Desde esta medianoite levántanse as restricións de reunión e amplíanse os grupos máximos na hostalaría

0

Semana de cambios substanciais en canto á normativa preventiva da COVID-19, con sucesivos anuncios por parte da Xunta de Galicia, trasladados ao DOG, relacionados cun novo protocolo dirixido á hostalaría e tamén coas restricións que lle afectan a dereitos fundamentais, nomeadamente o de reunión. E é que desde esta medianoite quedará suspendida a limitación de xuntanzas entre conviventes e non conviventes tanto ao aire libre como en espazos privados, aínda que continúen condicionadas as capacidades en establecementos e eventos de carácter público. Isto significa que poderemos reunirnos na casa ou fóra cantas persoas queiramos a calquera hora do día ou da noite, aínda que non sexa recomendable facelo, pero en comercios, citas culturais e deportivas e outras circunstancias seguirá habendo topes marcados polos respectivos aforos establecidos por Sanidade para cada unha delas. Un dos cambios máis reseñables é o referido á hostalaría, onde poderán sentar ata 8 persoas por mesa ou agrupacións de mesa en interior e ata 15 se se trata dunha terraza. 

O novo Protocolo da Hostalaría Segura de Galicia, publicado o mércores, define dous niveis de requisitos, un de seguridade básica, denominado C1, e outro con maior grao de seguridade e esixencias, o C2, entre que obriga aos locais, entre outras, a levar rexistro de comensais para xantares e ceas, uso de máscaras FFP2 por parte do persoal ou a aplicaren medidas reforzadas de ventilación e limpeza dos espazos.

Os establecementos poderán comprometerse a cumprir calquera dos dous niveis, iso é algo que se deixa á súa elección, aínda que no caso de San Sadurniño -e na maior parte de Galicia- son moitos os locais que se van decantar pola opción C1, que supón o 50% de aforo máximo interior e 100% nas terrazas, clientela sentada e sen posibilidade de consumo na barra.

Esta última opción, a da barra, resérvase só aos establecementos que se decanten polas medidas reforzadas, aínda que a ela só poderán arrimarse persoas que consuman soas ou, como moito, dúas que sexan conviventes ou que formen parte da mesma “burbulla”(?), gardando sempre a distancia de seguridade de metro e medio con respecto a outras que tamén estean tomando de pé. Os locais comprometidos co C2 -que se sinalará con dúas cunchiñas amarelas- poderán cubrir até o 75% do aforo interior e o 100% das terrazas.

Tanto os establecementos C1 como C2 deberán seguir pechando á 01:00h. Desde esta medianoite o que se incrementa é o número de persoas por mesa ou agrupación de mesas nos dous niveis. En interior permitiranse grupos de ata 8 persoas -sexan conviventes ou non- e de ata 15 se están en terraza.

Nos negocios de lecer nocturno (50% de aforo dentro e 100% en terraza) as mesas interiores non poderán estar ocupadas por grupos de máis de 6 persoas e de 10 na terraza. O horario de peche mantense nas 03:00h. Non se permite barra para consumir, pero si facelo de pé. É obrigatorio o rexistro de clientela.

Segundo o DOG tamén desaparecen as limitacións  que pesaban sobre as reunións ao aire libre e nos domicilios, de maneira que legalmente -outra cousa é que sexa o máis recomendable- poderán xuntarse cantas persoas queiran dentro ou fóra dos domicilios. Tamén se suprimen os horarios que había en vigor, que prohibían as reunións de non conviventes entre as 3 e as 6 da mañá. Aínda así hai que ter en conta que seguen sen poder facerse botellóns nin consumir alcol na vía pública.

Débese ter presente, ademais, que o uso da máscara continúa sendo obrigatorio nas situacións indicadas na normativa: partir dos 6 anos cando non se poida manter a distancia ao aire libre e sempre en espazos pechados de uso público ou aberto ao público, incluídas as terrazas. Na hostalaría o bozo só poderá sacarse no momento xusto de consumir.

Nas demais situacións -cines, teatros, instalacións deportivas, etc.- os aforos están marcados, con carácter xeral, no 75% da súa capacidade. Autorízanse as festas e verbenas en municipios con incidencia acumulada por debaixo de 75 a 7 días e de 150 a 14, tamén os concertos ao aire libre con público de pé -sen ocupar máis do 33% do recinto e con 3m² por asistente- e ata un máximo de 2.000 persoas e, se é con público sentado, ata 5.000 e o 75% do aforo.

Todos os cambios estarán en vigor desde as 00:00h deste sábado 18 de setembro -a medianoite de hoxe para mañá-  até o día 2 de outubro. O resume sintetizado xa está dispoñible na web coronavirus.sergas.gal.

Por último, desde o Concello insístese en que este alivio das restricións non debe tomarse como unha escusa para voltar aos costumes que tiñamos antes da pandemia. O coronavirus segue circulando e, ademais, coa variante Delta como maioritaria, que disque ten unha maior capacidade de infección e de provocar danos máis severos. Por iso, #sentidiño.

Share.