“Cos pés na terra” grava un dos seus capítulos nas hortas de San Sadurniño

0

O programa “Cos pés na terra” que se emite na TVG é un espazo que mestura as historias de persoas que elixiron o agro como medio de vida ou no que se contan experiencias de posta en valor do rural como lugar cheo de oportunidades. Hai tres anos xa visitara o noso concello para coñecer o Tempos para compartir e o proxecto Fálame de San Sadurniño e este luns volveu andar por aquí para gravar o que será un dos últimos capítulos da temporada. A produtora A Fonsagrada Producións botou toda a xornada acompañando á responsable da aula CeMIT, Carmen Suárez, e ás protagonistas do proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño”.

Esta iniciativa xurdiu como un complemento da formación que se imparte na aula CeMIT e ocúpase, por unha banda, da alfabetización audiovisual e, por outra, da preservación de saberes da agricultura tradicional que as protagonistas dan a coñecer a través da súa propia canle de youtube. Como poñer unhas leitugas, como enristrar cebolas, os plantíos de chícharos ou pementos… constitúen ata o momento unha colección de doce videotutoriais en constante crecemento.

Lucita de Ernesto, Consuelo da Curuxa e Crucita de Piñón foron as pioneiras do proxecto ás que, máis adiante, tamén se lles uniron Maruxa da Laxe e Carmiña Couce  coas súas contribucións  explicándolle á cámara como cultivan a terra.

Todas elas participaron onte na gravación do programa “Cos pés na terra” que a TVG bota os xoves pola noite e que, en certa medida, ten un cometido similar ao “Teño unha horta…”, xa que tamén busca por en valor a terra como medio de vida. O equipo de filmación da produtora A Fonsagrada Producións estivo en San Sadurniño, Naraío, Igrexafeita, Lamas e Ferreira vendo como laborean as leiras, pero tamén como é o proceso de gravación dos vídeos que despois se colgan en youtube.

Aínda non hai data de emisión para o capítulo adicado a “Teño unha horta en San Sadurniño”, pero desde a produtora dan por seguro que será un dos últimos programas desta temporada. O que si se pode adiantar é que será un episodio sorprendente  por mor dos froitos -algúns certamente exóticos- que as labregas conseguen sacar da terra. E non contamos máis. Tan pronto como se saiba a data de emisión habemos darlle publicidade abonda a través das redes sociais.

Share.