Dez mulleres participaron no obradoiro de autoprotección “Quen dixo medo?”

0
A Deputación da Coruña e mailo Concello de San Sadurniño convocaron para a mañá deste venres o obradoiro “Quen dixo medo?”, co obxectivo de formar ás mulleres sobre como responder ante unha situación de violencia de xénero.  A sesión contou cunha decena de participantes, coas que se analizaron as circunstancias do maltrato e tamén coas que se puxeron en práctica sinxelas técnicas de autodefensa. Con todo, a principal mensaxe que se lles trasladou ás asistentes foi a de que se trata dun problema social no que a sociedade pode e debe intervir, xa sexa actuando cando se ven os primeiros sinais, servindo de apoio ás vítimas para que dean o paso de denunciar e denunciando cando haxa constancia de calquera caso de violencia.

 “Quen dixo medo?”  é unha campaña impulsada pola Deputación da Coruña na que se integraron 40 municipios da provincia co obxectivo de abordar a violencia por razón de xénero desde múltiples puntos de vista e traballando desde distintas frontes, como a da sensibilización entre a infancia e a adolescencia, concienciando sobre o xeito en que se exerce a violencia a través das novas tecnoloxías ou tratando as violencias -porque son moitas e de moitos tipos- que se dan dentro e fóra dos fogares.

Entre os obxectivos da iniciativa está o de dotar á poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisos para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente ante ela. Así, a actividade desta mañá en San Sadurniño tivo unha parte referida á identificación desas situacións e ao xeito en que se debe actuar ante elas, mentres que a outra parte da sesión se ocupou da aprendizaxe de técnicas de defensa persoal coas que rexeitar posibles ataques, mantendo en todo momento a calma e a situación controlada.

Desde a Deputación resáltase como  “fundamental” dotar ás mulleres dos mecanismos de defensa tanto físicos como psicolóxicos fronte a un posible agresor, “de xeito que a través das técnicas aprendidas poidan saír ilesas dunha situación de perigo”. Por outra banda, o obradoiro “Quen dixo medo?” tamén tivo como finalidade concienciar ás participantes sobre os seus dereitos e capacidades “fomentando a seguridade mediante a eliminación de estereotipos sobre a debilidade física feminina”.

O obradoiro estivo coordinado en San Sadurniño pola área municipal de Igualdade. Da parte teórica encargouse unha profesional especializada en psicoloxía e o apartado de autodefensa correu por conta de dous expertos en judo.

Share.