Constituída a Comisión Municipal de Seguimento da evolución do coronavirus

0

Unha das claves para adoptar medidas efectivas de contención dos contaxios de coronavirus é a unidade de acción de todas as institucións. Trala declaración do Estado de Alarma, é o Goberno estatal quen asume as competencias en materia sanitaria e quen artella as medidas que se han de adoptar, independentemente de que haxa outras tomadas con anterioridade, como ocorreu no caso de Galicia e outras comunidades. Así, todas as administracións teñen que cumprir e, ata onde poidan, facer cumprir os ditames das autoridades de saúde. E han de facelo tendo claro como proceder en cada momento e da maneira máis eficiente posible. Nesta liña, a FEGAMP suxeriulles aos municipios galegos que reorganizasen o seu funcionamento interno de cara a ofrecerlle á cidadanía os servizos impresicindibles e tamén lles recomendou a creación dunha comisión de seguimento que centralice en cada concello a toma de decisións. Así o fixo esta mañá San Sadurniño por medio dunha resolución da alcaldía que ten os seguintes contidos, xa avanzados onte á noitiña:

Créase a Comisión Municipal de Seguimento da evolución da COVID-19, que estará composta polo alcalde, Secundino García, o 1º Tenente de alcalde, Manolo Varela, pola voceira do grupo de goberno, Mari Carme Muíño e pola Secretaria accidental, Mónica Cibreiro. Esta comisión poderá incorporar persoas con experiencia en materia de emerxencias e protección civil para que acheguen o seu coñecemento e asesoramento.

Decrétase o peche total da atención presencial nas oficinas municipais desde este 16 de marzo e durante o tempo que permaneza activo o Estado de Alarma, agás aqueles servizos declarados como esenciais -susceptibles de modificacións-, que serán: a atención á veciñanza -telefónica e telemática-, o rexistro xeral, o padrón de habitantes, desenvolvemento local, servizos sociais, obras e servizos, abastecemento de auga potable, a depuración de augas residuais, a recollida do lixo e a limpeza viaria e, por último, as funcións de Secretaría-intervención-tesouraría para o rexistro telemático de facturas e o pagamento a empresas provedoras.

O persoal dos servizos que non se inclúan no listado anterior deberá permanecer operativo e dispoñible durante a xornada laboral para acudir aos seus postos de traballo no caso de que sexa preciso ante situacións de urxencia ou necesidade inaprazable. Neste sentido poderanse adoptar decisións de adscrición temporal a outras áreas no suposto de ser imprescindible para garantir o desenvolvemento mínimo dos servizos esenciais. A estes efectos todo o persoal deberá estar localizable e dispoñible.

En canto á atención á veciñanza neses servizos esenciais, a resolución da alcaldía confirma o avanzado onte: a atención presencial será estará motivada unicamente por razóns e urxencia e sempre será obrigatorio chamar antes ao Concello -981 490 027- ou mandar un correo a correo@sansadurnino.gal para que o persoal municipal valore obxectivamente a petición e, de ser o caso, dea cita previa para facer o trámite do que se trate. 

Baixo a supervisión da Comisión Municipal de Seguimento faranse as adaptacións da xornada do persoal establecendo quendas e procurando que o labor presencial só o desenvolvan os traballadores e traballadoras mínimos e imprescindibles para o funcionamento de cada servizo. Ademais, ao persoal adscrito aos servizos esenciais con fillos ou fillas menores e/ou maiores dependentes, permitiráselle ausentarse do posto de traballo e permanecer no domicilio -tendo a consideración de deber inescusable, tal e como se recolle no estatuto básico do empregado público-, nos momentos e prazos en que non fose posible establecer quendas de traballo compatibles.

No último apartado da resolución da alcaldía sinálase que quedan suspendidas as sesións periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados municipais -plenos, comisións informativas, etc-, a excepción da Comisión de Seguimento da COVID-19, da Xunta de Goberno Local, que se celebrará por medios telemáticos, ou calquera outra que fose preciso celebrar con carácter extraordinario ou urxente.

Resolución da alcaldía (.pdf)

 

 

Share.