Día da Biblioteca con música e contos na Casa da Cultura

0

Se onte foi o Pallaso Piruleta quen levou a rapazada da EIM A Rolada a unha biblioteca máxica, hoxe tocoulle a Gloria Mosquera e Diego Maceiras animar as primeiras horas da mañá dos nenos e nenas do CPI cos seus “Contos para un mundo mellor”. Neste 24 de outubro celébrase  en todo o Estado o Día da Biblioteca, impulsada hai dúas décadas pola Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil como recordatorio da importancia de manter vivos estes templos do saber onde hai moitas cousas para descubrir. O Concello programou estas dúas actividades para o alumnado da Rolada e do colexio público dentro da campaña anual de animación á lectura. Mañá os cativos e cativas de secundaria asistirán a unha peza de auténtico luxo: “Memorias das Memorias dun neno labrego”, dirixida e interpretada por Cándido Pazó.

O Día da Biblioteca pretende dar a coñecer o labor das bibliotecas, os seus servizos, os seus recursos profesionais e agradecer e recoñecer o traballo das bibliotecarias e bibliotecarios. Ademais, a data tamén lembra a destrución da biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante a Guerra dos Balcáns.

O Concello concentrou no martes, mércores e xoves a programación conmemorativa e de animación cultural pensando principalmente nos nenos e nenas. Para iso concertáronse tres espectáculos adaptados a distintas bandas de idades co obxectivo de chegar desde o público máis miudiño até a mocidade.

Así, este martes as meniñas e meniños da Escola Infantil Municipal A Rolada desfrutaron da música, a maxia e os contos do Pallaso Piruleta dentro dunha peza en que o personaxe do bibliotecario Don Renato lle rende homenaxe a Gloria Fuertes.

No propio Día da Biblioteca -esta mañá de mércores- o escenario ocupárono Diego Maceiras ao acordeón e Gloria Mosquera -Mamá Cabra- coa guitarra e voz cantante dunha proposta moi participativa e chea de sorpresas que presenciaron os cursos de 6º de Educación Infantil e de 3º de Educación Primaria. “Contos para un mundo mellor” aborda a través da música e a interacción constante cos nenos e nenas aspectos como o medo, o coidado da natureza, o acoso escolar, o saber dicir non, a empatía, a superación persoal a cooperación ou a responsabilidade, “como mecanismos necesarios da paz e a felicidade”, tal e como indica a ficha do espectáculo.

Tanto a actuación do Pallaso Piruleta como os “Contos para un mundo mellor” forman parte do catálogo do proxecto Ler conta moito da Consellería de Cultura.

“Memorias das Memorias dun neno labrego”
E se hai un rei nas bibliotecas galegas, ese é as “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas. As andanzas de Balbino -o seu protagonista- son a obra literaria en galego máis traducida a outras linguas e tamén a máis reeditada. A frescura, a sinxeleza narrativa e o retrato descarnado que fai da sociedade rural converteron o libro nun fenómeno dentro e fóra de Galicia, especialmente entre a xente nova.

A partir del, o monologuista Cándido Pazó fixo unha adaptación escénica con motivo do 50º aniversario da súa publicación. Un espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia de Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias, que evocan a senda de Darío Fo, Rafael Álvarez “El Brujo” ou Pepe Rubianes.

A peza caracterízase polo seu gran atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación que, xunto coa iluminación, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións, que se ven enfatizadas no público por composicións musicais feitas específicamente para esta obra.

“Memorias das Memorias dun neno labrego” representarase na Casa da Cultura este xoves 25 a partir das 12.45h. nun único pase ao que poderán asistir os alumnos e alumnas de Educación Secundaria do CPI de San Sadurniño.

Share.