Creatividade local no Chanfaina Lab

0

Estamos chegado ao ecuador das estreas virtuais do Chanfaina Lab, o encontro audiovisual que propón San Sadurniño como eixo temático para a creación de curtas de estilo e temática libre. O que estamos vendo agora é todo o gravado na primeira fin de semana de setembro do ano pasado, cando se deron cita no noso territorio unha chea de realizadoras e realizadores coa finalidade de pousar nel a súa mirada. E se algo diferenza este Chanfaina dos anteriores é o alto número de participantes de aquí. Desde que escribimos o último resume xa se estrearon dúas novas pezas de creadores locais, as dúas experimentais e e as dúas moi frescas. Falamos de “A vista de cabalo do demo”, de Bieito Beceiro, e de “Síntese”, de Ángela Arnosa. Bieito é un habitual nos últimos encontros e Ángela tamén, só que desta vez se implicou aínda máis  repartíndose en varias pezas como actriz, axudante de produción e mesmo directora da súa propia obra.

Tras das experiencias de edicións anteriores, Ángela Arnosa decidiu arriscarse á hora de realizar a súa primeira peza: “A miña participación no Chanfaina nace como unha oportunidade para probar a realizar unha curta desde cero. Tiven a ocasión de enfrontarme por vez primeira a todo o proceso de creación: a pensar na composición dos planos, á gravación e á montaxe de cada unha das escenas tratando de conseguir un resultado satisfactorio.Tras ocorrérseme a idea de gravar con sombras, decidín construír a escena da sombra á mesa como recreación dunha viñeta do ilustrador ruso Gudim Anton . Nas obras deste artista confúndense continuamente os papeis que corresponden á realidade e á representación desa realidade, un pouco o que pode suceder coas sombras e os entes que as orixinan. En todo momento aparecen no plano obxectos ou plantas inmóbiles. O que racha coa calma no conxunto da escena é a sombra producida por unha persoa ou obxecto en movemento. Pódese pensar que o protagonismo recae sobre unha sombra en movemento, que vén sendo unha forma da que só se perciben os contornos. Mais as cores, así como moitos detalles, só se poden observar no decorado, que pode adquirir tanto ou máis protagonismo que a propia sombra. Na curta xoguei cos contrastes no ritmo das escenas. As escenas nas que aparece unha sombra á mesa teñen un ritmo máis pausado ao confrontalas co resto de escenas, na que o ritmo é máis áxil. Nisto non só inflúe a velocidade de movemento das sombras, senón tamén o diferente son”.

O profesor Manolo González resume “Síntese” como unha curta que xoga coas aparencias da luz e a representación do real.  A teima da directora pola ciencia -Arnosa estuda o mestrado en Investigación Química e é divulgadora científica-  tamén está no substrato da peza, neste caso a través das sombras chinesas que nos conectan cun xénero narrativo precursor do propio cinema e que se proxectan no suxestivo espazo da sala DZINE, único lugar relacionado co cinematógrafo que temos na zona. 

O título “Síntese” é un nome que apareceu de casualidade. Durante a montaxe, precisaba un texto que poñer ao principio da curta, onde iría o título. Uns compañeiros que estaban a falar ao meu carón pronunciaron esa palabra e coloqueina como provisional. Pero quedou. Quedou porque ao pensalo, a palabra síntese recolle a esencia da peza. Unha síntese defínese na química como a elaboración dun composto a partir de elementos constituíntes ou dun composto simple. Deste xeito, o motivo da orixe desta curta foi a súa elaboración a partir das diferentes escenas e elementos que a compoñen. Por outra banda, unha síntese tamén se interpreta como un resumo, como un compendio das situacións máis destacadas definidas, neste caso, polas sombras.”, explica a realizadora veciña de Naraío.

Bieito e o plano subxectivo
Outro exemplo do potencial profesional e creativo que temos en San Sadurniño é Bieito Beceiro. El vai para enxeñeiro informático e xa leva unha chea de pezas feitas. Aínda anda á procura do seu propio estilo, que a estas alturas podería definirse como estilo libre ao tempo que inconfundible. Bieito, natural de Bardaos, fai o que lle peta e como lle peta. O mesmo lle dá pola historia que polos haikus visuais ambientados na súa terra e, polo medio, proba cousas novas e experimenta coa cámara facendo virtude da escaseza de recursos.

Nesta edición, a cabeza de Bieito tampouco parou e quixo argallar por novos camiños e xeitos de narrar. Non deixou pasar a ocasión para facer algo diferente na procura do espírito de experimentación que vai da man da participación no Chanfaina Lab: “Esta peza xurdiu ao aplicar un método caseiro de estabilización da cámara. O experimento tivo un resultado inesperado, pois produciuse un efecto que lembra ao movemento dun cabalo do demo en lugar de reducir os movementos non desexados na gravación. E foi ao analizar ese resultado cando se me ocorreu a idea principal, pero faltábame como introducila, e para iso pensei no símil entre o insecto e un helicóptero.”

“A vista de cabalo do demo” é, segundo Manolo González -mentor de Beceiro nas lides visuais durante a súa estadía no instituto-  un xogo visual de quen mira ou escoita, mais alterando o punto de vista da mirada, neste caso o dunha libeliña que incordia o gando ceibo. Tal e como explica o profesor, no cinema convencional “o cineasta empraza a cámara nun lugar concreto e mira cara un punto establecido seguindo unha lóxica narrativa na que o espectador olla o filmado dende un punto de vista que pretende ser “obxectivo”. Mais Bieito segue na procura do seu estilo persoal, experimenta no proceso de gravación, que reforza coa idea musical do “Voo do moscardón” de Rimsky-Korsakov”.

Pola súa banda, Beceiro engade que a súa curta é resultado “da observación das reaccións dos animais (curiosidade, medo, etc) ao introducir un elemento estraño no seu hábitat (neste caso, eu e máis a cámara) como si fósemos un cabalo do demo”.  Neste sentido, o seu mestre e profesor convida a desfrutar da “viaxe inesperada” que propón Bieito, coa que nos achega “á  intimidade de seres vivos aos que posiblemente vexamos tan só como parte da paisaxe, en planos xerais. Hai que agradecerlle a este mozo de 20 anos que siga a traballar coa subxectividade e a experimentación na procura da mirada propia”, remata González.

 

Share.