Cultura e actividades ao aire libre para a fin de semana

0

Semella que a medida que nos vamos achegando ao verán -para o que aínda falta máis dun mes- tamén vai medrando a oferta de eventos durante as fins de semana. Algo que imos notar ben a partir de agora cunha chea de propostas fóra e a cuberto. Boa mostra son os próximos dous días, cunha nova ruta xeolóxica, cursos de xabóns e flores, o arranque da programación das Letras Galegas, unha camiñada para manter a tradición romeria á O e, para rematala, teatro de moita risa na Casa da Cultura.

A programación do sábado comeza con dous eventos simultáneos. O primeiro deles é a ruta xeolóxica polo Forgoselo, o Belelle e os canóns do Eume organizada polos concellos de San Sadurniño, Neda e A Capela no marco do Geolodía da fin de semana pasada. A actividade -dirixida polo xeólogo Francisco Canosa- iniciarase a iso das 10.15h. no castelo de Naraío, logo visitarase un enclave ao pé do río e despois subirase a Racamonde para ver desde alí como se configurou a paisaxe hai millóns de anos, así como algúns exemplos  únicos da súa transformación ao longo do tempo.

Para esta ruta gratuíta xa non hai prazas dispoñibles, xa que o cupo de 55 persoas está cuberto desde hai case tres semanas. Desde o Concello lémbraselles ás persoas inscritas que, de ser o caso, comuniquen no correo parqueortegal@gmail.com calquera imprevisto que lles impida asistir e, deste xeito, que pase alguén da lista de agarda.

Ademais de achegarse ao Forgoselo, a ruta -que se fará en bus e con pequenos desprazamentos a pé- tamén visitará as penas Louseiras e a ribeira do Belelle, onde está previsto facer unha parada para xantar (cadaquén ten que levar o seu bocadillo). Pola tarde a expedición rematará nos canóns do Eume.

O outro evento da mañá é o curso de elaboración de xabóns artesáns que nos propón a asociación antes chamada Con Suma Conciencia -agora ConcienciArte-, impartido por Matilde Ramos. Desenvolverase das 10 ás 14.00h. na antiga escola de Silvalonga. O prezo son 15€ para persoas socias e 20 para non socias e para apuntarse hai que chamar ao 659.259.960.

Xa pola tarde -a partir das 17.00h.-, a experta florista Tania Couce ensinaranos no local social de Santa Mariña do Monte como decorar con flores calquera estancia, xa sexa con ramos para xarróns ou con combinacións para centros de mesa. O obradorio, que é gratuíto, forma parte do programa municipal Tempos para compartir. Aínda queda algunha praza libre e para pillala hai que chamar antes das 14.00h. de hoxe venres ao 981 490 027 ext.1.

Inicio da programación das Letras Galegas
A asociación veciñal O Castelo de Naraío programou para este sábado co gallo das Letras Galegas o I Encontro infantil de cantares tradicionais ‘O Saíme canta’. O evento comezará ás 18.30h. no local social da Veiga e con el a entidade busca por en valor a oralidade e a música tradicional como vehículos de transmisión e difusión da cultura.

En colaboración coa Rapazada do Saíme -o grupo vocal de nenas e nenos nacido nas escolas municipais de música tradicional- a asociación ofrecerá un encontro no que tamén participarán formacións infantís do Padroado da Cultura do Concello de Narón e da agrupación folclórica Airiños dos Carrís, de Cerdido.

En relación coa preservación da tradición, O Castelo de Narahío repetirá o domingo pola mañá a súa  camiñada á Romaría da O, para a que non é precisa inscrición previa. Sairán do cruzamento do Eirexado sobre as 10.15h. pasando por Cabanas, Liñares, os Tortos, a Cabrita e o Muíño de Pedroso. Este ano non hai festa en Pedroso, pero si se ofrecerán as misas habituais: o sábado ás 18.00h. e o domingo cada hora de 9 a 12.00 e tamén ás 18.00h.

Domingo, 19.00h. “Terapia de Bar” na Casa da Cultura
E para rematar esta intensa fin de semana teremos oportunidade de rir a cachón cunha comedia terrorífica. Jose Prieto dirixe a Juanín Ares, José Manuel Felpeto, Chani Hernández, Maite Dacosta, Chus Olivares e Ruth Fernández -parte da trouppe do Aturuxo de Melpómene- nun enredo de terror, vicios e manías ambientado no Bar da Costa, onde poucas veces para ninguén e, de facelo, nunca volve parar. É máis, ata é posible que xa nunca saia desta taberna peculiar onde os seus únicos moradores aplican “terapias” para salvarnos da vida moderna.

A obra é, xunto con “Misterios”, a última montaxe do Aturuxo de Melpómene, unha entidade centrada na creación cultural que xa nos acompañou animando o mercado local do entroido. “Terapia de Bar” leva varios meses circulando por Galicia con grande éxito de crítica e público. A entidade ten “bolos” pechados ata o 2 decembro. Quen non poida ver esta obra o domingo que non se preocupe, xa que as asociacións veciñais de Bardaos e de Naraío han programala ao longo deste ano ou principios do que vén.

A representación comezará o domingo ás 19.00h. na Casa da Cultura con entradas a 3€ que poden reservarse no 616.332.919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Por certo, aínda que é unha obra de humor, tamén hai que ter en conta que é para público maior de 16 anos.

Share.