Convocadas as axudas para Cultura e Deportes deste ano

0

O Boletín Oficial da Provincia publica este luns 25 de xaneiro as bases das axudas para actividades organizadas no municipio por entidades culturais e deportivas. As subvencións abranguen tamén o mantemento das instalacións daquelas asociacións que dispoñan de local en propiedade. O Concello reservou un total de 24.000 euros para esta convocatoria e as asociacións e clubes teñen ata o 25 de febreiro para presentar as solicitudes. Con todo, o montante total para Cultura e Deportes ascende a 62.000 euros dado que á parte desta convocatoria o Concello tamén subscribirá convenios puntuais co Aldebarán, co C.F. San Sadurniño, coa ANPA do CPI, con Biela e Chaveta, coa AGFA do Eume, coa Asociación Galega de Apicultura e coa Asociación Brío.

No tocante a actividades culturais destinarase un montante total de 19.000 euros divididos en tres partidas: 14.000 para actividades (máximo 4.000 euros de axuda), 2.000 para mantemento e infraestrutura das entidades con local propio ou en alugueiro e, por último, 3.000 euros para as comisións de festas cun tope de 300 euros por cada unha.

As entidades terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que despois serán avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data.

Trala resolución da concesión de axudas -e despois de executar as actividades-, as asociacións terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.

En referenza ás axudas para entidades hai que ter en conta que, a maiores, o Concello tamén reservou nos orzamentos deste ano unha partida de 38.000 euros que se distribuirán a través de convenios do seguinte xeito: 4.000 euros para a ANPA do CPI, 500 para a AGFA do Eume, que xestiona a horta de froiteiras do país, e 1.500 para a AGA.

No caso das axudas a entidades deportivas o importe global é de 5.000 euros, aínda que cómpre ter en conta que varias entidades tamén terán convenio e non entrarán na convocatoria, como é o caso do Aldebarán de volei -18.000 euros-, o C.F. San Sadurniño -12.000-, o Clube ciclista Biela e Chaveta -1.000- e a asociación Brío, que percibirá outros 1.000 euros. Trátase dunha colaboración directa enfocada ao mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello.

Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.).

Os criterios para a concesión das axudas valorarán o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero -presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos- e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais. Os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida.

As axudas para Cultura e Deportes poderán solicitarse ata o 25 de febreiro e, como se dixo algo máis arriba, a xustificación deberá presentarse, como moi tarde, o 30 de novembro a menos que se pedise formalmente unha prórroga. As comisións de festas poderán facer a solicitude durante o ano, aínda que sempre con 30 días de antelación con respecto á festa que vaian organizar.

Documentación descargable
Bases subvencións entidades culturais e Comisións de festas
Folla de solicitude .doc para Cultura e Comisións de festas
Bases subvencións entidades deportivas
Folla de solicitude para Deportes en formato .PDF editable (fai falla descargar o arquivo no escritorio e abrilo con Adobe Reader)

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0329_gl.html#sthash.73QaJhe6.dpuf

Share.