Cultura celebra as Letras Galegas xa este domingo

0

Florencio Delgado Gurriarán é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Militante do Partido Galeguista, exiliado en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas, poeta que escribiu entre o seu mundo natal -Valdeorras- e o México de acollida, ao que marchou como tantas outras perdedoras e perdedores da Guerra Civil. Un persoeiro pouco coñecido para o grande público pero que, porén, é prototipo do activista cultural galego do século XX; aquel que toca múltiples campos creativos desde o compromiso social e político co país. En San Sadurniño renderáselle tributo este domingo 15 de maio, dous días antes da data oficial, cun acto a partir das 18:00h na praza do antigo Concello.

Nesta semana intensifícanse en toda Galicia as accións para dar a coñecer a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán e poñer en valor o seu legado. No caso de San Sadurniño o acto central das Letras Galegas desenvolverase ao aire libre cun programa que incluirá anacos da súa obra e tamén as actuacións das escolas municipais de cantos de taberna, pandeireta e gaita. As formacións tradicionais ofrecerán catro pezas escollidas do seu repertorio e, cara ao final, botaranlle outras dúas en conxunto, preparadas nos últimos días.

O evento presentarao a responsable de Cultura, Amparo Calvo, aínda que os mestres da cerimonia serán Xose Bonome e Pedro Picos (Bucanero Teatro), a quen puidemos ver recentemente na  Casa da Cultura coa obra  “Eurovisión. O fake show”. Non está confirmado aínda se ao dúo se unirá a actriz Sabela Hermida, parte tamén do elenco artístico desta peza, a derradeira  escrita por Lino Braxe.

Bucanero ha poñerlle, con toda seguridade, a nota de humor a un serán musical que honra a fala, a creación en galego e, neste caso, un autor ourensán de forte convicción e militancia galeguista cuxa figura se trata amplamente na web da Real Academia Galega e no proxecto As Letras de Florencio, que inclúe o premio poético co seu nome.

As Letras Galegas de San Sadurniño terán lugar este domingo 15 de maio na praza do antigo consistorio (ao pé do convento do Rosario), onde tamén está instalado desde hai uns días un grande marco de madeira para retratarse co gallo do 17 de maio. Se chove trasladarase á Casa da Cultura.

Xose Bonome e Pedro Picos (Bucanero) reuníronse hai uns días con Amparo Calvo e o técnico de Cultura, Agustín Pérez, para prepararen o evento do domingo 15 co gallo das Letras Galegas

Xose Bonome e Pedro Picos (Bucanero) reuníronse hai uns días con Amparo Calvo e o técnico de Cultura, Agustín Pérez, para prepararen o evento do domingo 15 co gallo das Letras Galegas

 

 

Share.