Desenvolvemento local informa sobre as últimas convocatorias de axudas

0

A área municipal de Desenvolvemento local revisa diariamente todos os boletíns oficiais para recoller todas aquelas convocatorias de axudas que van saíndo e que poden ser de especial interese para a veciñanza e os colectivos de San Sadurniño. O departamento condénsaas en poucas liñas e remíteas á súa lista de correo -podes inscribirte en desenvolvemento.local@sansadurnino.gal- para que non se lle pasen a ninguén que poida beneficiarse delas. Ademais, desde o servizo tamén se ofrece asesoramento e axuda nas solicitudes, algo que tamén ocorre no caso de Servizos Sociais cando se trata de convocatorias específicas dirixidas principalmente ás familias coas rendas máis baixas ou en situación de risco de exclusión social. Para ampliar información sobre todas estas liñas pódese chamar ao 981 490 027 e solicitar cita previa en calquera dos dous departamentos municipais, dependendo do tipo de axuda de que se trate. Alén das convocatorias en prazo que enumeramos a continuación, o Concello tamén publicará nos próximos días a concesión do PEL Reactiva financiado pola Deputación da Coruña, que distribuirá algo máis de 36.000 euros entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos presentadas por pequenas empresas e persoas autónomas do territorio, de cara a axudarlles a compensar  gastos ocasionados pola pandemia. 

DOG núm. 22, do 03/02/2021. Convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga 1, 2, 3 e 4. Trátase de cursos gratuítos que se desenvolverán de maneira presencial e telemática, aos que poderán acceder persoas maiores de 16 anos. Estas certificacións son de axuda para acreditar o coñecemento da lingua, pero tamén para procesos selectivos nas administracións públicas galegas.

DOG núm. 21, do 02/02/2021Axudas para a adquisición de vivenda. Obxecto: Axudas á xente moza para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes. Beneficiarias: persoas físicas menores de 35 anos. Prazo de solicitude: 01/09/2021, ou esgotamento do crédito.

BOE núm. 23, do 27/01/2021. RDL 2/2021 de medidas laborais ante a COVD-19. Este decreto inclúe a prórroga dos ERTE e as prestacións extraordinarias por cese de actividade.

DOG núm. 14, do 22/01/2021. Bases reguladoras para a convocatoria de subvencións da Xunta para investimentos efectuados por parte de asociacións veciñais e outros colectivos. Beneficiarias: asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións veciñais, comunidades de persoas usuarias de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia. Prazo de solicitude: até o 23/02/2021

DOG núm. 12, do 20/01/2021. Convocatoria das subvencións do Bono de alugueiro social. Beneficiarias: unidades de convivencia  con dificultades para asumir o custe do arrendamento da vivenda habitual, así como mulleres -e fillas/os- vítimas de violencia de xénero ou trata con fins de explotación sexual. Prazo de solicitude: até o 10/12/2021. Información e tramitación a través de Servizos Sociais, con cita previa no 981 490 027 ext.1

DOG núm. 12, do 20/01/2021. Bases das axudas urxentes de tipo social para evitar cortes da electricidade a persoas consumidoras vulnerables severas en risco de exclusión social. As axudas cobren o 50% das facturas pendentes ata un máximo de 300 euros anuais -450€ no caso de familias numerosas-, sempre e cando as persoas beneficiarias se encontren acollidas á tarifa de último recurso (TUR) e se lles aplique o bono social, que supón de por si un desconto do 40%. Prazo de solicitude: até o 31/10/2021.  Información e tramitación a través de Servizos Sociais, con cita previa no 981 490 027 ext.1

DOG núm. 11, do 19/01/2021. Bases da conseción da axuda económica da tarxeta Benvida. Beneficiarias: familias con fillas e fillos nados, en adopción ou declaradas/os en situación de garda con fins adoptivos no ano 2021. Importe da axuda: entre 1.200 ou 2.400 euros, divididos en pagamentos mensuais de 100€/200€ durante un ano. Prazo de solicitude: até o 31/03/2022.

DOG núm. 10, do 18/01/2021. Bases reguladoras de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos. Obxecto: axudas para actuacións de aforro e eficiencia enerxética en empresas, cun orzamento mínimo de 10.000 €. Entidades beneficiarias: empresas dos sectores industriais e de servizos. Prazo de solicitude: até o 15/10/2021.

