferencias así se configurarán os grupos, que incluso se poderían ampliar a outros días e horarios se houber demanda suficiente.

Non fai falla ter experiencia previa, pero si uns mínimos coñecementos sobre navegación pola rede e manexo de dispositivos móbiles (na Aula CeMIT tamén se pode solicitar a inscrición en calquera dos cursos de iniciación que ofrece ao longo do ano). Ademais tamén é recomendable -aínda que non imprescindible- ter algunha noción sobre como funciona a plataforma Zoom, utilizada como principal medio de impartición dos cursos trala irrupción da pandemia.

De feito, a responsable da aula, Carmen Suárez, destaca a rapidez e a capacidade coa que o seu alumnado -a maioría de 55 anos para arriba- se adaptou no último ano ás clases en liña. Unhas circunstancias excepcionais que tamén obrigaron á aula a “cambiar o chip” con respecto a como se traballaba antes.

“Á xente ao principio cóstalle aventurarse a facer un curso online porque lles dá algo de preguiza ou porque pensan que vai ser máis difícil do que realmente é. Hai que instalar as aplicacións, facer probas, comprobar a conexión e medir a velocidade, enredar ata que o audio funciona, encadrar ben a cámara e iluminar minimamente para que poidamos vernos as caras… nalgúns casos cambiar o PC porque xa é moi vello e non pode sequera cos programas básicos, outras veces reclamarlle á compañía porque non hai velocidade suficiente ou buscar outra directamente…son moitas as cousas que xorden e que temos que tomar con paciencia, tanto elas e eles como eu mesma, porque a distancia ofrece certas vantaxes, pero tamén moitos inconvenientes”, explica Suárez, engadindo que “podería contar mil aventuras que nos pasan todos os días”.

Con todo, a técnica municipal tamén asegura que todos os atrancos “que non son poucos”, supoñen pequenos retos que incentivan aínda máis o interese dos participantes pola tecnoloxía e as posibilidades que lles ofrece, sobre todo para comunicárense en tempos complicados como os que vivimos no último ano.  Carmen Suárez considera que a formación por videoconferencia “veu para quedar”, aínda que en San Sadurniño se seguirán priorizando as clases presenciais no momento en que se poidan recuperar con seguridade.  “Levamos meses facendo cursos exclusivamente en liña, desde o inico da pandemia. A xente dime que lles gusta esta modalidade e cando poidamos volver á formación presencial seguiremos reservando tempo para as xuntanzas virtuais. Ademais tamén hai persoas que prefiren esta modalidade porque poden conciliar se, por exemplo, miran de pequenos ou teñen na casa persoas maiores ou dependentes”.  

A situación obrigou a mudar a metodoloxía formativa. Alén de solventar as cuestións técnicas, traballar por videoconferencia require plafinicar doutra maneira. “Temos grupo de whatsapp e grupo de correo electrónico onde se envían semanalmente os deberes. Do explicado o día da clase fago moitos vídeotitoriais, por exemplo grabando a pantalla do móbil e explicándolles os pasos, que lles resultan máis doados de seguir, como se estiveramos na clase presencial”, explica Suárez.

O traballo grupal vese reforzado por unha atención individualizada sempre que sexa necesaria, ofrecida “en calquera momento” polo whatsapp, o teléfono, o correo, ou, se é unha cuestión complexa, mediante citas presenciais na aula.

O que non cambiou foi o ambiente distendido dos cursos, onde todas as persoas participantes acaban sendo unha pequena familia, aínda que sexa virtual. “Sempre nos conectamos media hora antes, e a todas e todos encántalles iso de verse e falar de todo… da pandemia, da xente, do que pasa nas parroquias, saber se xa se vacinaron e que tal foi a experiencia”.

A Aula da Rede CeMIT ofrece tanto  formación inicial sobre tecnoloxías da información e da comunicación -principalmente para persoas maiores- como tamén cursos máis especializados relacionados con distintas ferramentas e aplicativos. Ademais, no caso de que se precise algún tipo de acción formativa concreta pódese contactar coa responsable, Carmen Suárez, para ver a maneira de organizala sempre e cando haxa demanda suficiente.  Só hai que chamar ao 616 016 793 ou mandarlle un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.

Share.