Abre o prazo de preinscrición no mercado do 29 de outubro

0

O último domingo deste mes teremos mercado local en San Sadurniño. Será a cita de  outono do calendario feiral promovido polo Concello para promover o comercio de proximidade, así como reivindicar as posibilidades económicas e de emprego que ofrece o medio rural. No mercado poderemos atopar case de todo, desde artesanía a produtos da terra elaborados e frescos, principalmente os de temporada como as castañas, as noces ou os cogomelos. Os postos teñen aberto o prazo de solicitude de espazo ata o 25 de outubro, un trámite que pode facerse presencialmente na Casa da Cultura, no rexistro municipal, por correo postal ou enviándolle a ficha de preinscrición  a agustin.perez@sansadurnino.gal. 

O do outono adoita ser un dos mercados máis concorridos do ano debido a que o tempo sempre se portou ben con el e a que se poden atopar produtos de temporada a bos prezos, sobre todo castañas e cogomelos que, de habelos, están no seu mellor momento, aínda que este ano semella que veñen algo adiantados. Por outra banda, a proximidade das datas de Tódolos Santos e de Defuntos -nas que a tradición manda adornar os cemiterios- seguramente incremente a oferta de flor e verde dos viveiros que acoden habitualmente.

A área de Desenvolvemento local  ten regulado o funcionamento deste evento cunhas sinxelas normas de participación -poden consultarse na mesma ligazón que a ficha-, como  a de que os postos non deben exceder os 6 metros liñais ou a de que a hora entrada no recinto estará fixada polo Concello asignando un número de parcela  para garantir que a distribución dos postos sexa homoxénea e agrupada por sectores.

O reparto dos gremios pouco varía duns mercados a outros: na parte alta dos xardíns sitúanse habitualmente os postos de alimentación e de produto fresco. Estes xúntanse no centro e na banda oeste con viveiros e coa artesanía, que prosegue  ata a parte baixa. No leste, no sendeiro paralelo ao muro que linda coa estrada de Ferreira, é onde habitualmente se colocan os postos de segunda man mesturados con aqueles que tamén ofertan artesanía.

Para reservar sitio haberá que cubrir o formulario que hai ao pé desta noticia e despois entregalo no rexistro municipal, levalo á Casa da Cultura en horario de mañá, mandalo por correo ao Concello -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño-  ou ben envialo cuberto á conta de correo agustin.perez@sansadurnino.gal. No formulario establécese que a data límite de solicitude é o 25 de outubro ás 14.00h. e que a listaxe de postos admitidos se publicará o xoves 26.

10 prazas dispoñibles para a viaxe desta fin de semana
A área de Desenvolvemento local e maila asociación agroecolóxica A Cortiña organizan para este sábado e este domingo unha viaxe de carácter técnico que se ocupará de visitar varias experiencias de transformación agroalimentaria na provincia de Lugo. A actividade está especialmente recomendada para persoas que teñan en mente poñer en marcha unha explotación de alimentos elaborados -marmelos, queixos, conservas, etc.- partindo dos produtos da terra.

A saída está prevista para as 8.00h. deste sábado 7 de outubro de diante da Casa do Concello. A partir de aí comezará un itinerario con primeira parada na contorna de Vilalba, onde se visitará a queixería Don Gabino, pertencente á DO San Simón, xunto coa granxa avícola ECO-Vilalba e a explotación de mel Pingas de Gaia.

Tralo xantar a expedición achegarase a Outeiro de Rei para coñecer a experiencia de selección e cría de abellas raíñas que desenvolve Abella Meiga, unha firma que botou a andar hai tres anos como xeito de autoemprego ligado ao sector primario. A segunda visita da tarde rematará en Arqueixal, en Palas de Rei, como exemplo de desenvolvemento integral que une a agricultura, a gandeiría, o turismo e a transformación alimentaria, principalmente a leiteira.

Ao día seguinte, o domingo 8, a axenda estará ben apretada durante a mañá, xa que hai idea de visitar na zona do Courel unha experiencia de recollida e envasado de castañas para, posteriormente, ir ata Negueira de Muñiz e ver o proceso completo de transformación da mazá en zume que leva a cabo a Cooperativa Ribeira do Navia.

Na viaxe van apuntadas 14 persoas, polo que no intre de elaborar esta información aínda quedaban dispoñibles 10 prazas. Quen queira ir debe chamar este venres antes das 14.00h. ao 981 490 027. As prazas cubriranse por orde de inscrición dándolle prioridade ás persoas empadroadas no concello ou que sexan socias da Cortiña.

Ficha de preinscrición no mercado local

Share.