Declaración institucional co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

0

No día en que se lembra o rol feminino na sociedade e se reivindica a igualdade plena para a muller, San Sadurniño organizou un sinxelo acto simbólico diante da Casa do Concello no que se leu a declaración institucional adoptada por unanimidade dos tres grupos políticos con representación municipal. Porén, o acto foi máis aló, sendo unha das múltiples concentracións do Paro Internacional de Mulleres convocado para hoxe e unha concentración en repulsa da violencia de xénero que xa leva cobradas 20 vidas no que levamos de ano. A programación referida ao 8 de marzo celebrarase a finais de mes e primeiros de abril, na liña emprendida hai varios anos polo Concello de exhibir o compromiso da igualdade durante todo o ano e non só nas datas sinaladas no calendario.

O acto comezou ás 12.00h. coa presenza de máis dunha trintena de persoas entre representantes do equipo de goberno, veciñanza e persoal municipal que se uniu ao paro. No chan 20 bandeiras, unha por cada muller morta desde o 1 de xaneiro a mans dun home segundo a comunidade na que residise.

E é que este 8 de marzo tivo tamén algo de 25 de novembro -día adicado á reivindicación da eliminación da violencia contra da muller-, xa que semella imposible desvincular a reclamación de dereitos e de igualdade dunha realidade social onde seguen morrendo mulleres e onde segue habendo mulleres dominadas polo simple feito de seren mulleres.

O alcalde, Secundino García, explicaba esta coincidencia reivindicativa ao comezo da concentración: “as mulleres e moitas organizacións mobilízanse contra a violencia de xénero e a igualdade e o Concello quixémonos sumar a esta convocatoria facendo noso o lema ‘Nin unha menos’ como o primeiro dereito a reivindicar. Cando non exista un día da muller realmente teremos igualdade”.

Trala introdución foi a titular de Cultura, Deporte e Ensino, Sabela Íñiguez, quen leu o documento coa declaración institucional aprobada por unanimidade no pleno do sábado pasado que se publica a continuación de xeito íntegro en cumprimento tamén do mesmo acordo plenario:

Hai xa máis de cen anos que o movemento feminista estendeu o 8 de marzo como unha data internacional de referencia na loita pola igualdade de dereitos das mulleres. A pesares de ter pasado máis dun século, son aínda numerosos os indicativos de que a igualdade real é un obxectivo que está lonxe de ser conquistado.

Con enorme preocupación observamos como o último informe que emite o Foro Económico Mundial, en outubro de 2016, para o que se avalían indicadores como a educación, saúde, oportunidades económicas e empoderamento político, advirte que polo camiño que vamos a igualdade entre mulleres e homes podería demorar 170 anos, este dato, xa de por si desalentador, agrávase ao comparalo co do ano anterior, no que se estimaban 118 anos como período necesario para acadar o logro da igualdade real. Os datos obxectivos constatan que nos atopamos nun proceso de freo para o avance nos dereitos das mulleres, e non solo iso, senón que estamos a retroceder.

A realidade que revelan os datos sinalan que segue a existir unha fonda a fenda salarial entre homes e mulleres, un estancamento da incorporación das mulleres á vida laboral establecendo unha media do 54% de mulleres activas laboralmente fronte ao 81% dos homes. Esta desigualdade pode observarse tamén de forma clara e especialmente simbólica nos postos de responsabilidade que ocupan as mulleres, pois só hai catro países en todo o mundo co mesmo número de homes e mulleres en postos lexislativos, por exemplo.

Esta realidade prodúcese nun contexto social e político adverso, que alimenta o retroceso, como sinala o devandito informe do Foro Económico Mundial, esta situación revélase froito dunha actitude política de mirar para outro lado con escasos compromisos para reverter esta situación. As medidas políticas tomadas nos últimos anos non fan senón aumentar a desigualdade e aumentar a desprotección: as reformas laborais, a redución salvaxe no gasto social, ou a práctica inexistencia de investimento en políticas de igualdade teñen como resultado que sexamos as mulleres quen ocupamos as peores porcentaxes de traballo precario, temporal, parcial e bolsas de traballo fóra da lei nun marco onde a lexislación e a inspección son aínda insuficientes. Por iso estamos en tempos nos que precisamos comprometernos coas condicións laborais, garantindo condicións dignas, en especial daqueles sectores máis feminizados apesares de que isto nos faiga ser diana de críticas

Doutra banda, as situacións de acoso laboral exercido sobre as mulleres traballadoras debe centrar a nosa atención. Segundo os datos feitos públicos polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial, Galiza é a segunda comunidade despois da de Madrid na que máis demandas por problemas de conciliación se presentan e ademais, nos últimos tempos foron coñecidos preocupantes casos de acoso laboral e machista que constitúen exemplos de violencia laboral e violencia machista.

Pasaron xa máis de dez anos da aprobación da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes e a vixencia da situación de desigualdade así como as mudanzas e avances colectivos no recoñecemento e visibilización das múltiples formas de violencia contras as mulleres obrigan a avaliarmos a vixencia ou non deste marco e a necesidade de introducir modificacións e mesmo elaborar un novo marco legal que dea cabida ás necesidades e novos retos do futuro inmediato.

A Corporación Municipal de San Sadurniño acorda:

  1. Chamar á participación das veciñas e veciños os actos que no Concello se van a realizar así como apoiar as reivindicacións das organizacións e colectivos feministas comarcais con motivo desta data.

  2. Instar goberno da Xunta de Galiza a elaborar un estudo sobre o impacto, grao de cumprimento e vixencia da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes en colaboración co Parlamento galego e participado por axentes sociais, sindicais e organizacións e colectivos feministas para valorar a necesidade da elaboración dunha nova lei.

  3. Incluír nos pregos de contratación das empresas penalizacións e restrición de contratos por causa de discriminación por xénero ou orientación sexual así como rescindir os contratos municipais con aquelas empresas que teñan imputado algún caso de acoso laboral.

Share.