Convocadas as axudas para paliar as perdas producidas polo xabaril e o lobo

0

Xa están en vigor as  convocatorias da Xunta destinadas a compensar economicamente os danos que producen os xabarís nos cultivos agrícolas e as perdas no gando por ataques do lobo. A estas liñas poderán acollerse as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións inscritas no REAGA ou de autoconsumo. As axudas abranguen os danos comunicados desde o 1 de outubro de 2020 ata o día 30 de setembro de 2021, algo que se deberá facer a través do teléfono 012 -981 900 643 para que non haxa cargos na factura- e sempre dentro das 72 horas posteriores ao ataque (24 horas se se trata de incidentes co lobo en gando en rexime intensivo). No caso de estragos en leiras ou danos en animais que se producisen desde o pasado mes de outubro até a entrada en vigor da orde, a solicitude ha de presentarse no prazo máximo dun mes, o mesmo que para os sucesos comunicados a partir de agora e ata o peche do prazo de solicitude.

Empecemos falando das perdas producidas polo lobo. Nese caso existe un baremo de prezos para ovellas, cabras, cochos -sempre que sexan da raza Celta-, gando vacún, cabalar e incluso burros e mulas. Na nosa zona o que máis preocupan son os ataques a ovellas, vacas e tenreiros, por tratarse do gando máis abundante.

As compensacións para o gando bovino van en tramos de idades desde os 242 euros dun becerro de raza leiteira menor de dous meses -308€ se é de Rubia Galega e 364 se se trata doutra das razas do país-, até os 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de 2 a 6 anos. Se o ataque o sofre un exemplar dese mesmo tramo pero dunha raza leiteira a axuda cífrase en 1.613€, e se é de Rubia Galega en 1.211 euros.

As compensacións no ovino e cabrún van desde os 26€ por exemplares adultos maiores de 6 anos até os 132  por cabuxos e castróns de entre 1 e 6 anos de calidade selecta. En ovellas a indemnización anda entre os 59€ dun año de calidade normal menor de 12 meses e os 125€ se se trata dun animal adulto de ata 6 anos de calidade selecta. As indemnizacións por danos a eguas e cabalos van desde os 160€ por un poldro de ata 2 meses até os 800 euros se o animal ten entre 2 e 10 anos e é de Pura Raza Galega (600 euros nos restantes casos).

Poderase obter subvención pola morte do animal e polos gastos veterinarios derivados da súa cura. Se finalmente morre -ou é necesario sacrificalo-, poderán xustificarse ambos gastos e incluso se poderá pedir subvención polos abortos sufridos polas femias a raíz dos ataques, sempre e cando o certifique un servizo veterinario.

No caso dos danos ocasionados polo xabaril as axudas poden chegar aos 2.000 euros, independentemente do número de cultivos e da superficie que se vise afectada polas fozadas do porco. A propia convocatoria fixa prezos por metro cadrado dependendo do tipo de cultivo afectado, que van desde os 0,12€ por m² das praderías  e os 0,25€ do maínzo para silo, ata 1,82€ metro cadrado de horta ou os 3,25€ no caso das plantacións de froiteiras, que agora si se contemplan nas compensacións.

O procedemento que se debe seguir especifica a obrigatoriedade de chamar ao 012 para informar dos estragos á Consellería de Medio Ambiente, aínda que é mellor chamar ao 981 900 643 para evitar cargos inesperados na factura do móbil. O servizo atende de luns a venres entre as 8 e as 20.00h. e os sábados de 8 a 17.30h. Unha vez rexistrada a denuncia, a Xunta enviará persoal á explotación -ou á parcela, no caso dos danos do xabaril- para comprobar a existencia dos danos. É importante ter en conta isto, xa que non se deberá tocar nada mentres o persoal técnico non faga a valoración dos danos ocasionados polo lobo ou o porco, coa que posteriormente elaborará un informe dirixido ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural.

A solicitude de axuda ten que facerse como máximo ata un mes despois de comunicar o dano. O trámite debe levarse a cabo preferiblemente a través da Sede Electrónica da Xunta, aínda que as persoas físicas poderán achegar a documentación en papel en calquera oficina autonómica ou a través do rexistro do Concello. 

Outras convocatorias para o agro publicadas estes días
Por outra banda tamén cómpre sinalar que o pasado 12 de xaneiro se convocaron as axudas dirixidas á prevención de danos de especies animais silvestres, coas que se financiará a instalación de peches nas leiras e pastores eléctricos, ademais da adquisición de cans de garda para protexer o gando dos ataques do lobo.

E, relacionado co anterior e con outros problemas sobrevidos que poidan sufrir animais ou cultivos, tamén se publicaron as bases reguladoras para as axudas á contratación de seguros agrarios e as referidas a indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades. Estas convocatorias están abertas todo o ano.

ORDE do 17 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809E).

ORDE do 16 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809B).

ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809D)

ORDE do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR443A).

ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR553C)

Share.