Dúas compañías, dúas óperas… un proxecto único

0

O Colexio Público de San Sadurniño repite experiencia dentro do Proxecto LÓVA (La Opera como Vehículo de Aprendizaje). Unha iniciativa a nivel estatal elixida pola Unión Europea como un dos dous proxectos españois de referencia para desenvolver a conciencia e a expresión cultural. O CPI está involucrado dende o curso 2013-2014 en Educación Primaria e Secundaria. Este curso continúase a desenvolver en 5º de Primaria e como novidade constitúe o único centro de España que o leva a cabo na etapa de Infantil na aula de 5 anos. A rapazada é a responsable de todo: da música, do libreto, da produción, dos decorados… e mesmo da información que están lendo neste momento. Formaron dúas compañías, “Botón” e “Cazasoños”, e cada unha delas sacou adiante a súa propia obra. A estrea foi este sábado na Casa da Cultura con grande éxito. Porén, o mércores ás 18.30h. enfrontaranse ao escenario e o patio de butacas do Teatro Jofre de Ferrol.

Pero.., que é LÓVA?. Unha clase convértese nunha compañía de ópera e emprega o curso enteiro paraa crear unha ópera ou un musical.  Os nenos e nenas organizados en profesións escriben o libreto, deseñan e constrúen a escenografía, compoñen a música, crean o vestiario, fan a publicidade, recadan fondos, crean a iluminación… En definitiva, crean algo enteiramente orixinal e sen axuda de persoas adultas, que só están aí se precisan de consello ou orientación nalgunha cuestión.

Pero LÓVA non é un proxecto exclusivamente artístico, senón que é un proxecto de aula que dura un curso completo, ao que se lle dedica unha boa parte do horario semanal e no que a clase vive unha experiencia inesquecible a partir do traballo coas emocións.

O proceso é moi complexo: comeza “formando compañía” a través de dinámicas e actividades diversas que van desde as propias de calquera compañía de ópera ata aprender a expresarse,  acatar ordes, traballar en equipo, tomar decisións con criterio, escoitar, ter empatía, reflexionar, aprender dos erros. E todo integrado no currículo coincidindo cos obxectivos educativos, que ao estar interconectados cobran profundidade porque, tal e como sinala a rapazada na súa nota de prensa, “todo o que se fai ten sentido, todo o que se aprende se aplica en situacións reais que achegan habilidades para a vida e permiten acadar competencias”.

LÓVA non é tan so montar un espectáculo inventado pola clase. “En realidade a ópera é un pretexto e o realmente importante acontece cada día. A énfase no proceso está por riba do produto final. O espectáculo está na aula”. É un proxecto de educación emocional para o desenvolvemento da persoa en sociedade. As nenas e os nenos aprenden, e tamén os mestres e mestras, que é posible o que parece imposible. “É unha metáfora para toda a vida”, sinala o comunicado enviado pola compañía Cazasoños.

As Compañías Botón e Cazasoños

IMG_6187

A compañía “Botón” traballou o concepto da alegría

26 alumnos e alumnas de 6º de Infantil formaron a compañía Botón e escolleron como tema para a súa ópera “A Alegría” sendo a súa tese “a alegría de estar cos nosos pais”.  Segundo as encargadas das relacións públicas, este ano a obra levará por título “O sorriso do Castelo”. Unha peza coa que todo o curso “ten moita ilusión” e da que sacaron como ensinanzas principais “o traballo en equipo, non pelexar… Ao principio custounos pero soubemos facelo todos xuntos”. 

“Tivemos moito traballo. Primeiro fixemos a nosa compañía, logo pensamos e debuxamos un logotipo e nunha ficha eliximos tres profesións. As profes decidiron que profesión podía ter cadaquén. Fomos superando retos entre todos e todas e un dos maiores será actuar no Jofre sen axuda do profesorado”, explican desde o gabinete de prensa da compañía. 

CAZASOÑOS

A obra de “Cazasoños” aborda o tema do medo

No caso de 5º de Primaria a compañía chámase Cazasoños e o tema elexido é “os medos” coa tese “libres para conseguir os nosos soños”, de aí que a denominación da obra sexa “A Ponte dos soños”. Tal e como sinalan os nenos e nenas integrantes da compañía, “todas as decisións foron tomadas entre nós, dende o tema -que é algo fundamental- ata pequenos detalles que non o son tanto.  Os días das representacións estamos enriba do escenario sen axuda de ningunha persoa adulta. Non é a típica obra de teatro de fin  de curso.”

O proceso de produción levou aparelladas numerosas actividades grupais que reforzasen a relación no seo da compañía e tamén a súa creatividade. A través de pequenos retos diarios e xogos, a rapazada fixo un grupo sen fisuras. “Un dos xogos que fixemos foi o do dominó e con el aprendemos que se cae un, caemos todos e todas. Sen axuda non se consegue facer nada”.

Os papás e mamás xa puideron ver o sábado o resultado dun curso de traballo. Agora será o público en xeral -familiares principalmente- quen poderán gozar destas dúas obras. Será o mércores a partir das 18.30h. no Teatro Jofre de Ferrol. Para asistir ás representacións cómpre retirar os convites na taquilla do propio teatro.

Share.