Cultura organiza a segunda edición de “Pegadas dun pasado” centrada nas antigas escolas do municipio

0

O próximo 19 de agosto celébrase o Día Internacional da Fotografía. En 2020 o Concello organizou co gallo desa data a mostra colaborativa “Pegadas dun pasado”, que se ocupou na súa primeira edición en reflectir o paso do tempo comparando imaxes antigas dos arquivos familiares con outras máis recentes tomadas nos mesmos lugares e cos mesmos encadres. O éxito de participación levou á área de Cultura a repetir a experiencia tamén  neste 2021 introducindo dous cambios importantes: o primeiro é que abondará con achegar unha única imaxe, non fará falla presentar dúas fotos comparadas, e, o segundo, que o tema principal serán as escolas e o ensino antes do 1973, data en que empezou a funcionar o colexio público de San Sadurniño agrupando o alumnado de EXB que saía das unitarias. En “Pegadas dun pasado” tamén haberá dúas categorías, unha para a rapazada empadroada en San Sadurniño con idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos e outra para veciñanza do concello maior desa idade. O prazo para presentar as fotos está aberto desde este 26 de xullo até o 6 de agosto. Haberá que entregar as impresións na Casa da Cultura -teñen que ser copias das fotos, non se admitirán orixinais-  e con elas armarase unha exposición que poderá visitarse na Galería do Concello entre o 9 e o 31 de agosto. Ah, e o día 19 de agosto ás 20.00h -día da inauguración- sortearanse entre todas elas catro fantásticos agasallos. 

“Pegadas dun pasado” segue neste 2021 a estela da exposición fotográfica clausurada hai unhas semanas con imaxes de Xosé Castro “Pepucho” e do seu mentor, o fotoxornalista coruñés Alberto Martí. Nesa mostra incluíronse varias instantáneas do grupo escolar construído en San Sadurniño a finais dos anos 50 nas que aparecían varios alumnos brincando fóra baixo a atenta mirada do seu mestre, Don Ignacio.

Esas fotos e os momentos compartidos con algúns dos seus protagonistas o día da inauguración, déronlle pé a Cultura para orientar a celebración do Día da fotografía deste ano cara ao pasado escolar do concello, convidando á rapazada e persoas adultas a recuperar aquelas estampas en branco e negro sacadas nas escolas ou das escolas. Imaxes que nos recordan un ensino moi distinto ao de hoxe e que permanecen gardadas como tesouros históricos en caixóns ou álbums familiares.

A idea é moi sinxela. Terán que buscar pola casa imaxes referenciais a este tema principal -fotos de grupo de alumnado, a típica imaxe individual diante do mapa de España, instantáneas das contadas excursións que facían cos mestres e mestras máis proactivas, case sempre visitas a monumentos e lugares senlleiros da zona aos que se podía ir a pé, etc.-. Ponse como única condición que as fotos sexan anteriores a 1973 (data na que entrou en funcionamento o novo colexio público).

Logo haberá que escanealas ou dixitalizalas por calquera outro medio e imprimir en papel fotográfico unha copia en tamaño 15×20 ou 20×25, procurando que a calidade sexa a máis fiel á da imaxe orixinal. Neste sentido é importante sinalar que na Casa da Cultura non se recollerán fotos orixinais, senón só as copias que se presenten para entrar na exposición e participar logo no sorteo de agasallos.

No momento de entregar as copias (na Casa da Cultura en horario de mañá) haberá que cubrir unha ficha co nome e apelidos da persoa participante, os datos de contacto, a parroquia e ano aproximado da foto e en cal das dúas categorías se participa: rapazada e mocidade nacida entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 31 de decembro de 2013 ou ben na de persoas de máis de 18 anos. Cada participante só poderá presentar unha foto.

O último día para entregar as imaxes é o día 6 de agosto ás 14.00h. Con elas instalarase unha exposición na Galería do Concello que estará aberta desde o 9 ao 31 de agosto, aínda que a inauguración está prevista para o día 19 -Día Mundial da Fotografía- ás 20.00h nos xardíns municipais. Ese día tamén se sortearán os premios que hai para cada categoría: dous portátiles entre a rapazada  e dúas táblets para os e as participantes maiores de 18 anos.

Para ampliar información ou consultar calquera dúbida pódese contactar co Técnico de Cultura chamando ao 616 332 919 en horario de mañá, ou ben enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

 

 

Share.