Dous novos incendios queiman algo máis de 1,5 hectáreas de monte

0

O lume volveu esta mañá a San Sadurniño. Concretamente a dous puntos distantes entre si algo menos de tres quilómetros, un preto da saída da AG-64 na Penavidreira e outro na volta do Espiño, en Naraío. Nin por asomo foron tan graves coma o do outro día en Santa Mariña, onde arderon 36 hectáreas de monte, pero aínda así a Xunta debeu mover persoal de extinción para controlalos primeiro e acabar con eles despois. A media mañá ambos os dous incendios déronse por extinguidos. 

Segundo parece os dous lumes terían comezado con pouco tempo de diferenza, aínda que os avisos a Medio Rural se deron a distintas horas. O primeiro recibiuse ás 5.40h. avisando dun lume que se produciu a escasos metros da rotonda da Penavidreira, nun monte situado ao carón da pista que une este núcleo de Naraío co lugar de Piñeiros, en Ferreira.

Neste caso as estimacións de Medio Rural  falan de que se queimaron arredor de tres ferrados de superficie arborada. Nos labores de extinción participaron un axente forestal e unha motobomba e o lume deuse por apagado sobre as 8.15h.

Tal e como informa a Consellaría do Medio Rural, o outro aviso recibiuse ás 8.12h. para dar conta do outro incendio, declarado ao pé da estrada AC-125 (a antiga Ferrol-As Pontes), no punto coñecido como a volta do Espiño, entre os lugares do Pico e da Fontela, en Naraío e a escasos dous quilómetros e medio do incendio da Penavidreira.

Os primeiros cálculos que facían os axentes forestais no lugar -confirmadas despois polo Gabinete da consellaría-  apuntaban a que o incendio queimou arredor de 1,5 hectáreas de monte e a que podería ter comezado á beira da propia estrada, avanzando despois ladeira arriba alimentado polo vento do leste-surleste que a esa hora aínda zoaba con forza.

O dispositivo de Medio Rural estivo formado por dous axentes e unha motobomba que, tal e como informa a Xunta, lograron controlar o lume sobre as 11.40h. e dalo por extinguido sobre as 12.20h, momento no que, ademais, o vento quedou en calma reducindo considerablemente o perigo de que se reavivasen as lapas.

Share.