“Dereito a sermos vellas”, unha lectura crítica do patriarcado desde Santa Mariña do Monte

0

Proseguimos presentando as pezas realizadas durante o último Chanfaina Lab. A última que está dispoñible desde o venres en Fálame de San Sadurniño lévanos até Santa Mariña do Monte, onde Irene Beceiro recolleu a esencia da parroquia en feminino a través da súa peza “Dereito a sermos vellas”. Nela pousa a cámara en espazos cotiás que retratan escenas do día a día, todas protagonizadas por mulleres, todas representativas dunha sociedade rural sostida pola muller. Sobre a curta e sobre a súa autora fala do seguinte xeito o profesor Manolo González:

Irene Beceiro Calvo (Santa Mariña, San Sadurniño, 2000) estuda o primeiro curso de Pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación na USC. É unha apaixoada pola escrita, coa que xa leva gañado algúns premios literarios como o “Concurso Coca-Cola Jóvenes Talentos de Relato Corto de Galicia”, ademais de  ter contribuído ao proxecto colaborativo Fálame de San Sadurniño co relato “A lenda do cego castrexo”. Conta ademais cunha voz privilexiada, actuando esporadicamente nalgúns concertos. Cando estudiaba 2º de Bac no IES “Concepción Arenal”, realizou algúns vídeos relacionados coa historia como “Inicios do nacionalismo en San Sadurniño” ou “Balbina e Josefa na Guerra Civil”.

Irene coñecía ben o proceso do Chanfaina Lab tras colaborar en 2016 na curta  “Pois iso, que te quero” de Beatriz del Monte, mais nunca asumira o reto de participar como cineasta ata esta edición: “Esta é a miña primeira participación no Chanfaina, e tamén a miña primeira curta como tal. E é por iso que quería facer algo que me fixese saír da comodidade e do intimismo, permitíndome amosar sucintamente as miñas inquedanzas como muller, e se cadra, futura pedagoga. Deille moitas voltas para topar o tema e descartei moitas ideas que non acababan de convencerme porque eran demasiado intimistas e ademais, eu pretendía que na peza participase parte da veciñanza da miña parroquia. Fixen unha listaxe de persoas de Santa Mariña coas que podería colaborar e todas elas eran mulleres. Á dúas semanas da data de entrega, durante unha conversa á hora do xantar, xurdiu o que sería o borrador desta curta: gravar a todas elas facendo actividades “propias da muller”, o que me permitía tamén facer unha lectura crítica do patriarcado.”

“Dereito a sermos vellas” é un documental que pon diante da cámara esceas da vida cotián de quince veciñas de Santa Mariña, desde as máis novas ata as case centenarias. Mulleres que non son actrices, senón modelos tomados da vida real. Un pouco á maneira do cinema-verdade de Jean Rouch, a cámara de Irene amosa as rutinas do seu día a día, sen ningunha narración manifesta: as mulleres preséntanse a si mesmas en situacións cotiáns, mais baixo da aparente improvisación e desconexión de planos e situacións, agroma a vontade autoral da cineasta, reivindicando á muller, mesmo para lembrarnos que a sociedade se sostén en feminino: “quixen amosar que o poder e a influencia do patriarcado tamén se reflicte nas pequenas accións do día a día, impoñendo roles de conduta e clasificando certos labores como propios da muller. Reivindicar como mulleres o noso dereito á vida, tamén é reivindicar unha morte digna. Temos dereito a sermos vellas. Pois se algo nos ten que matar, que sexa o tempo, non os homes.”

En definitiva unha peza delicada e madura, construída en clave feminina e feminista, que non se sitúa á marxe das personaxes que filma, nin establece distancia crítica co rexistrado. A cineasta de Santa Mariña do Monte comparte con elas a vida dentro e fora do filme, ofrecéndonos un espazo de experiencias e reflexións ao tempo.

Share.