Desenvolvemento local pecha unha exitosa -outra vez- Feira Rural

0

O espazo da Cortiña, situado ao pé do Xubia, viviu durante todo o día un constante ir e vir de xente á procura de produto fresco e elaborado, artesanía e curiosidades nunha decimoprimeira Feira Rural que cumpriu amplamente as mellores expectativas de vendas e asistencia. O tempo axudou, non apretou a calor e entre o mediodía e primeira hora da tarde o ceo mesmo se encapotou, truncando para moita xente as previsións de praia, algo que puido ter contribuído a unha maior afluencia de público na segunda metade da xornada. Desde a área de Desenvolvemento local, organizadora do evento, reafírmase que a feira “está consolidada” e que este ano grande parte do éxito se debe a unha maior variedade de produto e ao reforzo do espazo alimentario.

A feira naceu como escaparate do sector primario e do desenvolvemento sustentable. Ademais do número de expositores relacionados con estes dous ámbitos, un barómetro que se utiliza habitualmente para ver o cumprimento ou non de obxectivos é o concurso da froita. 2019 está sendo ano de moita e boa froita e, se cadra tamén por iso, o certame contou con máis de 70 lotes en exposición e 25 a concurso, entre os que se contaban gorentosas mazás, pexegos, peras, uvas, etc.

Os cestos mellor valorados polo xurado foron tres: uns espectaculares Pexegos de Costa procedentes da comarca da Amaía presentados pola asociación Máis de tres, un cestiño de Mazá Roxelia achegado por Orlando Calvo, de Silvalonga, e unhas fermosas e saborosas mazás Tabardilla Roxa traídas á feira pola familia López Pouso, do Rupiallo, tamén en San Sadurniño.

A exposición de froita reuniu durante o día un bo número de persoas arredor dela. Pasa todos os anos desde que hai feira, e por iso o Concello abriu este ano “O Recuncho da froita” no que se ofrecía un pequeno circuito debaixo da carpa principal para ir probando as distintas variedades de peras e mazás que hai na horta de conservación Carlos Fornos. Ademais de probar, quen fixese o itinerario tamén tiña que puntuar as máis sabedoras anotando as súas impresións organolépticas nunhas tarxetas que se lle entregaban á entrada. Entre as mazás a que colleitou a maior puntuación foi a variedade Da Sega, seguida da Santiaguesa e da Roxelia. No caso das peras as preferencias quedaron nesta orde: Urraca Verde, Parda, Manteiga do País e Manteiga Redonda.

Ademais de probar de balde estas froitas, na Feira Rural tamén se puido degustar viño feito con uva Branca Lexítima -variedade propia da IXP Viños da Terra de Betanzos- e unha exquisita sidra elaborada con castes de mazá tradicionais. Desa cata dirixida encargouse Tonecho Meixide, do centro de capacitación agroforestal de Guísamo.

O responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou “o movemento” que houbo durante todo o día en canto a público e venda de produto, aínda que se mostrou especialmente satisfeito por toda a atención que concitaron tanto estas propostas  como as visitas guiadas que percorreron a horta de conservación Carlos Fornos.

Exitosas tamén foron outras actividades paralelas. Unha das máis rechamantes foi a exhibición de cetraría, na que se puideron ver as evolucións de aguias, azores e falcóns. Ademais, a Feira Rural tamén acolleu o concurso monográfico da Raza Can de Palleiro, no que asistimos por primeira vez, ao duelo morfolóxico entre dous cans campións. Rois, campión 2018, e Pallo, vencedor absoluto en 2019, mostraron na pista por que foron merecentes de tal distinción, que os acredita como base sobre a que sustentar a liña paterna da recuperación da raza. Na valoración desta tarde o vencedor foi Rois, máis polo seu carácter afable -algo que tamén se ten en conta- que por superar en características físicas ao outro animal, posto que os dous cumpren sobradamente cos estándares da raza.

Outra das moitas actividades -obradoiros para a rapazada, paseos en kaiak, cociñas solares…- que obtivo o favor do público foi a charla ofrecida polo xeólogo Fran Canosa, quen chegou á Cortiña cargado de minerais do Complexo do Cabo Ortegal, pero tamén doutras partes do mundo. A iniciativa tiña por obxectivo contribuír ao coñecemento das peculiariedades xeolóxicas da nosa zona, que aspira a obter o distintivo de Xeoparque Global da UNESCO. Pero Canosa foi máis aló e ensinou a maxia que se agocha nalgúns minerais. E o de maxia non é en sentido figurado, xa que na colección que posúe o xeólogo -e que a xente puido ver de preto coas oportunas explicacións- hai rubís, micas, rochas volcánicas, cuarzos, galena, calcopiritas… e pedras tan abraiantes que relocen na escuridade con certos tipos de luz e que incluso son capaces de mudar a súa configuración atómica cando son iluminadas con raios ultravioleta, ata o punto de que chegan a cambiar de cor e conservalo despois ata que se lles dá luz con outra lonxitude de onda. Algo digno de ver e difícil de crer que deixou a rapazada e xente adulta coa boca aberta.

O obradoiro de Canosa foi unha das últimas propostas dunha feira que pechou pasadas as oito do serán. A actividade continúa mañá no mesmo lugar, non como feira senón en forma do Festival Sons na Cortiña.

 

Share.