Desde este mércores poderán solicitarse as axudas para obras de accesibilidade en vivendas

0

A Xunta de Galicia publica hoxe a convocatoria do programa de axudas para financiar obras de mellora da accesibilidade no eido residencial, que poderán solicitarse a partir deste mércores 5 de outubro e ata o vindeiro 7 de novembro. Van dirixidas a apoiar aos propietarios e propietarias no financiamento de intervencións sobre vivendas unifamiliares e edificios de uso colectivo, incluíndo obras tanto nos espazos comúns do inmoble como individualmente nas vivendas que o compoñen. Poderán acollerse ao programa as persoas propietarias ou usufrutuarias dos inmobles, as comunidades de veciños ou as sociedades cooperativas. As axudas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, de modo que se irán asignando por orde de entrada das peticións que cumpran os requisitos até esgotar os 4,3 millóns de euros de orzamento dispoñible. Quen precise axuda para cubrir a solicitude pode pedir cita previa no departamento de Servizos Sociais ou no de Desenvolvemento Local, chamando para iso ao 981 490 027.

Segundo destaca a información publicada pola Xunta, as axudas publicadas hoxe teñen por obxectivo financiar as actuacións que permitan suprimir barreiras arquitectónicas en edificios e vivendas de uso residencial. En concreto, entre as obras subvencionables inclúese a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou sistemas motorizados para a apertura de portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos e visuais e dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.
 As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin finalizadas antes da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Ademais, o prazo de cada obra non poderá exceder de 12 meses en vivendas unifamiliares e de 24 meses en edificios residenciais.
 No que respecta á contía das axudas, chegarán a, como máximo, o 60% do custo da actuación, aínda que esta porcentaxe poderá subir ata o 80% se na vivenda ou no edificio en cuestión reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.
Máis polo miúdo, no caso de que a subvención se solicite para intervir sobre un edificio co fin de mellorar a súa accesibilidade, os incentivos serán de ata 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial.
Se a solicitude de financiamento ten que ver cunha actuación que se realiza no interior dunha vivenda que forma parte dun edificio residencial colectivo, o importe da axuda será de 6.000 euros, e por último, se se trata dunha unifamiliar, o propietario ou propietaria poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible.
En calquera caso, nos tres supostos a axuda incrementarase ata os 15.000 euros por vivenda se na mesma reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros se acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.
 Ademais, se se tratase de edificios ou vivendas Ben de Interese Cultural (BIC), catalogados ou que teñan algún tipo de protección, os importes mencionados poderán incrementarse en 3.000 euros.
Pode obterse máis información no DOG de hoxe martes, 4 de outubro. O procedemento tamén estará dispoñible desde mañá na Sede Electrónica da Xunta, punto obrigatorio de presentación da documentación cando se trate de persoas xurídicas, mentres que as físicas -ás que se lles recomenda usar a Sede como vía prioritaria- tamén poderán achegala en papel nos rexistros da Xunta ou no Portelo Único do Concello.
Share.