Cultura organiza un Samaín infantil con xogos e obradoiros para a tarde do 31

0

Vén aí o tempo dos magostos e do Samaín, a festa compartida por todas as culturas atlánticas na que, disque, se comunican os mundos do aquén e do alén. Unha data máxica que ten o seu día culminante na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, asimilado polo cristianismo como día de Todos os Santos. Galicia conta cunha longa tradición relixiosa e pagá de rituais relacionados coa morte que neste século XXI tentan resistir a invasión cultural dos halloweens procedentes da cultura anglosaxona da outra banda do atlántico. Ao paso que imos acabaremos comendo pavo por thanksgiving. O caso é que vén aí o Samaín e, ademais do organizado para os días 3 e 4 de novembro por O Castelo de Narahío, o Concello tamén preparou para o día 31 de outubro unha sesión infantil na Casa da Cultura. Hai 20 prazas, que se deben reservar chamando ao  616 332 919.

O obradoiro prolongarase desde as 17 ata as 19.30h. e está pensado para a rapazada de entre 3 e 12 anos. Durante esas dúas horas e media os nenos e nenas terán unha chea de propostas programadas para se entreter ao tempo que se meten a fondo na tradición. A sesión está dividida en dúas partes, unha de preparativos e manualidades e outra de xogo.

Na primeira metade ofrécese un obradoiro de maquillaxe para que a cativería poida converterse no personaxe que queira: unha cabaza, un esqueleto, unha meiga ou calquera outra cousa asociada tradicionalmente a este tempo do Samaín, de Santos e de Defuntos.

En paralelo tamén terán un taller de baleirado e decorado de cabazas xunto con outros elementos decorativos elaborados con materiais de refugallo e naturais.

A segunda parte está pensada para facer xogos cooperativos adaptados ao fío condutor desta data que aínda terá continuidade na programación veciñal do Castelo de Narahío  o venres 3 de novembro cun contacontos a cargo de Anxo Moure e Servando Barreiro -20.00h. no local social- e o sábado 4 con máis actividades, entre elas a concorrida procesión das ánimas do serán. Este ano colabora no itinerario do medo a asociación O Aturuxo de Melpómene, pero tamén poderá sumarse ao cadro actoral do terror calquera persoa que o desexe. Para iso está convocada unha xuntanza este sábado a partir das 10 da mañá no local social da Veiga, en Naraío, onde se explicará o contido da procesión deste ano e se repartirán os papeis da noite do sábado 4.

 

Share.