De marzo a xullo poderán solicitarse as axudas para calefaccións baseadas en renovables

0

Como adoita ocorrer a comezos de ano, o Diario Oficial de Galicia está sacando día si e día tamén convocatorias de axudas de todo tipo. Precisamente hoxe saíron dous anuncios referidos ao aforro de custes enerxéticos nos fogares, nun caso coa convocatoria de axudas para instalar paneis solares fotovoltaicos e no outro -e quizais o máis interesante- as bases que rexerán as subvencións para particulares que instalen calefaccións baseadas en biomasa, xeotermia, aerotermia e solar-térmica. O prazo para solicitar as axudas arrancará, dependendo da tecnoloxía elixida, entre o 1 e o 5 de marzo e finalizará o 1 de xullo. Por outra banda, o DOG tamén publicou hoxe as convocatorias de subvencións para melloras da eficiencia enerxética  en industrias e empresas de servizos.

Empezamos polas axudas para calefaccións domésticas máis aforradoras. Este tipo de subvencións non se solicitan directamente, senón que son as propias instaladoras quen fan o trámite por nós despois de seren seleccionadas como colaboradoras  pola Xunta na xestión destas liñas de subvención. Neste sentido, o DOG de hoxe tamén recolle a convocatoria para que estas empresas soliciten do INEGA a súa participación no programa de subvencións e, por ese motivo, dase algo máis de mes e medio de marxe antes de que poidan empezar a rexistrar as solicitudes de axuda para os proxectos particulares.

E cales son eses proxectos subvencionables? Pois practicamente todos os que empreguen sistemas baseados en fontes renovables, como son a biomasa -caldeiras de pellets ou leña-, xeotermia -sistemas que aproveitan a calor do chan-, a solar térmica -paneis que quentan un líquido especial- e tamén aquelas tecnoloxías que usan o intercambio de calor do aire para manter unha temperatura estable no fogar, sexa inverno ou verán, cun consumo enerxético altamente eficiente.

Dentro deles, os conceptos polos que se poderá percibir a axuda son tamén varios: o equipamento principal de xeración enerxética -paneis, bomba de calor, caldeira, etc.-, accesorios para o correcto funcionamento do sistema, o propio sistema de almacenamento do combustible, a montaxe e conexionado. No caso da biomasa tamén entraría o sistema de regulación e control e o de limpeza e depuración de fumes/extracción da cinza. Para as instalacións xeotérmicas serían subvencionables, ademais, os sondeos, os intercambiadores, os acumuladores e tubaxes imprescindibles para a captación da calor do subsolo.

Pola contra non serán investimentos subvencionables, entre outros, os gastos anteriores á presentación das solicitudes, materiais de segunda man, as tubaxes de distribución nin os radiadores -salvo que sexan parte activa do circuíto de xeración térmica- e, no caso de aerotermia, tampouco os proxectos baseados en bombas de calor do tipo aire/aire. Ademais tamén se esixe que as instalacións cumpran determinadas condicións técnicas e rangos de potencia, xa que esta convocatoria está pensada para mellorar a eficiencia enerxética de vivendas particulares.

Segundo as bases publicadas hoxe pola Xunta, a contía da axuda será do 50% do investimento elixible da instalación -e aerotermia o 30%-, cun tope de 60.000 euros por proxecto. Os investimentos elixibles máximos por vivenda serán de 12.000 euros -sen ive- se se trata de xeotermia e 6.000 euros en instalacións de aerotermia e solar térmica.

Prazos de presentación
As axudas solicitaranse, como comentamos algo máis arriba, a través das empresas instaladoras, polo que só debemos preocuparnos de que estean acreditadas como colaboradoras pola Xunta neste procedemento para que sexan despois elas quen se ocupen de todo o papeleo.

A recepción de solicitudes -para a que lles deberemos asinar un documento de representación- comezará o 1 de marzo para os proxectos de biomasa, o 2 de marzo para os de aerotermia, o 5 de marzo para xeotermia e tamén o 5 de marzo para instalacións de solar-térmica. O último día de solicitudes será o 1 de xullo e os investimentos, unha vez confirmada a axuda, haberá que xustificalos como moi tarde o 30 de setembro deste ano.

Paneis fotovoltaicos
Tamén en marzo, pero o día 3, abrirá o prazo de solicitudes correspondentes á instalación de paneis solares fotovoltaicos en vivendas particulares. De igual maneira, as axudas solicitaranse a través de instaladoras colaboradoras e a achega máxima por vivenda poderá ser de ata 4.000 euros (ata 5.500€ se o proxecto leva baterías de litio de potencia igual ou superior a 4kWh).

As bases completas para colocar este tipo de tecnoloxía de aforro poden consultarse aquí.

Mellora da eficiencia en industrias e empresas de servizos
En paralelo, o DOG tamén recolle na edición desta mañá o financiamento de proxectos conducentes ao aforro enerxético en industrias e empresas de servizos radicadas en Galicia. Aquí non só se contemplan calefaccións máis eficientes, senón tamén cambios de equipamentos que baixen os consumos -mínimo un 20%-, sistemas de iluminación, etc.

Segundo se reflicte no diario oficial, a contía da subvención será do 35 % do custo elixible da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima por proxecto de 500.000 euros (ata 1 millón en aquelas actuacións que en fase de solicitude xustifiquen a consecución de elevados niveis de aforro enerxético)

As solicitudes poderán presentarse desde o 20 de xaneiro até o 15 de outubro e, neste caso si, o trámite poden facelo directamente as interesadas.

Ligazóns ás convocatorias

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, dirixidas a particulares, para o ano 2021 (código de procedemento IN421P).

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica dirixidas a particulares para o ano 2021 (código de procedemento IN421O).

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).

Share.