Cultura

San Sadurniño mantén durante todo o ano unha ampla programación cultural que engloba todo tipo de actos, nuns casos programados directamente polo Concello e noutros en colaboración coas entidades veciñais. Nos últimos anos o departamento de Cultura apostou pola descentralización de boa parte das actividades trasladándoas aos locais sociais, entre elas obras de teatro, actuacións de maxia, música, charlas, etc.

Por outra banda, o Concello convoca con carácter anual unha liña de subvencións -cifrada en 2015 en 23.500 euros- coa que apoiar as iniciativas das asociacións veciñais e culturais do territorio. A elas poden acollerse as entidades e comisións de festas do territorio para organizaren os seus propios eventos, nos que se valora especialmente a  normalización da lingua, a difusión de todas as manifestacións da cultura do país e o feito de que as propostas  fomenten unha igualdade real entre homes e mulleres.

A acción cultural complétase coas escolas municipais de música, que ofrecen a posibilidade de iniciarse ou perfeccionar a técnica en gaita, percusión, canto/pandeireta e música coral. De feito, no seo das escolas naceron dous coros vocais, o de Lamas e o de San Sadurniño.

As escolas cadran co curso escolar. Comezan habitualmente en outubro e finalizan a mediados de xuño do ano seguinte. Parte das escolas están descentralizadas. As de música tradicional teñen lugar no local social de Naraío e as de música coral desenvólvense no local social de Lamas e na Casa da Cultura, respectivamente.

Espazos para a cultura

A Casa da Cultura é centro de referenza das actividades por varias razóns. Alí está o auditorio con capacidade para 150 persoas e dotado de equipamento audiovisual. Na práctica é unha sala de usos múltiples que acolle  eventos variados, como concertos, mesas redondas e obradoiros.  Conta, ademais, cun recibidor utilizado como sala de exposicións como complemento da galería da casa consistorial que agora é o espazo máis demandado por artistas da pintura e da fotografía para mostraren a súa obra. No primeiro andar encóntrase a biblioteca municipal, cuns fondos próximos aos 12.000 títulos entre libros, música e videos. Arredor dela organízanse presentacións de libros de autores recoñecidos. Un dos últimos foi Xosé Neira Vilas, escritor traducido a ducias de linguas coas súas “Memorias dun neno labrego”. No seo da biblioteca tamén se fan actividades grupais sobre obras concretas -lecturas, dramatizacións- e nela xurdiu un club de lectura.

Coas tecnoloxías da información e a comunicación

A Cultura tamén se adapta aos novos soportes da creación e da aprendizaxe a través da Aula CeMIT de San Sadurniño, situada nunha grande sala ao carón da biblioteca. A aula forma parte da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia e nela impártense cursos e obradoiros relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación.

Son accións formativas centradas na alfabetización dixital dirixidas a todos os públicos pero que callaron con forza nas persoas de máis idade. Unha realidade que levou ao Concello a crear cursos itinerantes polas parroquias nos que a xente toma contacto coa informática e internet de forma construtiva posto que, posteriormente, quen participa adoita implicarse no proxecto estrela impulsado pola aula: falamedesansadurnino.org.