Cultura homenaxeará a Rosalía cunha exposición feita pola veciñanza

0

O día 24 de febreiro fanse 183 anos do nacemento de Rosalía de Castro, nai do rexurdimento do galego para as letras e referente da literatura mundial, ademais dunha adiantada ao seu tempo pola mensaxe feminista que se entretece en boa parte da súa poesía e da súa prosa. Ducias de actos recordarán a vida e obra da autora a partir do mes que vén. En San Sadurniño haberá dous eventos principais. Un será o concerto de Roi Casal -sábado 1, 19.00h. na Casa da Cultura- quen musicou varios poemas rosalianos. O outro é unha novidosa iniciativa da Concellaría de Cultura consistente nunha exposición colaborativa -titulada “Aló no recuncho máis fermoso”- coa que se pretenden encher os catro costados da galería do Concello. A novidade reside en que será a veciñanza de San Sadurniño -asociacións, colectivos, particulares, rapazada…- quen deseñe cada unha das obras. O prazo de entrega abrirase o 20 de xaneiro e só se poñen dúas condicións: a protagonista ha de ser Rosalía de Castro e os cadros deben facerse en cartolina de cor en tamaño DIN A3 como máximo, aínda que se as obras se fan en grupo ese tamaño poderá ser maior. 

A partir de aí poderase facer o que se queira, o estilo e os elementos son totalmente libres. Neste sentido hai a posibilidade de reflectir poemas, debuxos, empregar pintura, combinar textos e imaxes, collage… calquera expresión artística que reivindique as distintas facetas da escritora ten cabida nesta proposta, coa que a área de Cultura quere “homenaxear a figura de Rosalía de Castro como parte fundamental da literatura e incluso do pensamento universal”, sinala a responsable do departamento, Amparo Calvo.

A concelleira lanza o proxecto con idea de que nel participe “o maior número de persoas posible, sexa a nivel individual ou a través das asociacións, clubes ou calquera outro colectivo que se queira implicar”. Para facilitar o traballo mesmo se poderán recoller as cartolinas na Casa da Cultura ou no Concello.

O prazo para achegar as obras estará aberto desde o 20 de xaneiro até o 24 de febreiro e poderá facerse de dúas maneiras: entregándoas no centro cultural ou na Casa do Concello ou, mellor aínda, pegándoas directamente na galería unha vez estean rematadas. “Queremos que as catro paredes da galería se convirtan nun grande mosaico rosaliano composto por pequenos cadros que sexan todos distintos e creativos. Non fai falla refinación técnica, o que importa é a mensaxe, o que exprese cada un deles”, comenta Amparo Calvo.

Vídeo do proceso
A iniciativa ten unha segunda parte de carácter audiovisual. E é que todas aquelas persoas e entidades que se decidan a participar terán a opción de ver reflectido o seu traballo nun pequeno vídeo que, ao igual que a mostra, tamén se pretende que sexa colectivo. A idea do Concello é facer unha reportaxe da elaboración dos deseños desde o seu comezo ata que entren formar parte da exposición. Porén, para iso débese contactar antes coa Técnica de Igualdade -981 490 027 ext.1- de cara a coordinar os días e horas de gravación.

De haber suficientes participantes, o minidocumental proxectaríase o sábado 29 de febreiro na Casa da Cultura nun acto “de agradecemento e recoñecemento a todas as persoas que axuden a engalanar a galería do Concello coa súa visión sobre Rosalía de Castro”. O evento comezará ás 18.30h. e irá precedido dun obradoiro de Rap con versos de Rosalía dirixido principalmente á rapazada  que terá lugar na Casa da Xuventude de 16 a 18.00h.

Actuación de Roi Casal
Tal e como comentabamos ao comezo desta nova, a conmemoración do nacemento da escritora terá o seu outro grande referente na actuación de Roi Casal do sábado 1 de febreiro ás 19.00h. na Casa da Cultura.

Arpista e zanfonista virtuoso, Casal iniciou a súa carreira en solitario en 2009 despois de case unha década formando parte de Milladoiro. “Lendas douradas”, “Maxicamente vello” e “Donos do noso destino” foron os tres traballos publicados desde aquela con notable éxito de público e crítica, aínda que foi o proxecto “Son galego, son cubano” o que o asentou definitivamente como un dos principais referentes da música galega actual.

Roi Casal foi un dos músicos convidados pola RAG ao 180 aniversario de Rosalía de Castro e no seu primeiro traballo en solitario -“Lendas douradas”- figura a versión melódica da poesía “Ninfa das frescas augas”, quizais unha das máis coñecidas do cantante e instrumentista.

As entradas para o concerto de Roi Casal xa se poden ir reservando a través do teléfono 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Os billetes teñen un prezo único de 5€.

Share.