Desde hoxe e ata o 18 de decembro poden solicitarse as axudas da Xunta para certas actividades paralizadas pola pandemia

0

As persoas traballadoras autónomas de Galicia con e sen persoal contratado ao seu cargo poden solicitar desde  hoxe as axudas da Xunta para apoiar a súa actividade, sempre e cando se encontren entre os códigos CNAE sinalados no Diario Oficial de Galicia. A liña publicouse onte no diario e poderá solicitarse desde hoxe até o 18 de decembro.  As persoas beneficiarias poderán ser as autónomas e autónomos con e sen persoal contratado ao seu cargo que estean dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou no Réxime do Mar como traballadores por conta propia, incluídas as persoas autónomas societarias. Será obrigatorio que teñan o domicilio fiscal en Galicia e que se lles recoñecese o cesamento ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego. A Xunta sacará liñas específicas para microempresas e para a hostalaría.

Os traballadores e traballadoras por conta propia que cumpran con estes requisitos e que pertenzan a calquera tipo de actividade económica poderán optar a un apoio de 1.200 euros. Esta contía incrementarase ata os 2.000 euros para os autónomos de sectores ou actividades económicas especialmente paralizadas cuxos códigos na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) se especifican no DOG. Estas axudas non serán acumulables  -se se percibe a de 2.000 non se poderá percibir a de 1.200- pero si serán compatibles coas que prevé sacar a propia Xunta para microempresas e para a hostalaría. É dicir, unha persoa autónoma que teña un bar poderá percibir esta axuda e, ademais, acollerse tamén á específica para o seu sector, incluso á de microempresas se a súa fórmula de negocio ten esa consideración legal. Por outra banda, estas liñas permiten beneficiarse das outorgadas por outras administracións, como é o caso das que neste momento ten en marcha o Concello a través do PEL Reactiva cofinanciado pola Deputación.

Son principalmente as relacionadas co lecer nocturno; as actividades que se desenvolvan en atraccións de feiras, sen un establecemento aberto ao público, e que pertenzan ás CNAES que se detallan no DOG -postos de mercadillos e feiras entre eles-; taxistas; transporte marítimo de pasaxeiros; transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores; provisión de comidas preparadas para eventos; actividades de exhibición cinematográfica; axencias de viaxes; operadores turísticos; outros servizos de reservas e actividades relacionadas cos mesmos; organización de convencións e feiras de mostras; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; xestión de salas de espectáculos; actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos; e outras actividades recreativas e de entretemento.

Tal e como informou a Xunta, as compensacións no caso da hostalaría e outros negocios relacionados, así como as axudas para microempresas, serán obxecto de liñas específicas que, previsiblemente, se han publicar máis adiante.

Os beneficiarios e beneficiarias da convocatoria publicada onte  recibirán nun pagamento único -non cómpre xustificar gastos- e terán que comprometerse a manter a actividade económica de alta durante dous meses a contar desde a data de publicación da orde de axudas. A tramitación farase por medio dunha declaración responsable por parte da persoa solicitante.

Para resolver calquera dúbida sobre este programa de axudas e outros plans da Consellería de Emprego e Igualdade, a Administración galega activou a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es. A App pódese descargar para teléfonos con iOS nesta ligazón e está dispoñible para Android nestoutra. Ambas as dúas ligazóns están dispoñibles na páxina web: www.gohu.es.

A Xunta tamén abriu na web da oficina do autónomo  unha sección específica para achegar a información sobre o plan de rescate ao colectivo. Desde ese sitio tamén se accede á normativa e á tramitación en liña.

Máis información

Share.