Deporte

A actividade física e o deporte son fundamentais para o desenvolvemento integral da persoa, sobre todo desde idades temperás. O Concello traballa neste eido coa mesma filosofía descentralizadora que se emprega no traballo cultural. Convócase unha liña anual de subvencións para clubes e entidades deportivas do territorio -dotada en 2015 con 5.500 euros- e suscríbense convenios puntuais con algunhas delas para que xestionen escolas municipais ou para a organización de eventos.  É o caso da colaboración co C.F. San Sadurniño e o Clube de voleibol Aldebarán, que levan as escolas municipais de fútbol e volei instruíndo a rapazada na técnica pero tamén en valores como o respecto e a igualdade. A escola de fútbol conta con 120 nenos e nenas e no volei hai algo máis de medio cento. A actividade das escolas permítenlle aos dous clubes de San Sadurniño soster  unha canteira da que se nutren 16 equipos -8 por disciplina- desde benxamín ata a categoría absoluta. De todos eles, 4 son femininos.

O Aldebarán participa desde 2013 na Super Liga Masculina 2, a nivel estatal, mentres que o C.F San Sadurniño xoga en 2015 na Segunda Autonómica, onde tamén se encontra outro equipo local: a UDC Narahío. Dentro dos equipos federados tamén cómpre reseñar o Sansa Futsal, de recente creación e centrado nas competicións locais de fútbol sala.

Á marxe dos deportes maioritarios, o Concello tamén apoia outras disciplinas, entre elas o ciclismo -representado no Clube MTB Biela e Chaveta- ou o baile moderno impulsado a través da Asociación Brío que, se ben se adscribe ás entidades culturais do municipio, recollemos neste apartado pola relación da súa actividade co exercicio físico a través dos seus grupos de baile e de ximnasia rítmica.

Durante o ano organízanse varios eventos deportivos, como o tetramaratón -fútbol sala, baloncesto, hóckei e volei- que cadra coa Semana Santa,  a marcha cicloturista do mes de xullo, a ruta BTT de agosto, os maratóns solidarios no pavillón e xusto ao comezo das vacacións de verán, o torneo provincial de fútbol base organizado polo C.F. San Sadurniño.

En relación coa actividade física o Concello tamén ofrece polas parroquias clases de ximnasia de mantemento para as persoas maiores e durante a primavera organízanse as “Camiñadas veciñais” nas que se combina o lecer saudable co coñecemento do territorio. Desde o 2014 os departamentos de Cultura e Deportes botan unha man na Parada familiar de xogos tradicionais organizada polo CPI en colaboración coa ANPA do centro. Un evento que tamén xunta o exercicio coa recuperación dos entretementos de toda a vida.

Espazos para o deporte

San Sadurniño posúe un amplo catálogo de infraestruturas deportivas, tanto municipais como de titulariedade veciñal. Dous dos espazos de referenza son o complexo deportivo de Corrás, onde se encontran o campo de fútbol e a piscina municipais, e o pavillón situado ao carón do CPI. Nos últimos anos o contorno do centro educativo acondicionouse con novas pistas ao aire libre e, sobre todo, coa construción dun ximnasio equipado con todo o necesario para o mantemento físico ou o adestramento intensivo. O ximnasio está aberto desde a tarde ata a noite de luns a venres e, igual que outros servizos deportivos e culturais, ofrece unha bonificación dun 50% para as persoas titulares do Carné Xove que así o soliciten.

Nas parroquias tamén existen equipamentos municipais orientados á práctica deportiva. Santa Mariña conta cunha pista polideportiva e un campo de fútbol municipais, Bardaos e o Camiño Arriba dispoñen de pista polideportiva e mesmo nos xardíns municipais se rehabilitou a antiga pista na que antano xogaban ao tenis os convidados da Marquesa. Os equipamentos deportivos do territorio complétanse coa área da Veiga, en Naraío, na que hai pista polideportiva e campo de fútbol propiedade da UDC, e coa pista polideportiva da Torre, da que é titular a A.VV. Adiante de Igrexafeita.