Desde Lamas para o Mundo

0

Antón Caeiro é o protagonista da estrea mundial do Chanfaina Lab deste ano. E dicimos mundial porque desde hoxe mesmo está dispoñible en youtube a peza que el produciu xunto con Margarita Teijeiro para o encontro audiovisual celebrado a primeiros de setembro. O seu título é “O salón do Canteiro” e con ela Caeiro fai o que mellor sabe: buscar a historia, poñer a cámara e deixar que a xente lla conte. A peza -de algo máis de un cuarto de hora- retrata o antigo salón de baile de Lamas como escenario das primeiras cozaduras de xuventude baixo a represión da estrita moral do nacionalcatolicismo, que mesmo utilizou este espazo como templo improvisado tralo derrubamento parcial da igrexa parroquial. Porén, a curtametraxe tamén fala do paso do tempo e convida a pensar se calquera época de antano foi mellor ou peor. “O salón do Canteiro” pode ser cualificado como un accidente creativo ou, máis ben, como o exemplo claro da inmediata e necesaria adaptación ao medio dos creadores e creadoras chegados a San Sadurniño de alén da Braña.

Caeiro arribou a San Sadurniño coma toda a xente que se embarcou no proxecto sen coñecer de antes o territorio, é dicir, con dous días escasos para embeberse da paisaxe e da xente e tentar compoñer algún dos seus moitos retratos posibles. Traía en mente recoller material que, de paso, lle servise para o documental no que anda traballando -Eu tamén necesito amar- co que busca plasmar como se vivía o amor nos tempos do Franquismo.

Pero boa parte do reto que supón participar no Chanfaina é ter que adaptarse ao que hai ou renunciar sobre a marcha ás ideas preconcibidas -ou previamente investigadas- para tirar dun fío novo que pode aparecer en calquera momento unha vez que se está sobre o terreo. E algo diso foi o que lles debeu ocorrer a Antón Caeiro e Margarita Teijeiro, que déron coa historia do antigo salón de baile da Veiga de Lamas e decidiron tirar levemente da cana para que o leme lles mudase un chisco o rumbo sen desvialos do seu destino final.

Na ficha en Fálame de San Sadurniño desta primeira estrea virtual do Chanfaina Lab 2015-16 descríbese á perfección a esencia de “O salón do Canteiro”, a curta que debuxa este espazo “como un local de referencia da mocidade durante o franquismo que foi baile, mais tamén albergou durante un tempo os oficios relixiosos da Igrexa parroquial”. Na páxina recóllense as impresións de Caeiro sobre o lugar que centra a historia: “chamoume a atención que a pesares de ser un lugar moi pequeniño, mantiña un espazo onde os sentimentos e o amor podían desenvolverse, no que podían achegarse dous corpos, aínda que resultase algo cansado porque o home tentaba apretar, mais a muller separar”.

“Na peza -prosegue a sinopse de Fálame…-, ateigada de toques retranqueiros e divertidos, asistimos a unha serie de testemuñas de veciños e veciñas que coñeceron ben o salón nos seus tempos de esplendor e nos remite a un xeito de entender a vida que, para ben ou para mal, forma xa parte da historia social da comunidade e a memoria da veciñanza. De seguro que os parroquianos de Lamas non quedarán indiferentes con esta nostálxica lembranza audiovisual do seu pasado”.

“O salón do Canteiro” conta coas intervencións de Carmen Bouza, Aurora Fernández, Amandino García, María González, Albino Piñón, Generosa Pita, Enriqueta Soto, María Yáñez e Josefa García, que faleceu recentemente e a quen vai adicado o filme. Na parte da produción tamén participou Ana Belén B. Gundín.

Antón Caeiro é un cineasta experimentado e curtido en mil batallas pola memoria, con máis dunha ducia de multipremiados documentais. O tema recorrente en todos eles é a memoria social e os efectos do devir do tempo sobre o relato histórico. Xunto con Margarita Teijeiro xestionan e animan diariamente o proxecto “O faiado na memoria” -moi semellante a Fálame de San Sadurniño-, no que xa hai colgadas mais de 100.000 fotografías de Vilagarcía de Arousa e a súa contorna.

Share.