BOP núm. 10, do 18/01/2021. Bases das subvencións provinciais para entidades sen ánimo de lucro para a organizaciónde festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas durante este ano. Obxecto: axudas para financiar gastos de organización neste tipo de eventos. A convocatoria provincial recolle distintas liñas se se trata de entidades veciñais ou culturais e administracións públicas. Prazo de solicitude: empezará a contar trala publicación das bases no Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.

DOG núm. 10, do 18/01/2021. Bases reguladoras de subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica dirixidas a particulares. Obxecto: axudas para instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos para subministración en vivendas. Persoas beneficiarias: particulares. Prazo de solicitude: do 03/03/2021 ao 01/07/2021. A solicitude preséntaa directamente a empresa instaladora.

DOG núm. 10, do 18/01/2021. Bases reguladoras de subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares. Obxecto: axudas para instalacións de enerxías renovables, de uso térmico, como biomasa, aerotermia, xeotermia ou solar térmica. Persoas beneficiarias: particulares. Prazo de solicitude: do 01/03/2021 ao 01/07/2021. A solicitude preséntaa directamente a empresa instaladora.

DOG núm. 6, do 12/01/2021. Bases reguladoras das axudas para a prevención de danos causados por fauna silvestre. Obxecto: axuda económica para a instalación/merca de valados e pastores eléctricos para previr estragos do xabaril e tamén para a compra de cans de garda ou mallas electrificadas no caso de protección do gando contra do lobo. Prazo de solicitude: ata o 15/02/2021

DOG núm. 5, do 11/01/2021. Bases reguladoras para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas. Obxecto: subvencións para paliar os estragos do porco bravo en  prados, mainzales, hortas e plantacións de froiteiras. Persoas beneficiarias: tanto profesionais como cultivos para autoabastecemento. É necesario comunicar os danos a través do 981 900 643 (teléfono 012) no prazo máximo de 72 horas despois de producirse e presentar a solicitude de axuda dentro do mes seguinte. Poden acollerse os danos comunicados desde o 1 de outubro de 2020 até o 31 de setembro de 2021.  Prazo de solicitude: ata o 10/11/2021

DOG núm. 5, do 11/01/2021. Bases reguladoras para paliar os danos producidos por ataques de lobo ás reses das explotacións gandeiras. Obxecto: subvencións para paliar os estragos do porco bravo en  prados, mainzales, hortas e plantacións de froiteiras. Persoas beneficiarias: tanto profesionais como cultivos para autoabastecemento. É necesario comunicar os danos a través do 981 900 643 (teléfono 012) no prazo máximo de 24 horas en explotacións intensivas ou 3 días despois de producirse no caso das extensivas. A axuda hai que solicitala, como moi tarde, un mes despois da comunicación. Poden acollerse os danos comunicados desde o 1 de outubro de 2020 até o 31 de setembro de 2021.  Prazo de solicitude: ata o 02/11/2021

BOP núm. 2, do 05/01/2021. Bases reguladoras de subvencións ao emprendemento individual da mocidade do eido rural da (PEL-RURINNOVA). Obxecto: axudas para o fomento do autoemprego e a creación de empresas a través de accións e medidas dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais da mocidade mediante o traballo autónomo. Entidades beneficiarias: mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Prazo de solicitude: até o 30/04/2021.

BOP núm. 2, do 05/01/2021. Bases reguladoras de subvencións ás empresas para a contratación de persoas mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil (PEL-RELEVO). Obxecto: axudas para a contratación indefinida de mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil co ánimo de favorecer o relevo xeracional. Entidades beneficiarias: pemes e autónomos. Prazo de solicitude: até o 31/12/2021.

DOG núm. 225, do 06/11/2020. Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes Obxecto: axudas para a reforma de vivendas anteriores a 2007, que favoreza a redución do consumo de enerxía, que incidan na mellora da envolvente térmica (illamento de fachadas, remuda de ventás …), instalación de fontes de enerxía renovable (solar térmica, xeotérmica, biomasa, instalacións de calefacción …), ou a mellora das instalacións de iluminación (só para edificios de vivendas colectivas). Prazo de solicitude: até o 31/07/2021 ou esgotamento do crédito.

Share.