Desde este mércores 9 de xuño poden solicitarse os abonos para a piscina

0

A piscina municipal de San Sadurniño volverá abrir ao público durante este verán, aínda que cos aforos que estean en vigor en cada momento desde o día 24 de xuño -primeiro día de apertura- até o 19 de setembro, data en que finalizará a temporada. Ademais tamén serán de obrigado cumprimento as medidas decretadas polas autoridades sanitarias que, segundo parece, poderían verse modificadas nos próximos días, tan pronto se aclare o conflito competencial aberto entre a Xunta e o Estado. Neste contexto de indefinición -ao que cómpre engadirlle a imposibilidade de saber cal vai ser a evolución da pandemia- o Concello decidiu abrir desde este mércores 9 o prazo para solicitar os abonos individuais e familiares dándolle preferencia na reserva ás persoas empadroadas en San Sadurniño, que terán até o 25 de xuño para presentar as súas peticións a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Casa da Cultura en horario de 9 a 14.00h. de luns a venres. A adxudicación dos bonos irá facéndose por orde de solicitude ata completar o límite de capacidade das instalacións permitido segundo a normativa sanitaria, con posibilidade de ir adxudicando máis reservas na medida en que vaian aliviándose as restricións de aforo.

A piscina municipal permanecerá aberta desde o 24 de xuño até o 19 de setembro, ambos días incluídos, e cos mesmos horarios durante toda a temporada: de 15 a 21.00h. de luns a venres e de 14 a 21.00h. os sábados, domingos e festivos.

Salvo cambios nos niveis de restrición que poidan producirse nos próximos días, as instalacións arrancarán cun aforo limitado a 70 persoas, coa obriga de manteren a separación interpersoal -tamén dentro da auga- salvo que sexan conviventes, a prohibición de que se formen grupos de máis de dez persoas que non vivan xuntas e tamén co uso obrigatorio  da máscara, que só se poderá quitar no momento xusto do baño ou mentres se permaneza na toalla tomando o sol (se se está de parola con outra persoa haberá que tela posta). Non se poderán utilizar as duchas dos vestiarios e a permanencia tanto nestas dependencias como nos aseos deberá reducirse á estritamente necesaria.

A diferenza do 2019 -último ano de apertura-, neste 2021 a piscina só estará dispoñible para baño e non se ofrecerán cursos de natación polas mañás. As entradas diarias haberá que mercalas no bar da piscina -que tamén abrirá o mesmo día que o vaso-, mentres que os abonos de temporada, sexan individuais ou familiares, deberán solicitarse de maneira anticipada pasando pola Casa da Cultura ou tramitándoos a través da Sede Electrónica municipal.

Haberá que presentar a folla de solicitude debidamente cuberta, o formulario de autoliquidación da taxa -mediante transferencia bancaria ou pagando con tarxeta na Casa da Cultura-, unha copia do DNI e unha foto tamaño carné de cada persoa acollida ao abono, ademais do volante de empadroamento, dado que entre o 9 e o 25 de xuño o Concello só porá a disposición do público o máximo de abonos que permite a normativa en vigor dándolle preferencia por orde de petición ás persoas e familias de San Sadurniño.

Se despois do día 25 houbese abonos dispoñibles -ou se se ampliase a capacidade da instalación- poríanse a disposición das persoas de fóra do concello ou daquelas empadroadas que non os pedisen no prazo de reserva, que xa non terían ningún tipo de prioridade.

Os prezos das entradas diarias e dos abonos para esta temporada son os seguintes:

Concepto

Importe (€)

Entrada individual diaria de persoas adultas

3,36 €

Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos

1,69 €

Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos)

29,76 €

Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos)

38,26 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello)

53,14 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello)

63,77 €

Abono de tempada familiar, por cada persoa a partires da 5.ª (independente do empadroamento)

5,31 €

 

Documentación descargable:
Folla de solicitude do bono (.pdf editable)
Folla de autoliquidación da taxa (.pdf editable, que deberá acompañarse do xustificante se o pagamento se fai mediante transferencia ou ingreso bancario)

Share.