Daniel Bellón ofrecerá un curso de afinación da gaita dentro da IX Xornada de Cultura Popular Galega

0

A Asociación Folclórica e Cultural Berros do Castro puxo para o domingo 1 de outubro a novena edición da súa Xornada da Cultura popular Galega. Un evento que se desenvolve na Casa da Cultura de San Sadurniño desde os seus inicios e no que se mantén sempre o mesmo formato, dividido nunha exposición aberta durante todo o día, un obradoiro pola mañá e primeira hora da tarde e tres concertos gratuítos a partir do serán.  Aínda falta máis de mes e medio para a cita, pero se falamos dela xa é porque para o obradoiro fai falla inscrición previa e, neste caso, o máis seguro é que se esgoten as prazas en pouco tempo polo atractivo da tema e o tirón do docente, o mestre gaiteiro Daniel Bellón. Falará sobre a afinación da gaita galega e tamén sobre ese universo minúsculo que é unha palleta. O obradoiro ten un custe de 15€ e para apuntarse hai que bulir a chamar ao teléfono  669 795 418 ou ao 626 140 798, ou ben mandar un correo a berrosdocastro@gmail.com.

Tal e como sinalan os Berros do Castro na información que nos fixeron chegar hai tan só uns días, a afinación “vai ligada á gaita e a quen a toca  dende os tempos pasados, moitas veces cunha relación de amor e odio, á que se unen ditos, lendas e mitos sobre a afinación e a palleta”.

Por este motivo, no curso que impartirá Bellón aprenderase a relacionar o tempero e a afinación e a maneira en que lle afectan á interpretación.  “Veremos a afinación clásica da gaita e algunas variantes segundo as épocas e lugares, así como a escala temperada”, comentan desde Berros. Máis en detalle, ademais da afinación temperada, o temario tratará os distintos elementos da gaita, a afinación natural, a afinación con cinta, a compensación do instrumento, a afinación a dúo e as posturas alternativas.

Na parte da palleta abordarase a elección do modelo máis axeitado, como preparala e rodala e os movementos básicos. De feito, todas as persoas que se apunten deberán levar cadansúa gaita e tamén algunhas palletas vellas coas que poder facer prácticas.  A sesión busca, en definitiva,  “que o gaiteiro ou gaiteira aprenda a afinar o seu instrumento con facilidade e seguridade, tratando así con enxebreza e elegancia á gaita galega, tal e como merece”.

E para falar de todo isto Berros do Castro chamou a Daniel Bellón, un auténtico virtuoso da gaita e do seu ensino. Na escola de música que abriu en Fene con Diego Maceiras -a outra metade do dúo BellónMaceiras-, o gaiteiro insístelle ao seu alumnado en múltiples cuestións, pero segundo aseguran quen van ás súas clases “é moi metódico e con el trabállase moito o tema da afinación, que ten que ser perfecta incluso durante os ensaios”, explica un dos seus aprendices.

Quizáis sexa esta certa obsesión co perfeccionismo na execución e na pureza sonora -e tamén o don que se ten ou non se ten- o que fixo de Bellón “o gaiteiro máis laureado da historia”, con máis de 40 premios no seu haber entre os que se contan tres edicións do Constantino Bellón, unha do Gaiteiro de Soutelo e un Trophee Macallan, posiblemente o máis prestixioso do mundo.

O obradoiro de afinación para gaita galega comezará pola mañá cedo e prolongarase tamén a parte da tarde. Para participar hai que inscribirse antes chamando aos teléfonos 669 795 418 – 626 140 798, ou ben enviándolle un correo a berrosdocastro@gmail.com.

O prezo son 15€ por persoa que, todo hai que dicilo, non son cartos tendo en conta a calidade do docente e a importancia do tema. Unha combinación que seguramente esperte o interese dunha chea de gaiteiros e gaiteiras que hai na comarca e que, ou ben teñen pendente esta asignatura ou ben queren ampliar coñecementos.

A IX Xornada de Cultura popular Galega
Alén do obradoiro, a xornada organizada por Berros do Castro en colaboración co Concello e a Cooperativa de Meirás tamén inclúe outros dous bloques, un expositivo e outro de concertos. Nesta edición a parte da exposición estará protagonizada pola colección fotográfica “Mar”, do fotoxornalista Kiko Delgado. Na mostra, o colaborador da Axencia EFE rescata a natureza e mesmo o lixo que cuspe o mar para retratalos coma se fosen persoas. A finalidade é ofrecer un punto de vista distinto e alonxado das habituais estampas da costa de Ferrolterra, pero tamén concienciar sobre a contaminación dos nosos mares.

A parte musical, que comezará ás 19.00h. no auditorio da Casa da Cultura, abriraa Daniel Bellón cun concerto didáctico no que estará acompañado por Diego Maceiras. Posteriormente actuarán o grupo Faragull@s de Ferrol e clausurarán a xornada os Enxebres de Cacheiras.

 

Share.