Desde este domingo a rapazada ata 14 anos poderá saír á rúa durante unha hora na compaña dunha persoa adulta

0

O Estado segue mantendo a situación de alarma, que aínda se vai prorrogar até o próximo 10 de maio. Seguen rexendo as mesmas medidas: quedar na casa e saír unicamente para o imprescindible, como por exemplo acudir ao traballo, facer compra de produtos básicos -alimentos, medicamento, artigos de hixiene e limpeza, etc.- ou ir ao médico se temos cita previa. Porén, o Goberno iniciará antes desa data a denominada  “desescalada”, que non é outra cousa que a volta progresiva e controlada á nova normalidade que nos deixará o coronavirus. O primeiro paso é permitir que as nenas e nenos de ata 14 anos poidan saír ao aire libre desde este mesmo domingo. Iso si, haberá certas condicións de obrigado cumprimento: terán que ir acompañados dunha persoa adulta, non poderán separarse máis de un quilómetro do seu domicilio e permanecerán fóra unha hora como máximo, sempre no intervalo entre as 9 da mañá e as 9 da noite. A medida, ao igual que a prórroga do Estado de Alarma, aínda non saíu publicada no Boletín Oficial do Estado, algo que podería ocorrer entre hoxe e mañá.

Tal e como informou onte o Goberno en rolda de prensa, a rapazada menor de 14 anos poderá saír pasear pola rúa desde este mesmo domingo acompañada do pai ou ben da nai. A falta de saber o que determine exactamente o BOE, só se permitirá que as nenas e nenos permanezan fóra cun dos seus proxenitores ou con outro familiar maior de 18 anos co que convivan.

Cada adulto poderá saír con ata tres menores e deberá velar porque se cumpran as medidas de distanciamento social con outras persoas, sobre todo con outros nenos e nenas. É dicir, a cativería pode pasear sen necesidade de ir pola man, e incluso pode levar sacar xoguetes, pelotas ou patinetes, pero non poñerse a brincar con outros nenos e nenas se con iso se racha a recomendación sanitaria da separación mínima de entre 1,5 e 2 metros. Por iso tampouco estaría autorizado o uso de espazos comúns como son os parques infantís, tal e como se avanzou na comparecencia de onte. Se presentan febre ou algún outro síntoma coincidente coa COVID-19, como por exemplo a tose continuada, non poderán saír da casa.

Tamén se limita a unha hora o tempo de estadía máxima no exterior e sempre no período comprendido entre as 9.00 e as 21.00h. É importante ter en conta que esta excepción non autorizaría coller o coche para ir dar unha volta á praia ou a outro lugar, xa que as saídas terán que facerse nun radio máximo de 1 quilómetro ao redor do domicilio e non necesariamente pola rúa, senón que nunha zona rural coma a nosa tamén se poderá pasear ao pé do río ou nun monte que teñamos preto da casa se non sobrepasamos ese límite.

As roldas de prensa do Goberno -primeiro a de María Jesús Montero e logo a de Pablo Iglesias e Salvador Illa- tamén aclararon unha dúbida que mantivo confinados durante o último mes aos mozos e mozas de 14 a 17 anos. E é que, segundo deixaron caer os responsables gubernamentais, as persoas desas idades si poden saír á rúa para facer as cousas autorizadas ás adultas, como por exemplo ir á compra ou pasear unha mascota. En calquera caso, e dadas as mensaxes ás veces contraditorias ou non suficientemente explícitas sobre o alcance das medidas, recomendamos agardar á publicación do BOE para coñecer con detalle estas e outras precisións.   A este respecto débese ter en conta que todo o que publica o BOE ten valor legal e é de obrigado cumprimento, do mesmo modo que todo o que non estea restrinxido polos textos publicados no boletín enténdese que está permitido.

Información sobre mascarillas
A información sobre as medidas de contención do coronavirus vai saíndo e actualizándose aos poucos tanto no BOE como nas webs ministeriais, sobre todo na do Ministerio de Sanidade. Unha das informacións que máis se moveu nos últimos días foi a relativa á comercialización e uso de mascarillas e produtos hixiénicos.

