Día Europeo contra a trata de persoas

0

Con motivo do DÍA EUROPEO CONTRA A TRATA DE PERSOAS, que se conmemora o 18 de outubro, o Concello de San Sadurniño fai súa a declaración institucional da Xunta de Galicia para rexeitar a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país.

A trata de persoas supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade individual, ademais de constituír unha forma de delincuencia grave. A trata con seres humanos está expresamente prohibida pola lexislación internacional e europea vixente, e penalizada como delito grave no noso Código Penal.

A  explotación sexual segue sendo a principal forma de trata na UE, pois segundo reflicten as estatísticas, o 67% das vítimas deste delito foron explotadas sexualmente, e desa porcentaxe, o 95% son mulleres e nenas. A trata non é neutral, senón que constitúe por si un modo de violencia contra da muller.

O Parlamento Galego aprobou a Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, precisamente para poder ampliar os dereitos das vítimas de trata con fins de explotación sexual que sufran este delito en Galicia, que adquiren así a condición de beneficiarias das axudas económicas periódicas previstas para as vítimas da violencia de xénero.

Ademais Galicia é pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada en 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. As últimas reformas lexislativas no marco do Estado español e o vixente Protocolo marco de protección das vítimas de trata de seres humanos, configuraron un impulso vital na persecución deste delito e no apoio e protección das súas vítimas.

Todos os datos apuntan ademais a que e a trata, a prostitución e a explotación sexual, en calquera das súas manifestacións, se encontran fortemente interrelacionadas entre si. Son moitos os instrumentos internacionais que inciden nesta dobre cuestión.

Por iso, dentro da violencia de xénero e da desigualdade en xeral entre homes e mulleres, a trata con fins de explotación sexual, a prostitución e outras formas de explotación sexual teñen una especial gravidade, pois supoñen a redución máxima dunha persoa a un mero obxecto, e a persoa reducida a esta condición está exposta a un trato vexatorio e incluso de violencia física.

Co gallo do Día Europeo contra a Trata de Persoas, a Xunta pon en marcha unha campaña de sensibilización  coa finalidade de seguir concienciando á sociedade na loita contra esta lacra, baixo o lema:

A TRATA CON FINS DE EXPLOTACIÓN SEXUAL DENIGRA E DESTROZA A VIDA DAS MULLERES

Consideramos necesario sensibilizar e informar sobre a terrible realidade que hai detrás da trata de mulleres. Cando se paga por sexo están a pagarse redes de extorsión, vexacións e torturas e ése cómplice da peor das escravitudes e as lacras do século XXI. A trata de seres humanos é unha das vulneracións máis abominables dos dereitos humanos, nos que a persoa pasa a converterse nunha mercadoría.

A trata con fins de explotación sexual supón, ademais do anterior, unha manifestación execrable de violencia contra as mulleres.

O Concello de San Sadurniño súmase á Xunta de Galicia, por unha banda, na súa clara e decidida condena a esta grave violación dos dereitos humanos, calquera que sexa a súa forma, e mostra o seu firme compromiso na prevención e na loita contra a trata seres humanos, facendo especial fincapé no apoio incondicional ás vítimas,  nunha alta porcentaxe mulleres e nenas.

Share.