Correos abre as bolsas de contratación de persoal temporal

0

A área de Desenvolvemento local, que tamén se dedica á prospección de oportunidades de emprego, envíanos información sobre a convocatoria das bolsas de emprego para a cobertura temporal de postos operativos en Correos. Un proceso a través do que a empresa pública configura os chamamentos para contratos por baixas, vacantes, vacacións ou permisos do seu persoal. Os requisitos para acceder ás listas son mínimos, aínda que hai unha serie de méritos baremables que deciden o acceso á bolsa de cada posto e a posición que se ocupará nela, como por exemplo a formación académica e o coñecemento de idiomas -especialmente en Atención ao Cliente-, contar con carné de moto, dispor de vehículo propio -no caso do reparto rural- ou ter realizado cursos específicos  ofrecidos pola propia empresa ou por sindicatos. Ademais tamén se puntúa a nota alcanzada nas últimas oposicións e a experiencia acumulada por contratos anteriores na empresa e, de feito, as persoas que xa forman parte das listas de contratación tamén deberán presentar a súa solicitude no mesmo prazo que aquelas que queiran acceder a elas por primeira vez. As bases desta convocatoria están publicadas na web corporativa de Correos, lugar onde tamén haberá que presentar as instancias. O prazo remata o 17 de febreiro.

As bolsas de Correos ofrecen unha boa oportunidade de emprego para calquera persoa que cumpra os requisitos. A diferenza doutras que funcionan nas administracións e empresas públicas, neste caso trátase de listas que van rotando os chamamentos entre os nomes que forman parte delas. Dito doutro xeito, podemos entrar na bolsa no último posto e obter un contrato temporal antes que unha persoa que estea por riba nosa se, por exemplo, esa persoa xa acumula varios contratos e nós aínda non tivemos ningún.

Ata se pode dar o caso de que unha persoa con máis puntuación ca nós dentro da mesma lista obteña un contrato de 15 días -por dicir un número- e que a nós, de acordo cos criterios de asignación e rotación, nos toque ocupar unha vacante, unha baixa médica, un permiso ou unha liberación sindical que seguramente nos dean para traballar unha boa temporada e cobrando un salario xeitoso, sobre todo se se trata dunha carteiría rural con moitos quilómetros de percorrido (o reparto con aportación de vehículo implica un tanto fixo por quilometraxe a fin de mes).

Por outro lado, entrar nas listas  tamén significa ir sumando puntos con cada contrato para futuras oposicións de Correos. Non menos importante é que, se estamos traballando, teremos a posibilidade de acceder de balde aos programas formativos gratuítos da empresa, cunha chea de cursos específicos que tamén son puntuables nos procesos selectivos.

Estes son os principais “pros” das bolsas de Correos. Pero tamén hai un “contra” que é común a todo este tipo de listas de emprego: hai que ter un ollo posto no teléfono constantemente por se nos chaman, algo que pode ser dun día para outro, de maneira que é moi difícil -por non dicir imposible- facer previsións de vacacións ou viaxes. Ademais, o feito de rexeitar un contrato dos que teñamos solicitado ou renunciar a el sen unha causa xustificada suporá o decaemento na bolsa correspondente.

Pero, para que postos son estas listas?. As bolsas ábrense en todo o Estado ao mesmo tempo e hai catro perfís laborais aos que se poderá acceder, que non están dispoñibles en todos os lugares:

  • Atención ao cliente, para traballo en oficina de cara ao público: recepción de envíos, entrega de paquetes e outros produtos postais.
  • Axente/Clasificación: persoal que traballa habitualmente nos grandes centros zonais de clasificación, como o situado ao pé do aeroporto de Santiago. Estes contratos adoitan ser para quendas de noite.
  • Reparto motorizado: as carteiras e carteiros que vemos habitualmente nas motos ou nos seus coches, tanto nas vilas e cidades como nas zonas rurais (esta última opción hai que sinalala especificamente ao solicitar a bolsa, que dá a opción de seleccionar exclusivamente este tipo de posto).
  • Reparto a pé: carteiros e carteiras que traballan movéndose a pé ou no transporte público nunha zona ou barrio determinado (os que vemos pola rúa co carriño)

A apertura das listas abrangue estes postos en practicamente todas as oficinas e carteirías da volta ata un número máximo de inscricións establecido por Correos de acordo co tráfico postal que soporta cada unha delas.

Dependendo da oficina e do posto ofértase a posibilidade de apuntarse para xornadas a tempo completo, a tempo parcial con distribución diaria semanal ou a tempo parcial por días, que poden ser determinadas xornadas  da semana ou para traballar os venres, sábados, domingos e/ou festivos. En calquera caso, cada aspirante a entrar nas listas só poderá solicitar a súa inscrición nun máximo de dúas bolsas de contratación e sempre dentro da mesma provincia ou dunha provincia limítrofe.

Para facérmonos unha idea de como está configurado o servizo postal e, de acordo con el,  a distribución das listas, quizais sexa de axuda saber cales son as oficinas principais da nosa zona e cal é o seu ámbito territorial (no aplicativo de inscrición en liña de Correos aparecen todas detalladas):

  • De Ferrol depende toda a área da cidade e tamén as parroquias do rural, desde San Felipe até Covas.
  • Narón xestiona o reparto do seu territorio e, ademais, del dependen as carteirías de Neda e San Sadurniño. Na bolsa convocada entran tamén os postos de Valdoviño, malia ser esta unha oficina independente.
  • A oficina de Fene atende o seu municipio e tamén os colindantes de Ares e Mugardos.
  • De As Pontes depende a zona urbana, pero tamén as carteirías rurais do municipio, así como o reparto nas Somozas e Moeche.
  • Cedeira atende todo o seu territorio e tamén o de Cerdido
  • Por último -na nosa zona máis próxima- está Ortigueira, cuxo radio de acción -e tamén as listas- cobre tamén Cariño.

O número máximo de prazas nas listas en cada unha destas oficinas é o que se reflicte no seguinte cadro, aínda que o dato válido é o que figura no buscador da web de Correos, onde se poden atopar todas as listas doutras zonas de Galicia e do resto do Estado. A empresa publicou no mesmo sitio unha guía para formalizar as solicitudes, que se deberán presentar en liña a través deste formulario. O último día para facelo é o 17 de febreiro.

POSTOS

PRAZAS OFERTADAS PARA AS LISTAS DE CADA OFICINA (SÓ SE INCLÚEN NO CADRO AS MÁIS PRÓXIMAS)

FERROL

NARÓN / VALDOVIÑO

FENE

AS PONTES

CEDEIRA

ORTIGUEIRA

ATENCIÓN AO CLIENTE TEMPO COMPLETO

15

8

8

4

4

4

ATENCIÓN AO CLIENTE TEMPO PARCIAL

20  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

10  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

10  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

 (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

6  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

10  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

REPARTO MOTORIZADO  TEMPO COMPLETO

40

10 (S. RURAL)

15

35 (S. RURAL)

12

20 (S. RURAL)

7

20 (S. RURAL)

8

12 (S. RURAL)

10

22 (S. RURAL)

REPARTO MOTORIZADO TEMPO PARCIAL

15  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

20  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

15 (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

(TEMPO PARCIAL POR DÍAS)

12 (TEMPO PARCIAL POR DÍAS)

3  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

10 (TEMPO PARCIAL POR DÍAS)

REPARTO A PÉ TEMPO COMPLETO

30

20

10

10

10

REPARTO A PÉ TEMPO PARCIAL

9  (DISTRIBUCIÓN DIARIA SEMANAL)

Share.