Conxelando o paso do tempo

0

Ata fin de mes podemos visitar na Casa do Concello a exposición fotográfica “Nocturnalia”  do cedeirés Alberte Couto. Trátase dunha escolma da súa afección polas imaxes captadas mediante a técnica da longa exposición, coa que Couto nos ofrece puntos de vista distintos da súa vila e doutras partes de Galicia  “coa pretensión de encher o ollo de quen mira”, tal e como el mesmo explica na súa páxina en Facebook. Sobra dicir que todas son fotos nocturnas nas que a luz do firmamento se mestura coa da paisaxe urbana dunha maneira que ese “ollo de quen mira” nunca podería ver se non fose coa mediación da cámara.

A fotografía de longa exposición é unha técnica que se coñece de vello. De tan vello que nas súas orixes a fotografía era toda de longa exposición. A finais do século XIX retratarse era cuestión de estar inmóbil durante varios segundos ou incluso minutos se non había luz suficiente. Namentres, as pesadas cámaras de madeira e lentes rudimentarias ían fixando a imaxe en grandes placas impregnadas de material sensible á luz que despois se trasladaban a papel.

Porén, esa limitación técnica dos albores da fotografía tamén era unha vantaxe que a arte soubo aproveitar para reflectir o mundo dun xeito distinto no que o paso do tempo crea instantáneas imposibles de ver a simple vista.

A chegada da era dixital fixo aínda máis doado tirar fotos onde aparecen ríos semellantes a un ronsel de seda, nubes que se difuminan sobre mares embravecidos que, ao tempo, cobren as rochas coma un fino manto ou estrelas penduradas sobre o horizonte como recordatorio da inmensidade do firmamento.

Alberte Couto é un fotógrafo apaixonado pola longa exposición nocturna. De aí que a mostra aberta na galería do Pazo da Marquesa se denomine “Nocturnalia”. Son arredor dunha vintena de imaxes tomadas en distintas zonas de Galicia, pero con preponderancia das que se ocupan da cidade da Coruña e de Cedeira, esa “vila de contrastes” á que Couto lle ten sacado centos, milleiros de fotos desde todos os ángulos posibles para reflectir verdores, chalanas arroladas pola marea e areas iluminadas pola lúa e por eses farois públicos tan útiles para a longa exposición urbana e tan perniciosos para a longa exposición dos ceos estrelados.

A exposición pode verse na Casa do Concello ata o día 30 deste mes de decembro de luns a venres e en horario de mañá agás os festivos.

Share.