Así, desde onte mesmo, día 23 de abril, son de aplicación os prezos taxados para as máscaras cirúrxicas -cualificadas como material sanitario- que se expenden nas farmacias. O Estado fixou en 0,96 € o prezo por unidade. Esta mañá consultamos na farmacia Díaz-Montero de San Sadurniño sobre a dispoñibilidade deste material e comentaron que tiñan existencias suficientes para atender a demanda local.

Cabe puntualizar, iso si, que de momento só están taxados os prezos para este tipo de máscaras, posto que o BOE non publicou os que se lle deberán aplicar ás de maior protección. En calquera caso, na farmacia local tamén indican que dispoñen de existencias de máscaras homologadas FFP2 cun prezo unitario de 8€.

Outro dos prezos regulados polo Estado é o das solucións e xeles hidroalcólicos, aínda que só para aqueles “autorizados temporalmente” pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios. Neses casos -e só neses casos, que poden non ser as mesmas marcas que venden as farmacias- o prezo é o seguinte: 3,15€ para envases de 150 ml., 5,40€ para os botes de  300 ml. e 15€ para os de 1 litro. Se se dispensan en envases distintos desas capacidades o prezo ha de corresponderse co seguinte cálculo: 0,021€/ml. nos produtos até 150 ml., 0,018€/ml. de 150 a 300 mililitros e 0,015€/ml. se o botellín ten unha capacidade entre 300 e 1.000 mililitros.

Con respecto ás máscaras hixiénicas, cirúrxicas e de protección, o Estado tamén actualizou hai escasos días a información dispoñible sobre recomendacións de uso. Seguen primando como medidas preventivas o distanciamento social, o lavado repetido das mans, evitar tocar os ollos, a boca e o nariz, tusir e esbirrar contra a parte interior do cóbado, usar panos desbotables e facer teletraballo sempre que sexa posible.

Porén, o cadro publicado este martes na web do Ministerio de Sanidade apunta  á posibilidade de contaxio do virus desde persoas asíntomáticas ou con síntomas leves, polo que se sinala que “nalgunhas circunstancias” o uso de mascarillas hixiénicas -as non consideradas produto sanitario- por parte da poboación xeral “podería colaborar na diminución da transmisión do virus”. Esas máscaras cubrebocas deben estar fabricadas de acordo coas especificacións UNE, sexan reutilizables ou non reutilizables.

O Ministerio recomenda o seu uso só en dous casos: cando non é posible manter a distancia de seguridade no traballo, na compra, en espazos pechados ou na rúa; ou cando se utilice o transporte público.

As máscaras cirúrxicas, como produto sanitario homologado que limita a saída de pingas respiratorias, son efectivas previndo a transmisión do virus a outras persoas. Con todo, o Estado segue enfocando a recomendación do seu uso só en casos determinados: persoas con síntomas ou diagnósticos de COVID-19, persoas que estiveron en contacto estreito nos últimos 14 días con persoas diagnosticadas, persoas cuidadoras de afectadas por coronavirus e outra poboación vulnerable, como son maiores, persoas hipertensas, diabéticas, que padezan enfermidades cardiovasculares ou pulmonares crónicas, persoas con cancro ou inmunodeprimidas e as embarazadas.

Tamén se insiste en que a efectividade de calquera máscara depende do seu uso correcto: lavar as mans antes de poñela, que vaia ben axustada tapando boca, nariz e queixelo, non tocala mentres a levamos posta, quitala pola parte de atrás -sen tocar a parte frontal- e lavar inmediatamente as mans e, no caso de seren reutilizables, lavalas conforme as instrucións do fabricante. O ministerio sinala que “por cuestións de comodidade e hixiene” non é recomendable usar a máscara máis aló de 4 horas. No caso de que se humedeza ou deteriore polo uso débese substituír por outra, nunca volver usala a menos que se indique que son reutilizables.

Share.