Deportes convida ás familias a dar unha volta na bici o sábado 25

0

O sábado 25 de xuño teremos a oportunidade de percorrer en bicicleta o centro de San Sadurniño e os seus arredores nunha nova edición da Ruta cicloturista en familia que, como indica o propio nome, vén sendo un pequeno paseo pola zona apto practicamente para calquera idade. Sairase ás 19:00h de diante do CPI e o itinerario, que aínda está por concretar ao cento por cento, discorrerá maiormente por pistas secundarias ata chegar a Pedroso, para logo volver ao punto de partida.  As inscricións poden facerse xa na Casa da Cultura ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

O trazado calcúlase que será duns 14 quilómetros entre ida e volta. Unha distancia similar á de anteriores edicións da ruta, onde se buscaron combinacións sen practicamente costas e, de haber algunha, que fose doada de sortear aínda que non se tivese moito costume de andar na bici. Ademais, ao ser unha saída familiar para ciclistas a partir de 6 anos, tamén se coidará de que sexa un percorrido levadeiro para a rapazada que anda en bici de roda pequena.

Será obrigatorio usar casco e recoméndase levar chaleco ou roupa de cores vivas, posto que o traxecto se realizará sen cortes nin restricións do tráfico. Aínda con iso, o pelotón levará na cabeza o vehículo municipal de emerxencias e na cola un dos furgóns de obras, cumprindo a función de sinalizar a marcha e, ao mesmo tempo, marcando un ritmo que todas as persoas participantes poidan manter.

Para a ruta cicloturista en familia -que non ten límite de prazas- hai que formalizar a inscrición anticipada na Casa da Cultura ou enviando a folla correspondente a agustin.perez@sansadurnino.gal até o xoves 23 de xuño como moi tarde (o venres 24 é festivo).

A participación na actividade é gratuíta e inclúe seguro. Na organización colabora o Club MTB Biela e Chaveta.

As escolas de ximnasia despiden curso cunha excursión
Tres días despois da ruta ciclista, o 28 de xuño, as persoas da escola municipal de ximnasia de mantemento terán unha despedida de curso un tanto distinta, xa que marcharán de vacacións á península do Morrazo, onde visitarán CAngas e tamén o famoso bosque encantado de Aldán.

Ficha de inscrición ruta ciclista persoas adultas
Ficha de inscrición ruta ciclista menores

Share.